
Alana ten dobre concerto esta fin de semana na Costa da Morte: este venres en Carballo e o sábado en Riobó
08 ago 2025 . Actualizado a las 00:59 h.Chegados o martes pola noite dende Lorient, Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro terán só uns días para repoñer forzas de cara á fin de semana que lles espera. Este venres, ofrecerán un concerto ás 22.30 horas na Praza de Carballo, parte do Verán Cultural deseñado polo Concello, e o sábado farán o propio na Tarde-Noite no Medievo de Riobó, en Cabana.
Alana é enerxía e espectáculo, tradición levada aos tempos de agora: música tradicional mesturada con ritmos de base electrónica e pop, posta en valor de recollidas a mulleres e homes, mais cun son novo e moderno, sempre conectado coa raíz. Fala Eloy dende unha banda que mereceu no seu primeiro ano o Premio Xuventude Crea:
—Semella que vai moi ben.
—Con bastantes concertos para ser un grupo que empezou hai relativamente pouco. Estamos contentas. Acabamos de chegar de tres concertos en Lorient, onde o recibimento foi espectacular, coa xente súper entregada. Un verdadeiro chute de ánimo.
—Teñen novas pezas arredor da informante Delfina de Añobres.
—É unha recompilación, si, desta muller de Muxía da que xa tiñamos dúas cancións no disco O xeito á cantigha. Tocaremos algúns dos temas desa recompilación, pero o que seguimos presentando, e así o faremos en Carballo, é ese primeiro traballo. Estará enfocado nel tanto ese concerto, máis grande ca en Riobó por circunstancias escénicas, como o de Cabana. Polo demais, seguimos avanzando, show de luces novo, novas formas de crear, de facer música...
—Por que ese traballo arredor de Delfina?
—Chamounos moito a atención no seu día, e investigamos máis, fomos a Muxía, falamos coa súa familia, metémonos moito no seu mundo. Chegounos ao corazón e queriamos sacar isto, que non é algo con finalidade promocional, senón só porque nos apetecía, porque nos saía de dentro. Para nós era importante, fixémolo por cariño, unhas 8 pezas.
—Nos seus directos vese ao público absolutamente entregado.
—Recíbennos con moito aprezo, todos os concertos que tivemos ata o día de hoxe foron con moita xente. Moita adrenalina e así esperamos que siga.
—Hai pezas que erguen o torreiro.
—Dolores de Castiñeira ou Liñares, por exemplo. Igual Liñares é a canción que probablemente a xente máis saiba ou queira escoitar. Pero a que dá moito espectáculo, diría que a que máis o dá, esa peza logo da cal a xente nos felicita, a que máis funciona a nivel directo, é Consuelo de Muiñeira. Por excelencia. E Consuelo era Consuelo dos Queixos, de Berdillo, Carballo, precisamente.
—Suben e baixan nos concertos. Hai tempo para todo.
—Os nosos concertos teñen moitas dinámicas. Comezamos cunha rumba con toque funki, pasamos por cancións máis tranquilas e por outras con moita enerxía, como Carmiña Carmela, con algo de latino. Diría tamén que o principal dos nosos directos está en que non son extremadamente longos, cantamos 17-18 cancións nunha hora, queremos que sexa dinámico, sen paróns, sen moita fala no medio, peza tras peza para que o público se entreteña ao máximo. Dámoslle tanta enerxía que pasar dese tempo sería morrer [ri].
Quen
Son Antía Vázquez voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusión e gaita). Eloy, de Corme. Pablo, de Vimianzo. Antía, xa da comarca tamén.