Margot Lamela: A prosperidade de Cee en clave comarcal

margot lamela louzán

CEE

Ana Garcia

Plumas con mando, alcaldesa de Cee | «Somos unha comarca afeita a loitar polo que temos, por manter o que xa temos, pero que precisa de máis unión para loitar polo prometido que nunca chega»

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os datos medios diarios de mobilidade na semana do 18 ó 21 de novembro de 2019 -segundo unha análise publicada polo Instituto Nacional de Estadística- na área de Cee e Corcubión, en pleno outono e sen a pandemia do covid-19, poñen de manifesto a importancia do fluxo de movementos dos habitantes dos municipios limítrofes.

A poboación da área de Cee e Corcubión é de 9.135 persoas. A poboación que chega a Cee e Corcubión é de 2.064 persoas (22,59%).

¿De onde procede? O promedio diario é de 735 persoas de Muxía e Dumbría, 669 de Fisterra, 148 de Carnota e Mazaricos, tendo que engadir o fluxo de movemento das persoas procedentes de Camariñas, Vimianzo, Zas ou Muros.

Polo contrario a poboación de Cee e Corcubión que se mantén nos seus municipios é dun 88,62%.

O fluxo de movementos de Corcubión débese principalmente -sen entrar no sector turístico- á súa condición de partido xudicial, atopándose os xulgados de primeira instancia e instrución, así como o rexistro de propiedade, seguridade social ou capitanía marítima.

Cee, en cambio, medrou e prosperou en clave comarcal, sendo cabeceira da comarca de Fisterra.

A partir do pasamento do filántropo Fernando Blanco de Lema no ano 1875, Cee coñeceu e gozou dunha prosperidade inesperada, xa que nas cláusulas do seu testamento, legaba a favor de seu pobo natal, o groso da súa fortuna, coa condición de que debía empregarse na construción dun centro de ensino.

Un centro de ensino de primeira orde con biblioteca, aula de debuxo e escultura, aulas especializadas en física, química e ciencias naturais, xardín botánico, aula de música e un teatro cos seus decorados.

No colexio chegou a instalarse a primeira estación telefónica interurbana que comunicaba Cee co resto do país e dispoñendo dun botiquín e unha farmacia. Fitos que a día de hoxe seguen espertando admiración e, sobre todo, eterno agradecemento.

Formación veciñal

Ese espertar educativo e cultural fixo posible que os veciños e veciñas de Cee e de toda unha comarca puidesen formarse e dirixir a súa vida polo camiño da súa vocación. A educación e a cultura perduran no tempo.

Velaí que Cee desde antano é coñecedora da importancia de crecer en clave comarcal, sendo pioneira no traballo de conseguir servizos de ámbito comarcal coma o Hospital Virxe da Xunqueira, SEPE (antigo Inem), Servizo Galego de Colocación, escola de música, piscina climatizada, centros de ensino….

Non se pode esquecer que a primeira biblioteca municipal, centro médico de urxencias ou salón de actos atopábanse en Cee. Cee foi pioneira a nivel comarcal na celebración de actos culturais.

Cee crece con proxección comarcal nas áreas sanitaria, comercial e de ensinanza, debendo seguir traballando pola creación de emprego e o mantemento da industria existente.

Somos unha comarca afeita a loitar polo que temos, por manter o que xa temos, pero que precisa de máis unión para loitar polo prometido e que nunca chega coma a autovía da Costa da Morte ata o cruce de Berdoias, a variante dende a zona de Lobelos cara o porto de Brens, o plan de viabilidade que garante os postos de traballo de Xeal (antiga empresa Ferroatlántica).

Máis melloras

Precisamos de melloras nas telecomunicacións e transporte. Co covid tivemos que aprender a bicar e abrazar sen tocarnos, a coidarnos para coidar ós demais, a vernos coa nosa xente levando máscara, a falar por videochamada, a traballar desde a casa, a valorar o rural…., pero tamén aprendemos a que non eliximos as circunstancias pero si eliximos a actitude para afrontalas. E da nosa actitude, sen localismos, depende afrontar o futuro da Costa da Morte con optimismo.