Unión educativa en torno á ciencia e ás cantareiras

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CEE

Cee xuntou onte a alumnado de seis centros e hoxe catro institutos reuniranse en Carballo para o «Encontro Bergantiñán»: 12.00 horas 

30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo a organización do IES Fernando Blanco de Cee, seis centros da comarca —da propia vila, de Muxía, Fisterra e Carnota— uniron forzas en torno á ciencia. O III Día da Ciencia na Rúa, no pavillón ceense, mellorou incluso as edicións doutros anos, con «moitos máis rapaces» e «máis experimentos», detalla o docente de Física e Química do Fernando Blanco, Pablo Mira Pérez. «Todos contentos», resume, como seguramente quedarán os promotores do que se deu en chamar Encontro Bergantiñán, previsto para hoxe ás 12.00 horas na Praza do Concello de Carballo.

Alberto Liñares Lamas, tamén docente, mais neste caso do IES Alfredo Brañas, explica que se trata dun proxecto colaborativo co IES Monte Neme, o IES Parga Pondal e o IES Eduardo Pondal, co fin de homenaxear ás cantareiras, tributadas nestas Letras. Terán a presenza especial de Teresa dos Cucos, da Pontella, Malpica, memoria viva das ruadas e doutros tempos, e logo máis de 150 rapaces unirán forzas nunha muiñeira conxunta. Continuará a cita cunha foliada aberta, co ánimo de que a mocidade goce e se implique nunha tradición viva que «mola moito en comunidade».