
Plumas con mando | Escribe Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda | «Cerceda é un referente en infraestruturas, emprego ou servizos sociais», di o rexedor
11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
Hai xa máis de catro decenios, o lignito mudou para sempre o escenario económico en Cerceda. Posteriormente asentouse a central térmica, Sogama, o polígono industrial e máis tecido empresarial. Pero para entender Cerceda, esa puxanza industrial por si soa non o explica todo.
Defendo sempre que o desenvolvemento pasa por un marco máis estreito ou máis ancho que dá para a actividade privada, pero tamén para o impulso das cuestións de interese público. Isto so é posible con puntos de encontro entre o lexítimo beneficio e a responsabilidade social. Un exemplo? O parque industrial do Acevedo é un lugar de amplo desenvolvemento industrial, pero localizado alí onde tamén se implantou o aquapark, o xardín botánico ou o centro de desenvolvemento tecnolóxico. Xérase emprego e riqueza, pero tamén se ofrecen atractivos para a xente.
Á hora de xestionar, hai que aproveitar o establecido e impulsar unha visión holística de sustentabilidade. A industria non está enfrontada co medio ambiente, co rural, co turismo nin coas cuestións lúdicas. Pensar iso sería o sinxelo. O complicado é atopar un camiño que aglutine todo, orientado en base a un equilibrio. Aí estamos. As alternativas contra este equilibrio que propoño son deixar avanzar a actividade privada sen buscar un aproveitamento para o conxunto da sociedade, ou ben rachar co establecido e pecharlle as portas ao crecemento económico e o emprego. Ambas opcións son moi distintas, pero coincidentes en que cada unha á súa maneira procede dos seus propios intereses particulares.
Nos últimos anos vimos asistindo a nivel estatal e autonómico a un grave desmantelamento do rural, que tamén desangra a moitos concellos na zona. Loitar contra iso pasa, en parte, polo emprego. Neste punto, a industria para nós é esencial. Pero tamén o é para que o Concello dispoña de recursos cos que dar servizo á veciñanza.
Dentro do peso demográfico de Cerceda, entendémola como un referente en infraestruturas, emprego ou servizos sociais. Pero o que hai que comprender é que iso é así en gran parte por ser tamén un referente a nivel industrial.
Á hora de buscar o desenvolvemento hai tres patas para un mesmo banco: protexer o medio, medrar economicamente e fomentar a cohesión social. É moi transcendente a disposición das empresas a esa responsabilidade social á que eu aludía anteriormente, pero igualmente importante fomentala dende as Administracións públicas, que somos en última instancia quen debe defender os intereses do conxunto da sociedade.
En Cerceda, particularmente, temos a sorte de contar cun modelo sustentado e estable ante os momentos de incerteza polos que pasa o país. Cremos que por aí debemos seguir traballando e mellorando, evitando dar paus de cego, e intentando percorrer sempre a canle da sustentabilidade. Ábrese un abano de dificultades, pero tamén de oportunidades. Somos un concello ben comunicado, que conta con potencial de ampliación de solo industrial e que tratará, por medio de procesos como os convenios de transición xusta ou os plans de axudas, de ter un novo impulso a nivel industrial e en oferta de ocio.