Víctor Castiñeira: «A xente pensa que Cee naceu no recheo, pero ten unha historia de 700-800 anos»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

ANA GARCIA

A viva voz | Castiñeira, técnico de Cultura do Concello ceense, é coautor do guión dun documental que se presentará este sábado

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cee y la parroquia de A Xunqueira. Apuntes para una centenaria historia, 1547-2022 é o título do libro que vén de presentar Víctor Castiñeira, investigador e técnico de Cultura de Cee, ás portas do acto de coroación que poñerá fin ao ano xubilar da Virxe da Xunqueira. Celebrarase o vindeiro 1 de maio, pero antes están saíndo á luz traballos de investigación divulgación como o que Víctor vén de publicar.

—Que tal foi o acto da pasada fin de semana?

—Foi unha xornada inesquecible para min, polo cariño que me demostrou ese día a xente. O outro día comentábame un veciño que durante a hora que durou o acto non soou nin un móbil nin se escoitou un chío, atención plena. Foi moi fermoso.

—Que pode contar deste traballo de investigación?

—Pois que o primeiro sorprendido fun eu. Levo 22 anos como técnico de Cultura e era unha teima que tiña dende había moito tempo: contar a nosa historia. Creo que moitos veciños da vila, e tamén do entorno, pensan que a historia desta localidade comezou despois do recheo, nos últimos corenta anos, xa que o Cee novo comeuse todo o que había detrás. Considero que con este libro queda probado que Cee é unha das antigas vilas de Galicia. Comezamos no 1547 porque foi cando a Virxe da Xunqueira recibiu esa denominación nunha visita eclesiástica, pero en realidade falamos de 700-800 anos de historia.

—Que tipo de documentación consultou?

—Foron fundamental os arquivos parroquiais, sobre todo os libros de contabilidade, que se conservan dende mediados do século XVI. Pero tamén consultei o arquivo da Catedral de Santiago e o histórico universitario.

—Foi partícipe do informe que se remitiu ao Arcebispado para que a igrexa ceense teña a consideración de santuario. Cal foi o principal argumento?

—Enviáronse realmente dous informes a Roma. Un moi extenso referido ao ano xubilar e outro máis conciso sobre o tema do santuario. No século XVIII xa se apreciou un aumento exponencial da devoción a esta Virxe, aínda que trala Guerra de Independencia se acabou perdendo. E o curioso é que atopei unha publicación de principios do 1970 na que se falaba dos santuarios marianos de todo país e un dos que se mencionaba era o de Cee. Entrevisteime con Xulián Barrio, comenteille os resultados da investigación, enviouse ese segundo informe e agora xa temos o título.

—Antes da coroación queda unha última cita: a presentación, este sábado, dun documental con guión do propio Víctor e de Iván Pérez. Que se recolle na peza?

—Pois esencialmente o que se reivindica é a relación histórica que tivo Cee coa Catedral de Santiago dende a Baixa Idade Media, a través da historia, da arte e da fe. Iso é algo que puiden comprobar no traballo de investigación do libro e que pode verse, por exemplo, no feito de que no retablo maior da nosa igrexa haxa unha cuncha de vieira esculpida no século XIV. O documental dura 55 minutos, participan bastantes expertos e recollemos tamén unha referencia á antiga danza de espadas, desaparecida nos anos corenta. Chegara a publicarse unha partitura, pero estaba incompleta e Fernando Fraga [acordeonista e director da Escola Municipal de Música e da Banda Municipal de Cee] fixo unha nova con guiños á antiga. No documental pode verse á Asociación Terra de Sena bailándoa, o que será un anticipo do que sucederá o día 1, na coroación.

—Estes actos do ano xubilar trouxeron a moita xente a Cee?

—Eu sempre digo que é un labor lento, de ir sementando para despois recoller, como sucedeu como Camiño de Fisterra. Estamos nun roteiro de peregrinación xacobea ao que agora se une a mariana, o que será un atractivo máis para Cee, sen dúbida. Ademais, temos un rico patrimonio artístico no templo que ata agora non era demasiado coñecido.

—E unha vez a Virxe sexa coroada, que? Pecharase este ciclo ou continuará a divulgación?

—As actividades non serán tan intensivas, pero seguirán celebrándose cousas importantes en Cee. Se algo me alegrou de todo este proceso, foi ver que a xente estaba ávida de coñecer a historia da súa vila.

En detalle

O documental presentarase o sábado, ás 12.00, nos cines Xunqueira. Ademais, o día da coroación, emitirase para toda España por Trece TV. A propia cerimonia tamén será retransmitida en directo.