O material témolo todo, pero agora os retos son outros

DIEGO RAMA

A LARACHA

Diego Rama, ao pé do castro de Montes Claros, en Vilaño
Diego Rama, ao pé do castro de Montes Claros, en Vilaño ANA GARCÍA

En primeira persoa | É importante que lles recordemos aos nosos nenos como vivimos nós, os nosos pais e os nosos avós e bisavós

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu nacín e a min me criaron, aló polos anos 90, a España e a Galicia na que viviamos non era a de hoxe.

Eramos fillos de obreros e emigrantes, de persoas que marcharan do país con 20 anos para labrarse un futuro, deixando a familia e a terra atrás. Xente que tiña as ideas claras e ningún dó do corpo. Non me quero meter en se esas ideas eran boas ou malas, pero do que non teño ningunha dúbida é de que estaban claras.

Eu non fun obrero, pero dalgunha maneira fun emigrante. Marchei para Madrid con 23 anos e dez anos despois, no 2024, decidín volver a Galicia. Volvín ca miña parella, Iliet, tamén emigrante, quen veu dende Cuba a España buscando unha vida mellor. Algo parecido fixera o meu bisavó Rafael, pero ao revés. El tivera que marchar da Laracha para Cuba, e aínda pouco antes de morrer se queixaba do mal que o pasara aló. A realidade é que marchar da terra dun non é fácil. Da miña historia de vida saco que as persoas son persoas en todo o mundo, aínda que non vivan no país que as viu nacer, e como persoas han de ser tratadas.

Meus pais e meus tíos tiveron fillos moi pronto, desfrutaron deles de novos e botáronos moito de menos mentres estiveron fóra. Pese a todo, sacaron aos seus fillos adiante, e estes medraron con ganas de vivir, de rir, e de loitar polo seu. Daquela, había moitas cousas que se descoñecían porque non había o acceso á formación e á información que hai hoxe. Meu pai, Santiago, que sacou o graduado escolar pola radio con 32 anos, sempre me dixo: «Canto máis sabes, máis ignoras». O significado desa frase non é literal, senón que pretende explicar que cantas máis cousas aprendes, máis conta te dás de todo o que che falta por aprender. Esa diferenza no acceso á información entre a súa xeración e a nosa, unido a un «doucho todo porque eu non o tiven», explica en parte o desubicados e incomprendidos que nos sentimos moitas veces os millenials e a xeración Z.

Valores

Meus pais e meus tíos non lían libros para aprender a criarnos, non tiñan aplicacións móbiles, apps, para controlar o embarazo, nin ChatGPT para resolverlles as dúbidas diarias sobre lactancia, coidado ou crianza respectuosa. Os meus avós, moito menos.

Se atendemos a todo o que se sabe hoxe, posiblemente non nos criaran da mellor maneira, pero o que si fixeron foi inculcarnos uns valores que, se se coidan, aguantan dereitos coma estacas das nosas vidas: amor incondicional (ás veces mal entregado, pero incondicional), capacidade de esforzo e sacrificio, respecto polos maiores, e moita honestidade (ás veces demasiada, debo confesar).

Para entender a nosa crianza, cómpre entender a crianza dos nosos pais, e entender o momento histórico no que esa crianza se deu. Meus pais e meus tíos foron fillos da ditadura e netos da posguerra, da fame, dunha España e unha Galicia anticuadas, empobrecidas e reprimidas por un réxime autoritario que durou demasiado, e que aínda hoxe non está condenado. Eu téñolle escoitado dicir a miña nai, Adelina, que cando volvía do colexio tiña que facer a cea para toda a súa familia, e pola noite cando acababa, poñerse a estudar. Meu pai con seis aniños ía andando á escola, ao mellor cun pouco pan duro con auga e unha gota de leite para almorzar.

Con 14 anos xa traballaba, tiña o seu paquete de tabaco e xa gañaba para comprarlle á súa irmá Esther (hoxe miña madriña) algún par de zapatos.

Eu non quero que volvan «os tempos de antes», por iso é importante que os adultos de hoxe recordemos e lle recordemos aos nosos nenos como vivimos nós, os nosos pais e os nosos avós e bisavós. Penso que os dereitos adquiridos han de ser valorados, e non podemos dalos por feito. Tal como veñen, marchan, e é responsabilidade de cada un de nós valoralos e usalos para que ninguén nolos quite.

«Nunca tan ben se viviu» é outra das grandes frases de meu pai. «A nevera chea, ir ao gimnasio, viaxar... calidade de vida», di el. E ten razón, o material témolo todo, que é o que lle faltou á súa xeración. Pero agora os retos son outros: volver a conectarnos como persoas no mundo real e físico; formarnos e informarnos para desenvolver un pensamento crítico que nos permita diferenciar o bo do malo, o real do ficticio, con reflexión e criterio, e coidarnos mental e emocionalmente para poder facer fronte á inestabilidade e á polarización social crecente.

Para iso, estou case seguro de que o mellor antídoto é volver aos valores que os nosos pais e avós nos inculcaron: amor incondicional, capacidade de esforzo e sacrificio, respecto polos maiores, e moita honestidade.

DNI: DIEGO RAMA

Naceu o 29 de decembro de 1997 en Vilaño (A Laracha). É «account manager» para startups en Amazon Web Services (AWS), onde axuda a empresas innovadoras de software a facer medrar o seu negocio na nube. Con máis de dez anos de experiencia no sector da tecnoloxía en Microsoft e Amazon, ten traballado con ducias de empresas de Europa e Estados Unidos. Recoñécese apaixonado do liderado estratéxico e organizacional. No ámbito académico desenvolveu estas competencias en escolas como MIT, INSEAD e ESIC, onde cursou ademais o dobre Máster en Dirección de Marketing e Xestión Comercial, logo de ter completado o grado de Psicoloxía na Universidade de Santiago (USC). Diego é o actual presidente da asociación Adro de Vilaño, unha entidade que traballa por volver conectar a veciñanza, de xeito interxeracional, creando comunidade, a través de múltiples actividades.