Manuel Regueiro: «As afeccións culturais son cuestión de vontade, inquedanza»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

CEE

BASILIO BELLO

Xeólogo e tamén escritor, esta tarde amosará ao público outra de súas facetas, a de artista. Inaugura a exposición Abigarrado, ás 19.00 horas, en Cee

11 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • A Manuel Regueiro y González-Barros, xeólogo e presidente do Colexio de Xeólogos, coñecémolo por esta faceta e mesmo pola de escritor. A exposición «Abigarrado», que se inaugura hoxe ás 19.00 na Casa da Cultura de Cee, vén amosar unha nova cara deste fillo e neto de carballeses, ligado tamén a Corme e en xeral á comarca: a de artista. A mostra faise en colaboración con Ponteceso Cultura Permanente.

—Que trae a Cee?

—Un conxunto de actividades. Levo facendo cerámica vinte ou trinta anos, no meu obradoiro en Madrid. É unha afección. A pintura e o debuxo, esa parte de acrílico, óleo, acuarela, xa son máis recentes, aínda que miña nai foi pintora. O primeiro cadro ao óleo que fixen foi no 2014. Logo está a fotografía, de moitos anos, teño unha boa colección.

—«Abigarrado» é esa mestura.

—Exacto, o que se poderá ver é algo de todo isto. Pareceume boa cousa levalo aí.

—Das primeiras mostras.

—Non unha das primeiras, senón a primeira [ri]. Xunto con Ponteceso Cultura Permanente, que temos actividades por toda a Costa da Morte, falamos cos pobos que teñen sala de exposicións, xurdiu a posibilidade de Cee, así que adiante.

—Uniu xeoloxía e arte.

—Este ano imos facer, en Madrid, probablemente, unha xuntanza de xeólogos e enxeñeiros de minas que escriben novela, poesía... Por outra banda, esta fin de semana, en Zaragoza, hai o primeiro foro nacional de cultura no que tamén temos traballado. Na nosa asociación temos un grupo de traballo para reforzar o papel cultural das profesións. A xeoloxía é a actividade principal, e logo depende xa de cada quen...

—Hai nada percorría a comarca coa súa obra «O tesouro de Brando». Unha mente diversa.

—Durante a pandemia tiven tempo, estiven illado na Serra de Gredos para escribir un libro. Ando agora deseñando a segunda novela. Todas as persoas poden ter afeccións culturais, é unha cuestión de vontade, de inquedanza de facer outras cousas, de dedicar tempo, de aprender, de ler, de ir a exposicións para coller ideas... Cerámica, por exemplo, traballo con barro de Buño, sáeme a conta traelo e é ademais moi bo para facer torno, que é o que fago principalmente: teño un pequeno forno e traballo coa miña filla Macarena, actriz. Gústalle. Na familia dos Regueiro temos moito artista, aínda que case todos teñan profesións liberais. A miña irmá que vive en Suíza é tradutora da ONU, pero tamén contacontos en grandes salas.