Os 50 anos do instituto Agra de Raíces de Cee: que supuxo este centro

Manuel Antelo

CEE

Probas ABAU no instituto Agra de Raíces de Cee, en xuño do 2024
Probas ABAU no instituto Agra de Raíces de Cee, en xuño do 2024 BASILIO BELLO

Historia educativa da Costa da Morte | Escribe o seu director, Manuel Antelo | Moi distinta, e seguro que máis pobre en todos os aspectos, sería a nosa sociedade sen o instituto de bacharelato de Cee

20 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cublicábase no BOE do 20 de setembro de 1974 o Decreto 2664/1974, de 30 de agosto, polo que se dispoñía «a creación dun Instituto Nacional de Ensinanza Media mixto en Cee, o cal entrará en funcionamento o próximo curso académico 1974-1975». Foi un acordo adoptado no Consello de Ministros o venres 30 de agosto de 1974, celebrado no Pazo de Meirás, baixo a presidencia do daquela Príncipe de España, Juan Carlos de Borbón.

O momento non podería ser máis histórico, sobre todo cando cómpre facer memoria das circunstancias daquel tempo de ditadura e falta de liberdades, e do modelo educativo vixente como instrumento de propagación mental dos valores autoritarios e precario en contidos científicos, humanísticos e artísticos. Catro anos antes promulgárase a Lei Xeral de Educación, que deu lugar á EXB, ao BUP e ao COU, e que supuxo un punto de inflexión no modelo educativo.

Temos que ver este feito no seu contexto, nunha sociedade da Costa da Morte con unha necesidade enorme de saír do minifundismo rural e cultural determinado pola ditadura de Franco, con unha vía de escape que era a emigración masiva aos países europeos. Isto tamén serviu para ver e vivir outras realidades democráticas e para empapar a moitas familias na necesidade de que os seus fillos e fillas tivesen un futuro mellor e máis próximo ás realidades que eles estaban vivindo. A aposta pola educación foi entón decidida. A principal saída para isto eran os colexios de curas (seminarios) para os rapaces e os colexios de monxas para as rapazas, diante do ermo do contorno con carencias absolutas de institutos e colexios.

Revulsivo

A posta en marcha do Instituto de bacharelato de Cee supuxo un revulsivo. Progresivamente, alumnado da Terra de Soneira, da comarca de Fisterra e da de Muros e Noia foron enchendo as aulas do novo centro, que ía medrando.

Estudar nel significou abrir novas oportunidades de formación e progreso económico e social a esa mocidade que non tivo outra vía de acceso á educación. Mais, significou, tamén, unha socialización dese alumnado que foi capaz de ter unha visión máis aló da súa parroquia e formar unha comunidade comarcal de amizades, coñecemento e intercambio. Poucas alternativas había para a socialización máis aló das verbenas ou dos partidos de fútbol.

Estudar no instituto de bacharelato de Cee tamén significou un acceso a unha cultura contemporánea que superaba o reducionismo e limitación do franquismo. Acceder a unha cultura musical renovadora e transformadora; a lecturas inimaxinables e de autores descoñecidos; a un coñecemento e participación política para saciar as ansias de liberdade e democracia; a unhas relacións persoais máis amplas que atoparon a amizade, o amor, a sexualidade... Os anos oitenta foron un fervedoiro de inquedanzas, curiosidade e relación para as xeracións do BUP e do COU Moitos deses alumnos e alumnas puideron acceder á universidade; outros á formación profesional, e os demais, a emprender con novas experiencias profesionais e económicas, algunhas triunfantes, outras non. Son a xeración do impulso económico, cultural, profesional e social que lograron que acadáramos a situación que hoxe vivimos no territorio.

Transformación

O centro foise transformando e adaptando ás evolución do sistema educativo e da sociedade. As sucesivas reformas lexislativas de LOGSE, LOE, LOMCE e LOMLOE determinaron a oferta, a estrutura educativa e o currículo. Moi importante foi a incorporación da xeración da ESO, substituíndo ao BUP e ao COU. No curso 1995-1996, un grupo de nenos e nenas de 12 anos entraban por primeira vez a estudar no instituto, acompañados de mestres que tamén se incorporaban definitivamente ao centro. Amplas e quentes foran aqueles debates sobre a conveniencia de tal decisión. Mais os medos que xeraba a incorporación dos máis novos e a súa interacción cos maiores logo quedaron apagados pola forza da realidade ata o día de hoxe.

No curso 1999/2000, o instituto viviu unha nova transformación coa incorporación da Formación Profesional na súa oferta educativa. Nacía a primeira promoción do Ciclo Medio Coidados Auxiliares de Enfermaría, da que saíron profesionais para traballar na sanidade e nos coidados das persoas, e que aínda hoxe é un ciclo moi demandado. Este curso complementamos a formación profesional coa implantación do Ciclo Superior Hixiene Bucodental. Non se descarta seguir traballando por completar a FP nesta misión do centro educativo como vector de desenvolvemento económico e de oportunidades laborais.

No percorrer histórico do instituto de bacharelato de Cee, hoxe IES Agra de Raíces, os resultados están á vista. Das nosas aulas saíron ministros, deputados, alcaldesas, enxeñeiros e enxeñeiras, médicos e médicas, profesionais do dereito, economistas, escritores e escritoras, arquitectos e arquitectas, emprendedoras empresariais, dinamizadores culturais e sociais, coidadores coidadoras, traballadores e traballadoras que fan funcionar os nosos servizos... Resulta unha tarefa moi ardua relacionar a listaxe completa de todos os perfís persoais que saíron destas aulas. Pero, unha cousa é certa, moi distinta, e seguro que máis pobre en todos os aspectos, sería a nosa sociedade sen o instituto de bacharelato de Cee. Celebremos orgullosos o seu medio século!

Manuel Antelo é o actual director do instituto Agra de Raíces de Cee.