Camariñas ambienta o territorio para a próxima visita do rei Alfonso VIII
CAMARIÑAS

Bota a andar unha nova edición do Encaixe no Camiño, hoxe coa apertura do mercado artesán
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Incluso máis atrás no tempo ca Corcubión viaxará Camariñas esta fin de semana. Foi entre o 21 e o 25 de agosto do 1228 cando o rei Alfonso VIII de Galicia e León —IX para a historiografía española— visitou varios pobos da Costa da Morte. Ese é o momento que recrearán mañá pola mañá en Camariñas, camiñata ata Cereixo incluída para o domingo. Sábado e domingo serán os días máis intensos, con teatro, artesanía, gastronomía, saber local, concertos ou desfiles de moda, mais O Encaixe no Camiño, a cita que aglutina todo isto, botará a andar xa hoxe. Será ás 17.00 horas cando se dea por inaugurado o mercado de postos artesáns, algo que se fará acompañar de animación musical. Organiza un ano máis a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.
Hoxe
- 17.00. Apertura do mercado de postos artesáns e ambiente musical.
Mañá, sábado
- 11.00. Apertura do mercado e desfile de comparsas.
- 11.30. Saída da comitiva dende a Casa da Pedra cara o porto para recibir ao rei Afonso VIII de Galicia e León.
- 11.45. Presentación dos actos no porto. Desembarco do rei e recreación teatral da súa chegada.
- 13.00. Festa do Marisco. Mexillón e percebe, co patrocinio de Mariscos Antón e a colaboración das confrarías de Camariñas e Camelle.
- 17.00. Demostración en vivo de oficios artesáns: cestaría, coiro...
- 18.00. Mesa redonda: «Historias do Concello de Camariñas». Na Praza do Mercado. Con Vicente Carril, María del Carmen Vidal, Antonio Puertos, Josefa González e Víctor Fernández como moderador deste encontro.
- 19.00. Teatro de marionetas.
- 21.00. Concertos de música. La Banda del Pájaro e El Corta. Un remate para gozar con ritmos que levarán aos asistentes ata os anos 80 ou 90.
Domingo
- 09.30 horas. Saída dende a Praza do Mercado da camiñata cara Cereixo, acompañando ao rei Afonso VIII. Haberá paradas con representación teatral en Xaviña e tamén en Cereixo. Participar nesta andaina require de inscrición previa nos teléfonos 647 398 023 ou 662 488 253. Haberá autobús de volta para os participantes.
- 11.00. Apertura do mercado de postos artesáns medievais.
- 11.30. Demostración de artesanía en vivo e teatro de monicreques.
- 18.00. Recreación do desembarco da dama italiana que ensinou a palillar.
- 19.00. Desfile de moda de encaixe de Camariñas. Un fabuloso remate.
Todos os días
- Actividades na rúa, animación popular, xogos para grandes e pequenos...