María do Ceo fixo danzar o mar de Fisterra coa súa voz

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

VICTOR HUGO

EN DIRECTO | Anunciou no seu concerto no Bela Fisterra que para decembro sacará novo disco, «Galicia nai»

27 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A voz sólida de María do Ceo acompañou no solpor do domingo ás ondas da praia de Langosteira nun concerto cheo de alma e sentimento. Foi no hotel Bela Fisterra, coa testemuña de peregrinos e camiñantes que paraban os seus pasos para escoitar á fadista nacida en Oporto e criada en Ourense que trouxo a Fisterra música cargada de poesía grazas a Política Lingüística, coa colaboración do Concello fisterrán e a adega Méndez Rojo.

Empezou cun fado miñoto, cargado de versos da fronteira entre Lusitania e Galicia, entre Pessoa e Pondal, todo como saído das entrañas, sentimento e pragmatismo social. Logo houbo cantos ao amor e pezas tradicionais. E tamén anunciou que en decembro sacará novo disco, «Galicia nai». Cantou a Rosalía, con «O meu niño», a Amalia Rodrigues e ao resentimento. O sol xa se agochara tralos montes de Fisterra, pero reflectíase no Pindo, inmenso, coma de bronce. A apoteose para o público veu con «Negra Sombra» e «Lela». Semellaba que as gaivotas danzaban sobre o mar. Houbo unha guitarrada con Xosé Salgado, Alex Salgado e Alejandro Fibida, este ao piano. A xente fixo coros con «Teño saudade» e pediulle «Habemos de ir a Viana» e «María la portuguesa».