De festival de webseries a «foro de pensamento»: o salto do Carballo Interplay

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A presentación do 12.º festival Carballo Interplay, onte no Museo de Bergantiños, antiga cárcere da vila
A presentación do 12.º festival Carballo Interplay, onte no Museo de Bergantiños, antiga cárcere da vila ANA GARCÍA

Conta atrás para a 12.ª edición do festival, o máis «diverso, social e inclusivo»: do xoves 24 ao domingo 27 de abril

24 abr 2025 . Actualizado a las 12:30 h.

Tanto e tan rápido mudan as cousas no dixital que o termo «festival de webseries», que foi o que comezou sendo o Carballo Interplay —o primeiro de España—, xa está hoxe máis que desfasado. Doce anos despois daquel comezo, o CIP é un festival de contidos dixitais que puxo á capital de Bergantiños como centro de miradas de todo o que se está a facer neste sector en Galicia, no ámbito nacional e no internacional. Dende este xoves ata o domingo acollerá o mercado municipal unha nova edición: en contidos e concepción, «superará á do ano pasado», e así o avanzou Sonia Méndez, codirectora xunto con Andrea Villa.

Carballo Interplay é unha iniciativa do Concello carballés a través da súa área de Turismo, co apoio da Deputación e da Xunta de Galicia: «É máis ca un festival, é un espazo de diálogo, debate, tendencias, un espazo de liberdade para quen teña algo que contar ao mundo». «Unha das primeiras decisións que tomei como concelleiro e da que estou moi orgulloso», confesou o edil Xosé Regueira. Nin a el nin a ninguén lle pasa desapercibido que detrás do traballo organizativo estea un equipo integrado na súa meirande parte por mulleres. Todas fan posible «que en Carballo pasen cousas moi grandes», polo que o desexo de Regueira, e de Méndez, non foi outro que que siga medrando a implicación da poboación local: «Fago un convite a coñecer o festival para enriquecerse, quen vén repite». O CIP é unha das mostras «dun traballo que neste concello se fai día a día, cultura de calidade con peso no orzamento».

ANA GARCÍA

«Epicentro de cuestións con transcendencia», dixo Regueira que sería esta 12.ª edición. «Non sei se será a mellor programación, pero si a máis importante, por diversa, social, inclusiva. Queriamos dar un paso máis e converter o festival nun foro de pensamento e reflexión», apuntou Andrea Villa. Non quita isto que haxa un importante espazo para o humor, e de feito a través del falarase de cuestións como a comunicación en diversidade, o feminismo, a «‘autoexplotación’ dos creadores de contido, a conciliación, o racismo ou os problemas de acceso a unha vivenda. O paso por Carballo —o venres— de Andy Chichester, un ianqui neofalante en galego, liga ben con outro dos eixos do CIP este ano, a visibilización e apoio ao contido feito en galego, tanto a través dos premios como da programación nas súas diferentes categorías. 

«É máis ca un festival, é un espazo de diálogo, debate, tendencias, un espazo de liberdade para quen teña algo que contar ao mundo»

Coas redes inzadas de discursos de odio, e co sambenito de que moito do que nelas se fai é negativo, a organización do CIP tamén quixo crear espazos para que a mocidade dos institutos vexa que nelas hai «espazos de resistencia», «pequenas comunidades organizadas en rede», seguras, que se poden procurar fuxindo do que mande o algoritmo. Será o xoves, día inicial, no que tamén se sumará un novo espazo ao festival, a biblioteca Rego da Balsa, neste caso para crianzas de 4 a 8 anos con Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego. «Foi este un festival complicado de explicar ao principio, pero hoxe a xente pregunta e quere vir a Carballo (...) Saíron de aquí produtoras», lembrou Méndez. Berce de talento e novas dinámicas: do CIP naceu o recente encontro Atlantic Games.

Natividad González, deputada provincial de Cultura, falou do festival como «necesario», e da «valentía» de Carballo pola innovación. Nesta visibilización de plataformas «ás que debemos estar atentos», manifestou o orgullo da Deputación por colaborar. «Para a Xunta o Interplay forma parte imprescindible do noso ecosistema audiovisual, o CIP é un dos habituais nas nosas axudas, evento estratéxico en Galicia», abundou Jacobo Sutil, director da Agadic. «Acertar é o risco e o reto. O festival está nas mellores mans», manifestou Evencio Ferrero, alcalde. Un éxito «pioneiro» que inclúe a persoal do Concello e que foi exemplo, posible pola suma de «intereses e ideas». Pasou polo Fórum, pasou polo Pazo e agora está no corazón da vila de Carballo, o mercado. 

Andrea Villa e Sonia Méndez, con Xosé Regueira
Andrea Villa e Sonia Méndez, con Xosé Regueira ANA GARCÍA

Vinte series de doce países

O carácter referencial do que no seu día foi o primeiro festival de webseries de España é hoxe tal que para a súa Sección Oficial presentáronse máis de 200 traballos de todo o mundo. Deles foron seleccionadas vinte propostas de doce países, con especial peso de Canadá —cinco series—, de España —catro, tres delas galegas—, e logo Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Puerto Rico, Australia, Francia e Austria.

O CIP premiará producións, canles e profesionais deste medio, con particular esforzo por visibilizar e alentar a creación en lingua galega. Andy Chichester, Facu Díaz, Miguel Maldonado, Bob Pop, Ana Polo ou Ángela Henche son algúns dos nomes desta edición, da que tamén hai que sinalar a preestrea da serie Mariliendre, dirixida polo galego Javier Ferreiro e producida por Los Javis. Todas as citas do CIP, organizado polo Concello co apoio de Deputación e Xunta, son de balde, algunas con reserva de entrada. Foi e segue a ser pioneiro en crear un espazo de encontro físico entre persoas que crean no dixital: a maioría das actividades poderán seguirse en streaming, mais hai cousas que só ocorrerán en Carballo. A programación ao detalle, aquí.