Iván Villar, bailarín: «O éxito é conseguir a felicidade»

Paula ramos / p. b. CARBALLO / LA VOZ

CEE

cedida

GENTES DEL FINIS TERRAE | O ceense, finalista aos Premios Max, actuou na súa terra este pasado sábado, donde ademais recibiu un recoñecemento 

25 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Iván Villar, natural de Brens (Cee), tivo claro dende pequeno cal era o seu camiño. Por iniciativa propia e con algunha que outra copla da súa avoa de fondo, iniciou a súa andadura no mundo do baile. Tivo a grande sorte de contar en todo momento co apoio dos seus: «Os meus pais sempre me apoiaron no que eu quería facer, e non no que eles querían que fixese», confesa. A danza é a súa vida. Por iso baila e, por iso, se dedica tamén a ensinar aos que están empezando a facelo. Ensinar ten para Iván (1980) moito que ver coa paixón. Unha que libera con cada movemento en Leira, o espectáculo de Nova Galega de Danza dirixido por Jaime Pablo Díaz polo que el é finalista como mellor intérprete masculino de danza aos prestixiosos Premios Max [os gañadores coñeceranse o 4 de outubro]. Unha nominación que é, di, «un regalo», como o son os centos de anécdotas e historias que garda de todos estes anos entre telóns e compases. O tempo deixoulle claro que o éxito nada ten que ver cos logros, senón coa felicidade, a que sente el cada vez que sobe a un escenario e é «libre».

-Cando chegou a danza á súa vida?

-Empecei con cinco anos en Brens, na miña aldea, facendo baile galego con Ricardo Rey como profesor.

-Hai alguén na súa familia que se dedicase ao baile?

-Non. Ao mundo da danza, ninguén. Co folclore si, a miña avoa que era pandereteira. Púxose enferma cando era eu pequeno e case non coincidimos. Si que recordo que me cantaba algunha copla.

-Recibiu críticas cando tomou a decisión de dedicarse a bailar profesionalmente?

-Tiven apoio total por parte da miña familia e dos meus amigos. Sempre foi moi ben. Non había esa historia de «es un rapaz e vas bailar, isto que é?». Nalgunha comida, con máis xente, si que recibín algún comentario do tipo de «bueno, e cando vas traballar en algo?». Nunca lle dei importancia, tiña claro o que quería.

-É un dos dous galegos candidatos aos Max. Que supón iso?

-Para min esta nominación é un regalo. Non esperaba isto na miña carreira, realmente. Non se me pasaba nin pola cabeza. Foi unha sorpresa estar dentro dos sesenta primeiros seleccionados e agora estar dentro dos tres finalistas [na súa categoría] e poder ir á gala... Pois iso, un regalo.

Marcos Rodríguez

-Tamén é profesor de danza. Ensinar ten moito que ver con trasladar a paixón, non?

-Si, claro, iso é fundamental. Traballar coa canteira é tratar de inculcarlles iso. Eu penso que se ti o cres, se o vives e llo amosas a eles, tende a funcionar. Sempre teño esa ilusión de crear cousas, de que entendan que non é so bailar, é formar grupo, forxar relacións... Algo que lles vai servir para a vida.

-Que supuxo a chegada do covid?

-A nivel de docencia foi un shock. Os primeiros meses fun sobrevivindo coas clases online. En Nova Galega tivemos sorte, fomos surfeando as ondas como quen di, porque cada actuación que nos viña cadraba cando as restricións o permitían. Perdemos os festivais que tiñamos fóra, pero puidemos ir a Portugal dúas veces. Vendo a outros compañeiros démonos conta de que tivemos moita sorte, a verdade. Coincidiunos ben para poder seguir.

-Esta pasada fin de semana homenaxeárono e Cee.

-Si, cando xa nos iamos atopeime coa sorpresa. A alcaldesa, Margarita Lamela, decidiu facerme unha pequena homenaxe. Foi unha ilusión tremenda que me levo no corazón para sempre.

RAFA QUINTANS

-Actuou alí despois de moito tempo. Como é volver a casa?

-É marabilloso. Volver a eses nervios... Porque vas por aí... e é a túa casa. É ese gusanillo. Vante ver os amigos, a familia... Estás na túa terra e queres facelo mellor que o mellor dos días. Goceino moitísimo [acudiu co espectáculo Fala-me Galician Trad Cabaré, da compañía Nelson Quinteiro]. Desexando volver xa.

-Que é o éxito?

-Para min o éxito e conseguir a felicidade. Dá igual co que sexa. Coñézante máis, trunfes na vida, teñas nenos, teñas máis amor ou menos... Se ti es feliz, xa tes éxito. Non é ter logros, de feito se vas a por iso xa vas mal.

-É a danza, entón, o seu «éxito»?

-Si, a danza, e en escenarios. Impartila gústame e póñolle paixón, pero onde sinto que son libre é no escenario. Para min é unha terapia.

-Un sinónimo de danza.

-Vida. A danza é a miña vida.