Arume presenta o seu 42.º Albaroque, «moito máis que unha festa»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

«É o recordatorio de que somos parte dunha historia que segue viva, un encontro de pasado, presente e futuro», afirmou Belén Mato

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Representantes das asociacións cultural e xuvenil de Arume de Berdillo —Belén Mato, presidenta da cultural, e Diego Bolón, secretario da xuvenil—, acompañados pola edila Maruxa Suárez e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron este venres pola tarde a 42.ª edición do Albaroque, «moito máis ca unha festa», lema que levan ao cartel. Deputación e Calvo suman forza a un programa que se concentrará nos días 7 e 8 de xuño, venres e sábado, e do que debullaron os ingredientes.

Na primeira xornada, xogos populares dende as 18.00 horas. Na segunda, un menú enorme de propostas, da mañá á noite: Escola de Baile e Música de Arume, Coro Aires de Bergantiños, sesión vermú con O Tren da Unha, xantar, Albaroquiño con Peter Punk e Brais das Hortas, exhibición de ximnasia rítmica, bailes latinos, Cantos de Taberna... O II Son Pineiro, a modo de remate, traerá ata Berdillo á charanga Trébede (21.00) e a Os Viqueiras (22.00).

A Fonte da Chavella foi onte o lugar elixido para presentar o programa, moi na liña da filosofía desta celebración: «É un lugar emblemático da parroquia, de xuntanza, encontro, e para nós o Albaroque é iso mesmo, a celebración dun encontro, que sempre se leva a cabo a final de curso. É moito máis ca unha festa, é o recordatorio de que somos parte dunha historia que segue viva, un encontro de pasado, presente e futuro». «Hai camiño a percorrer, hai bagaxe», festexou do seu lado Bolón, aludindo aos pequenos que se están a formar. No xantar, coma sempre, sardiñas, pan e viño «para todo o mundo».

A concelleira Maruxa Suárez, para quen será o seu primeiro Albaroque, indicou o «loable» de que logo de 40 anos houbese relevo na directiva de Arume cultural. Aludiu, así, a esa loita pola tradición, polo asociacionismo: «Sodes referente para outras asociacións e comunidades de veciños». «Dicir Albaroque é dicir Berdillo, e dicir Berdillo é dicir Arume. Dicir Arume é dicir investigación, traballo, solidariedade, amizade, cultura, baile, Galicia... Sodes un exemplo no respecto á cultura tradicional», estendeuse nos parabéns Ferrero. Identidade, tradición e esperanza: tres patas para esta 42.ª xuntanza.