Unha fundación que deixou pegada no progreso de Cee

Darío Areas CARBALLO / LA VOZ

CEE

Aula de música,  ano 1917
Aula de música,  ano 1917 .

150 anos da morte de Fernando Blanco | Educación, cultural, saúde, sociedade e economía... En todo isto tivo impacto

28 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Remato a serie de nove artigos en La Voz polo 150.º aniversario do testamento de Fernando Blanco, do pasamento do insigne veciño e do nacemento da Fundación. E fágoo cun resumo do que supuxo para Cee e contorna a traxectoria da entidade. No educativo, é evidente a importancia da Fundación, facendo de Cee un oasis no medio do desolador panorama das localidades do rural. A vila non só contou cun dos primeiros institutos, senón cun dos mellores por instalacións, material didáctico e persoal docente. Un auténtico luxo só ao alcance das grandes cidades, e non de todas.

Dionisio Barreda, primeiro director do instituto, soubo captar o que ía supoñer o centro no discurso inaugural, o 2 de outubro de 1886: «La satisfacción que hoy se ofrece a vuestra vista representa una riqueza inagotable e imperecedera que ha de ser la base del bienestar de todos los habitantes de esta noble villa. Hasta aquí hallábase esta población sin más defensas que las comunes y ordinarias de que pueden disponer los pueblos de pequeño vecindario, impotentes por la cortedad de su número para repeler las agresiones de los enemigos que pretendieran perturbar su reposo. De hoy más pueden descansar tranquilos en sus hogares, porque ya cuentan con el amparo de una fortaleza inexpugnable, provista de toda clase de armas, defendida por soldados entendidos y valerosos que no han de consentir que esta villa ni las poblaciones inmediatas sirvan de presa y botín a las huestes que pretendan devastarlas. De hoy más no tienen por qué temer que una estación calurosa y seca agote sus sembrados y destruya las esperanzas que presenten sus campos, por cuanto ya cuenta con una fuente de aguas abundantísimas que rieguen y fertilicen estos contornos, haciendo que sus frutos lleguen a desarrollarse hasta alcanzar la madurez que necesitan». Este discurso era o reflexo do espírito ilustrado dunha Fundación que nacía cunha confianza sen límites nos valores da formación persoal como motor do progreso da sociedade e do individuo.

Os resultados non tardaron. Trinta anos despois da inauguración do instituto pode lerse nunha das memorias: «Tan feliz resultado lo comprueba hoy la estadística de la cultura de Cee y su distrito: arroja un 2 % de analfabetos».

Desenvolvemento cultural

Por outro lado, o papel xogado pola Fundación no desenvolvemento cultural de Cee foi capital, sobre todo en dúas manifestacións que hoxe son sinais de identidade: a música e o teatro. Poder formarse en ambas disciplinas nunha vila do rural hai mais de cen anos era utópico, só reservado ás clases adiñeiradas dos grandes núcleos. Son de destacar, ao mesmo tempo, a gran cantidade e variedade de conferencias.

Saúde e outros ámbitos

No sanitario, tamén o labor é digno de resaltar, pois fíxose fincapé na erradicación de hábitos perniciosos para a saúde e que neses tempos estaban estendidos froito da ignorancia e da superstición. Así, a botica do instituto, instalada xa no 1887 e gratuíta para os empregados da entidade e para todo aquel que acreditaba ser pobre, foi determinante na loita contra as epidemias reinantes, con continuas campañas de vacinación. Foron constantes as iniciativas benéficas e caritativas da Fundación a través de donativos para os máis necesitados, as colaboracións coas festas ou as aportacións para reparacións e ampliacións da igrexa da Xunqueira. É notorio que a entidade tivo o propósito, con tódalas iniciativas que acometía, de contribuír ao progreso social, económico e cultural da vila: as recadacións obtidas coa primeira estación telefónica —instalada no 1887 no instituto— investíronse en obras públicas; os provedores de boa parte do material necesario eran establecementos comerciais de Cee (Hojalatería La Frondosidad del Arte, Almacenes Demetrio Casais, Gran Hotel París, Comercio de Paños y Tejidos La Imperial, Ferretería La Isla de Cuba, Taller de Carpintería José Lado...), e, ao mesmo tempo, xerábanse moitos traballos directos contratando empregados para o xardín botánico, para mantemento nos inmobles, para pasar o ferro ás roupas da capela...

Quedan cousas no tinteiro, pero penso que queda patente a pegada da traxectoria da Fundación no progreso da vila da Xunqueira.