«As redes sociais mal atendidas son como un bar co mostrador sen limpar e o chan sen varrer»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

LAXE

ANA GARCIA

A baiesa Rebeca Facal ofrecerá esta tarde en Laxe un obradoiro dixital sobre como optimizar as redes dun negocio. Impulsa a oficina Acelera Pyme rural Deputación da Coruña

17 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Teatro, cine, música... Todo isto ocupa a axenda da Costa da Morte, mais este xoves 17 de outubro tamén hai que falar de dixital, de redes. A oficina Acelera Pyme rural Deputación da Coruña, xunto coa Concellería de Comercio, Hostalaría e Turismo de Laxe, promoven para esta tarde, ás 20.00 horas, no local social da rúa Valle Inclán, un obradoiro. Sobre redes sociais, unha das ferramentas máis demandadas polas persoas emprendedoras. Falará da cuestión unha baiesa con ampla experiencia no sector, Rebeca Facal.

—Cóntenos. Redes sociais?

—Si, basicamente diso tratará. A idea é dividir a sesión en dúas partes, pero algo moi básico. Primeiramente, que a xente saiba para que serve unha rede social, están algo infravaloradas no sentido de que a xente pode publicar nelas calquera cousa e a veces pensamos que son unicamente un escaparate donde cada quen se divirte, cando realmente as redes son unha ferramenta imprescindible para calquera negocio. Daremos un punto de márketing: para que precisas as redes, onde está o teu público, como chegar a el... A partir de aí, si, tomaremos unha rede e comezaremos a casa sen ser polo tellado: optimización de perfil, consellos para arrincar, mellorar... Todas as necesidades que poida ter un pequeno comercio.

—A quen lle recomendaría asistir a este obradoiro dixital?

—A todas as persoas que teñan un comercio, saiban ou non andar en redes. O taller está pensando para quen non sabe moito, pero quen sabe pode aprender máis, sobre todo porque logo da clase haberá unha hora de picnic para dúbidas, rogos, preguntas... Para que me ensines o teu Instagram e preguntes: por que non me funciona isto?

—Podería dar algún consello básico para comunicar en redes?

—O primeiro e fundamental é planificar. Imaxina unha perruquería en tempada de vodas: ao mellor aí sobre catro fotos ao día dos peiteados, pero logo bota nove meses sen publicar nada. Hai que xestionar o contido para telo todo o ano. O mesmo pasa nos equipos de fútbol: comezan a pretempada motivados, con fichaxes, baixas, lesións... e na xornada tres non sabes a que hora xogan. É preciso comprometerse co que se poida facer. Unha hora á semana? Pois optimizar esa hora para que sexa útil. As redes desatendidas son como un bar co mostrador sen limpar e o chan sen varrer. A ninguén se lle ocorre ter ese escaparate, pero no dixital si hai cousas moi desatendidas e mal feitas. Ao teu perfil chega moita xente. Ollo, que tampouco é abrir unha rede e encher o negocio de clientes, que tamén hai quen pensa que é así.

—Constancia, horas, traballo.

—Exacto, hai quen di que as redes son gratis. Non o son, págalas co teu tempo, que é o máis valioso que un ten.

—Concibe que un negocio de hoxe non teña redes sociais?

—Depende do negocio. Teño un amigo perito que o seu público está en enterros, velorios e misas. Aí a estratexia ten que ser outra, se ben ese público tamén está cada vez máis en Facebook. Non en TikTok, pero si nesa rede. Poucos negocios se libran de ter que estar hoxe en redes.

—E ademais xa non hai a fenda rural-urbano. É para todos.

—Si. No rural non pasa tanta xente pola túa porta, así que tes que chamar por ela nas redes. Na cidade o que tes que facer é diferenciarte. Sexa unha estratexia outra, necesitas estar. Notei un crecemento moi alto coa pandemia, a xente precisaba vender, pero a porta estaba pechada, así que medraron as plataformas, a xente deuse de conta de que facían falta.

CÓMO ANOTARSE

No 881 045 898 ou en oaprural@dacoruna.gal. Trala sesión, ás 21.00, habrá aperitivo networking.