A música ten destacado peso na xornada, pero tamén haberá teatro, premios, homenaxes, cogomelos, castañas...
15 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Non queda lonxe Santa Icía, patroa da música, e iso nótase na axenda da Costa da Morte para este sábado 15 de novembro. Así, as citas dese eido para hoxe:
Carballo • O programa Novembro con Música avanza hoxe en Carballo con varias propostas, entre elas unha música. Trátase do 40.º aniversario do coro Aires de Bergantiños, no que terán como formación convidada a Cántigas da Terra. Ás 20.30, no Pazo da Cultura, con acceso de balde. A cita está organizada polo propio coro, fundado no 1985 por Carlos Díaz, O Xestal.
Camariñas • O Concello inicia a súa programación en torno ao 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, coa terceira Xuntanza Voces contra as violencias machistas: 18.00, Casa de Pedra. Participan asociación Chorima de Castro (Narón), Coral Centro Social Sagrada Familia (A Coruña) e coral Brisas do Mar (Camariñas). Ao remate, diante da escultura á muller palilleira, haberá unha lembranza ás vítimas de feminicidio.
Vimianzo • A música protagoniza asemade a programación outonal na Casa da Cultura de Vimianzo para hoxe. Ás 20.30 horas, e baixo o paraugas do Outono das Artes da Deputación, subirá ao escenario a banda galego-belga Ialma. A formación, referencia para a emigración, trae a Soneira unha homenaxe a Galicia, á diáspora e á forza das pandereiteiras. «Galegas do mundo», como se definen Verónica e Natalia Codesal, Marisol Palomo e Eva Fernández. Compartirán encontro con elas un bo número de artistas da comunidade, e mesmo da zona.
Cabana • Chegou o día para o festival As Nosas Músicas, de iniciativa municipal: 18.00, auditorio, acceso de balde ata completar aforo. Interveñen Jacinto Paredes e os seus acordeóns, Inspiración, O So do Castro, Maruxía, Os Enxebres, Vento da Barra, Os Farrapos e Barreiros&Mato. Todo talento local. É esta unha das citas xa clásicas no almanaque outonal cabanés, un punto de encontro, ademais, interxeracional.
Tres paradas para gozar do teatro
Hoxe • Continúa a dramaturxia a traer ledicia a este outono da Costa da Morte. Haberá hoxe tres citas neste sentido, unha delas en Carballo, a cargo do Coro Vagalume, teatro amador. Ás 19.30 horas, no local social de Cances, representarán a peza Operación barranco. Acceso libre.
Doutra banda, no auditorio da Casa da Cultura de Cee intervirá ás 20.00 horas Bea Campos, de Inventi Teatro, co seu monólogo Marcho, que teño que marchar, unha reflexión sobre roles e desigualdades de xénero. Entradas —a 3 e 5 euros— dispoñibles dende unha hora antes na billeteira física do espazo.
En Ponteceso, finalmente, avanzará o 32.º Ciclo de Teatro con Apaga o candil, de Contraproducións: 22.00, no Edificio das Escolas.
Lembranza de Mon Rey en Cee
Hoxe • O Concello de Cee programou para hoxe os actos de recoñecemento a quen foi bibliotecario na vila durante 33 anos: Mon Rey Senra. Ás 12.00, na Casa da Cultura, intervirán Miro Villar, Víctor Castiñeira, Fernando Fraga e Martín Castiñeira, estes dous últimos sumando talento musical para a ocasión. Ás 13.00, na propia biblioteca, terá lugar o acto formal de nomeamento da sala de hemeroteca e fondo local como Sala Mon Rey. Intervirá ademais Margarita Lamela.
Ángel Castro. No Bela Múxia, doutro lado, renderán hoxe homenaxe ás 18.00 a Ángel Castro, todo un exemplo de hospitalidade no albergue: anfitrión, compañeiro e amigo. Chegou a hora da xubilación.
Premios para os relatos Vákner
Hoxe • O albergue de peregrinos de O Conco, en Dumbría, acollerá esta mañá (12.00 horas) o acto de entrega de premios correspondentes aos certames literarios Territorio Vákner, convocados por Radio Voz e La Voz de Galicia, co patrocinio do Concello de Dumbría. O encontro, ademais de coa presenza dos galardoados, contará coas voces de Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo; Rodrigo Costoya, escritor e padriño desta edición 2025 dos concursos; Julio Abalde, subdelegado do Goberno; Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Raúl González, alcalde de Dumbría. O corcubionés Juanma Abelleira Ronquete sumará o seu talento ao saxo a esta velada, coa interpretación de tres pezas.
Magostos e micoloxía engaden o sabor de outono á xornada
Hoxe • Castañas e cogomelos son dous dos froitos de outono que máis xente reúnen na Costa da Morte. Así volverá ser hoxe, con estas citas:
Muxía • A lonxa muxiá acollerá esta tarde unha nova edición do Magosto das Abaladeiras, organizado polo Concello de Muxía e a asociación As Abaladeiras. É unha das festas máis queridas do outono na vila, din dende o Concello, unha mistura de xogos populares (16.00), foliada (18.00), castañas de balde, ambiente familiar e festivo e este ano, por vez primeira, un concurso de empanadas. Será tamén na propia lonxa e os interesados poderán inscribirse e entregar as súas propostas entre as 15.00 e as 16.00. O xurado fará cata e valoración de 17.00 a 18.00 e o fallo anunciarase xa ás 20.00.
A Milagrosa (Carballo) • Primeiro magosto da ACD Milagrosa, ás 18.00 na Escola de Arrabaldes.
Soesto (Laxe) • Natureza, divulgacion e gastronomía únense na nova experiencia micolóxica organizada pola casa rural Arrueiro, en Laxe). Cómpre estar anotado. Ás 15.00 horas farase unha xornada didáctica de identificación de cogomelos con Juan Carlos Lauroba e para a noite está prevista unha cea maridaxe con produtos de tempada.
Tella (Ponteceso) • A asociación de veciños Os Seixos promove un festival de Outono no local social que xirará en torno a unha velada micolóxica. Saída ao monte ás 10.00 e charla de Manuel Pose Carracedo, con petiscos varios, ás 16.30 horas.
Buño (Malpica) •?Magosto da asociación O Quinteiro, de balde e aberto a todos. No Ecomuseo Forno do Forte. Narración oral con Vero Rilo (17.30), vídeo de xogos recollidos (18.30), castañas (19.00) e Contos de defuntos con Brais das Hortas (20.00).
Baile, poesía e festas para facer aínda máis redonda a velada
Hoxe • Non só de música, teatro, homenaxes, premios ou gastronomía se nutre hoxe a axenda da comarca. Hai outras propostas, como o baile social, con cando menos dúas paradas na comarca: en Cee bailarán no salón de actos do Concello con Martín Reimúndez, de 19.00 a 22.00 horas, e en Zas farán o propio co dúo Maiami no centro sociocultural, tamén de 19.00 a 22.00 horas.
En Carballo, doutro lado, e con motivo da clausura da exposición Incógnitos na galería Garabato, programouse para as 20.30 horas un recital poético-performativo baixo o lema E xa que estamos de paso... Na poesía estarán as voces de Dora Mato, Lucinda Andrade e Carmen González Llorca. Na performance, Jesús Artéxtasis. Na música vocal, Susana de Lorenzo. E, como mestra de cerimonias, Loli España. Andarán de celebración, finalmente, por Vilaseco (Vimianzo), hoxe con misa cantada ás 13.00, pasarrúas de Trubisquiña, sesión vermú con Zona Centro e verbena con Mega CDC e Zona Centro.