Teatro, literatura e cine no primeiro venres de novembro. A axenda da xornada trae propostas nas tres comarcas: Bergantiños, Soneira e tamén Fisterra
07 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Venres 7 de novembro e hai ben onde escoller para entreter esta xornada na Costa da Morte. Tome nota:
Carballo • Varias propostas. Unha, ás 18.30, a apertura na galería Manolo Eirín da primeira exposición individual de Álvaro de la Vega (Lugo, 1954), tamén vinculado a Corcubión. É un proxecto comisariado polo propio Eirín e por Manuel Tuset, arredor da persistencia en distintos ámbitos. Doutro lado, ás 19.00 e da man da Deputación, acollerán as Escolas Agra de Caldas unha cita ben acaída para regueifeiros/as: trátase dun coloquio improvisado que leva por título Bertsolaritza e regueifa, con Nerea Ibarzabal. No Café Colón, en terceiro lugar, haberá outro venres de tardeo musical, desta volta con Diana Pombo: 20.00.
Cee • Acolle a biblioteca Francisco Mayán (19.30) a presentación do libro As almas da fisterranía, do escritor Modesto Fraga. Estarán con el Margarita Lamela, alcaldesa, e Salvador Mosteyrín, mestre e historiador. Antes, ás 17.00 na biblioteca do IES Agra de Raíces, presentarse outra obra, o libro Botando raíces, polo 50.º aniversario do centro educativo.
A Laracha • Bota a andar un dos ciclos culturais máis agardados, os Venres Culturais. Serán este ano cinco obras, a primeira delas hoxe ás 21.00 na Casa da Cultura, con entrada libre ata completar o aforo da sala. David Amor e Josito Porto, dous rostros ben coñecidos da interpretación galega, subirán ao escenario con Go home!, peza de Etiqueta Negra que conta as peripecias dun viaxeiro ben singular. De fondo, o asunto do turismo.
Compostela • Santiago, pero con alma de Carballo. A sede da Fundación SGAE acolle ás 12.00 horas a presentación do disco Sinfonía Bergantiños, de Sergio Moure de Oteyza.
Coristanco • A programación coristanquesa en torno ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, inclúe para hoxe, ás 10.30 na biblioteca, a proxección de Mis pequeños amores.
Vimianzo • Ademais do programa Eco de Sol de aAntena —ver máis abaixo—, avanzará esta tarde o ciclo Mestre Mateo, da Academia Galega do Audiovisual. Penúltima sesión na Casa da cultura, ás 20.00: longametraxe Xustiza artificial. Acceso libre e de balde.
«Wombo Combo», cita familiar na Mostra de Teatro de Malpica
Hoxe • 20.00 horas • Logo da apertura, o pasado venres, coa función A teteira de Kabul, a 21.ª edición da Mostra de Teatro do Concello de Malpica seguirá avanzando esta tarde cunha nova proposta para que gocen familias e público infantil, con espectadores a partir dos 5 anos de idade. Trátase de Wombo Combo, da compañía carballesa Galeatro, 50 minutos dun espectáculo que foi finalista nos Premios María Casares 2023 á mellor proposta familiar. A representación está programada para as 20.00 horas, no auditorio do centro cívico, e a entrada é de balde.
Wombo Combo é unha peza coproducida polo Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, onde foi estreada no ano 2022. Sobre o escenario están Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez. A través da vida de Sara, tocan temas como o acoso escolar ou a realidade virtual. Que pode pasar cando a vida na Rede ou nos xogos en liña chega a substituír á vida real? Pode unha existir sen a outra? Mundo virtual e teatro xúntanse nesta creación arredor dun texto de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. A tecnoloxía como refuxio e como cova. Unha peza para darlle voltas, sen xulgar.
Memoria fotográfica do Prestige en Vimianzo, este venres
Hoxe • Arte, reflexión e memoria, para mirar o territorio con outros ollos, é o que traerá hoxe o proxecto Eco de Sol a Vimianzo. A iniciativa de aAntena Teatro foi recoñecida co Premio Proxectos Culturais Singulares para a Mellor Social da Deputación, e inclúe como primeira parada deste venres (11.30) a inauguración na Casa da Cultura da exposición Prestige, 20 anos.
Mónica Rodríguez, alcaldesa, acompañará á fotoxornalista Ana García, autora xunto con José Manuel Casal das fotografías que compoñen esta mostra, pertencentes ao arquivo de La Voz de Galicia: «Trátase dun material de alto valor histórico e simbólico, que documenta os primeiros días da traxedia e a resposta cidadá en toda a comarca», traslada aAntena. Intervirá asemade Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo. A mostra poderá visitarse ata o 30.
Igualmente dentro do proxecto Eco de Sol poderase ver hoxe ás 12.00 na Casa da Cultura de Vimianzo o documental Derrubando xigantes, de Oco Filmes, sobre o impacto da industria eólica. Finalmente, ás 18.00, haberá unha Conversa Aberta con Virginia Barros e Lucía Paz. Acceso libre e de balde.
Venres de dobre inauguración na capital bergantiñá
Carballo sumará dende hoxe un novo local de hostalaría. Trátase da cervexería A Favorita, emprazada no número 34 da rúa Fomento. A apertura está programada para as 19.00 horas. Entre as 17.00 e as 22.00 horas, doutro lado, tamén iniciará andadura este venres Chapa y Pintura Ferrero, no polígono de Bértoa, facendo esquina entre a rúa do Cobre e a rúa Wolframio.