«'Conto de Quilmas' recolle unha riqueza lingüística que esmorece»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CEE

A VIVA VOZ | Autora xa de tres contos bilingües, Guadalupe Vázquez, carnotá docente en Cee, lanza agora novela

18 feb 2023 . Actualizado a las 19:57 h.

«Voces que volven á vida, ou se aferran a ela a través da narración». Nada menor é a empresa na que se embarcou Guadalupe Vázquez Formoso (1981) co seu Conto de Quilmas, novela que o mércores chegou ás súas mans e que nos vindeiros días estará xa nas librarías. Publicado pola Editorial Medulia e apoiado pola Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o libro é «un percorrido por momentos, lugares e persoas». «Faime moitísima ilusión. É unha obra que recolle unha riqueza lingüística enorme que está esmorecendo, pero ademais ten moita importancia para min dende o punto de vista emotivo, aí está a esencia dos meus avós, da miña familia, das miñas raíces. Toda a miña familia é de Carnota, a parte materna de Quilmas e a paterna de Louredo. Son de Carnota polos catros costados», contou a autora para Radio Voz Carballo.

Conto de Quilmas partiu dun traballo de investigación sobre palabras e expresións «en risco de perderse». Naceu concibido, de feito, como un estudo filolóxico, coa idea de abordar ademais a evolución de todos estes vocábulos. Non obstante, co ánimo de facelo máis «interesante, ameno e de doada lectura», así como de «chegar a máis xente», Guadalupe deulle unha volta e acabou creando con todo ese material esta novela curta que transcorre, como non, en Quilmas. Ten como protagonista a Ceferina, para moitos a causa de toda desgraza. «Todo o mundo a ten por meiga, bruxa, feiticeira, sobre todo despois dunha serie de mortes ás que ninguén dá unha explicación lóxica», indica a escritora. Coa súa historia mesturánse moitos outros temas e episodios: a guerra civil, os agochados no Monte do Pindo... «Meu bisavó foi un deses agochados durante os momentos iniciais da guerra. Estivo pouquiño tempo, pero estivo alí», conta Guadalupe.

ANA GARCÍA

Conto de Quilmas está, así, ambientada en distintos tempos, dende o 1985 no que Vázquez Formoso era pequeniña e vivía cos seus avós na aldea carnotá, viaxando cara atrás nos anos: o 36, ese «momento histórico dramático» que segue ao levantamento militar contra a República, o período 47-50, no que tamén se dan intres importantes na vida de Ceferina... Hai, pois, trazos de autobiografía nesta obra, pero tamén moita ficción, claro. E melancolía. E humor. Nomes que non son reais, pero outros que si. Os primeiros lectores da publicación, de Quilmas como debía ser, téñenlle trasladado xa emoción: «Vin aí a teus avós, dinme». Para ela mesma a novela naceu froito «desa morriña, desa lembranza»: «Agardo que os meus críticos, que son os meus lectores, queden contentos. A min persoalmente tróuxome momentos moi bonitos de hai moitísimo tempo».

Entre Carnota e Nova York

A infancia de Guadalupe estivo a cabalo entre dous mundos moi diferentes, pero complementarios, xunguidos pola emigración e esa morriña que, como indica, non deixa de ser parte da esencia de Galicia. Seus pais, coma tantos galegos da zona, emigraron no seu día a Nova York. Os primeiros anos da infancia de Vázquez foron de crianza cos seus avós en Carnota, «unha vida de aldea, unha marabilla», e xa logo iría para Estados Unidos: «Un cambio grande, si, pero tamén teño bos recordos». Pouso de todo isto está patente en Conto de Quilmas. Ao seu regreso a Galicia, licenciouse en Filoloxía Inglesa pola Universidade da Coruña e actualmente é profesora nas etapas de educación infantil, primaria e secundaria no CPR Manuela Rial Mouzo de Cee.

«Este ano foi moi produtivo a nivel literario para min», valora a autora. A novela, de feito, aporta un cambio na súa traxectoria, en tanto que as tres anteriores foron contos bilingües que teñen como protagonista ao saltón Saltarín. «Conto de Quilmas xa leva escrita moito tempo, incluso antes que as aventuras de Saltarín. Pero fomos agardando... Quen escribe nunca está conforme coa primeira versión. Sempre é complicado dar por pechado un proxecto, pero agora chegou o momento», sopesa. Chouta, Saltarín! Hop, Little Grasshopper! ; Voa, Saltarín, ata a Fin da Terra! Fly, Little Grasshopper, to the End of the World! e Con Pasos de Xigante, Saltarín, no Monte do Pindo / Giant Steps, Little Grasshopper, on Mt. Pindo son traballos para mirar dende unha perspectiva infantil, aínda que tamén para docentes, ou mesmo para quen queira internarse nunhas primeiras nocións de práctica de inglés. Un público máis miúdo, pois, que o de Conto de Quilmas, aínda que non por iso dende logo menos importante, porque as tres obras parten dun enfoque dinámico e lúdico da aprendizaxe, a través do movemento, canalizando enerxía, dándolle importancia ás emocións e, sempre, á terra propia.