A nosa xenerosa solidariedade

José Gª Gondar PÁRROCO DE CARBALLO

CEE

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús nace en Bergantiños, e a nosa solidariedade é o berce que o acolle.

O primeiro, feliz Nadal. De corazón vos desexo que vos sintades felices na persoa e no ser de cada un, e que vos sintades felices tamén dentro da familia, e dentro da parroquia. Xa sabedes que hai máis felicidade en dar e compartir que en recibir. A fonte da felicidade está en darse.

Nas nosas casas e nas nosas igrexas estamos a facer o belén…. Dende o belén monumental da igrexa de Cee de 72 metros cadrados, con 70 figuras, 20 delas móbiles, ata os máis humildes que teñen só o misterio… Tamén se están preparando as escenificacións do belén vivinte no catecismo. Mención especial merece o de Sísamo, que organiza dende hai moitos anos a entidade O Candil.

Unha das escenas que máis me conmoven no Nacemento é cando na pousada de Belén, de malas maneiras lle pechan a porta a María e a Xosé. Non houbo sitio, pecharon a porta e tivo que nacer nun pesebre.

Por iso intentei sempre ter como lema da miña vida sacerdotal «abrir portas e acoller» cun sorriso e amabilidade, e que a parroquia sexa acolledora e samaritana.

Pero o mellor belén no que é acollido Xesús é sen dúbida a carpa que Cáritas instalou no adro parroquial de Carballo, e as ofrendas dos pastores son os alimentos para a campaña de Nadal Operación kilo-litro.

O pregón de Nadal que o sábado 16 fará a pintora carballesa Milagros Cotelo Rama, en homenaxe á pintora discapacitada e nai Alison Lapper, exemplo de superación e tenacidade, quere ser tamén unha invitación a solidariedade con todos especialmente cos máis vulnerables.

A cea solidaria de Noiteboa no centro social, o albergue de transeúntes, as vivendas de acollida, o Fogar Dona Basilisa, e demais obras de Cáritas, queren convidarvos a ser a pousada na que sempre acollamos a Xesús nos irmáns, a diferenza do que pasou en Belén. E a campaña dos xoguetes que leva a cabo a Cruz Vermella son tamén o dons de ouro, incenso e mirra que os Magos levaron ao Neno.

Pero non podemos ser solidarios só no Nadal, senón durante todo o ano: cada vez que amamos, cada vez que damos, é Nadal.

É fermosa a palabra solidariedade, aínda que a min gústame máis a palabra fraternidade ou caridade, que debe ser o distintivo dos cristiáns, e vai ser do que nos examinarán na tardiña baixa da vida. «Se lle dei comida ó famento, se ó sedento dei de beber; se fun velo preso á cadea e se ó camiñante hospedei. O que facemos a un destes máis humildes irmáns, a min mo facedes», di Xesús.

Abramos de par en par as portas da esperanza, do noso corazón con xenerosidade para acoller a Xesús en cada irman.

José García Gondar está á fronte da parroquia de Carballo, entre outras moitas. Durante todo o ano ten en marcha un amplo sistema de axuda social, que inclúe dende alimentos a centos de familias a diversos tipos de aloxamento e acollida. No Nadal, refórzase.