Teté Delgado: «Actuar no mesmo escenario no que de pequena bailaba é unha gozada»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Acudirá ás festas de Santo Hadrián e estivo nas últimas do Mar
Acudirá ás festas de Santo Hadrián e estivo nas últimas do Mar BASILIO BELLO

A carismática artista ofrecerá un concerto na súa terra, Malpica, este venres 

14 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en Ferrol, pero está moi vinculada a Malpica, de onde é o seu pai. Pregoeira das últimas Festas do Mar, regresa agora pola festividade de Santo Hadrián para facer bailar a todos os que asistan ao concerto que ofrecerá co seu grupo, Teté y los Ciclones, o vindeiro venres, na rúa principal, dende as 22.00 horas. A tamén actriz e televisiva Teté Delgado volve á súa terra.

—Actuar na que é unha das súas casas dálle un plus.

—Si, pero tamén de responsabilidade. Xa o comprobei o verán pasado. Cos Ciclones facemos unha mestura de rockabilly, con rhythm and blues, swing, blues... Temos un repertorio que lle pode gustar a moita xente diferente. Vanse mover, van bailar, porque somos catro, contrabaixo, batería, guitarra e voz, e parecemos 25 [ri]. Imos dar moita marcha e bo humor.

—Vostede sempre con esa forza que a caracteriza. Ademais, Malpica é terra de rock e de movida como saberá.

—Home se a coñezo! Segundo meu pai fun concibida en Malpica, aprendín a nadar aí... Este mes vou cumprir 58 anos e forma parte da miña vida dende sempre. Malpica é casa. Aparte, estou moi de acordo con que o concerto sexa na rúa. A min venme á cabeza cando era cativa e agardaba polas Festas do Mar como auga de maio. Ademais, a casa da miña avoa está alí pegada. Cando chega esa festividade, lémbrome moito do dúo Gala, que me encantaba. Viñan os dous cantantes vestidos de mariachi branco. Actuar no mesmo escenario no que de pequena bailaba é unha gozada.

—Regresa sempre que pode?

—Si, claro! Vivo en San Pedro de Nós, parroquia de Oleiros, e meu pai está en Malpica. Teño ido moito, xa non só nos veráns.

—Vostede é tremendamente coñecida pola súa faceta de actriz e televisiva. Porén, tamén leva moitos anos na música.

—Uns quince como mínimo. Agora acabo de rematar a serie Serrines, madera de actor con Antonio Resines, protagonista absoluto, Jorge Sanz e moita xente coñecida. É unha comedia para Amazon, que supoño que logo se emitirá en Telecinco. Aínda se ten que estrear, pero xa se está falando dunha segunda tempada. Tamén estou cunha función, un clásico de Lope de Vega, El Amor Enamorado. Fago de Venus. Con esta situación, si que poderiamos tocar máis. O problema de Los Ciclones é que antes viviamos todos en Madrid e, agora, só dous seguen alí, un está en Sevilla, e eu, en Galicia. Entre iso e que cada vez que eu tiña teatro debía estar na capital facendo a tempada cinco meses e medio e reservar as fins de semana por se caía bolo, que incluso me quedaba moitas veces a facer dobrete.... Pois había que ir parando. A estas idades, tamén xa vai custando. Pero cantar é o que máis me gusta facer practicamente. Sexa na música, no teatro, no cine ou na televisión, quero contar unha boa historia, cun bo director e cuns estupendos compañeiros.

—Déanos algunha pista máis sobre o que se atoparán os que acudan ao concerto.

—O grupo está formado por un cordobés, dous madrileños mais eu. Guillermo é o contrabaixista, Isaac, o guitarrista, e Arturo, o batería. Facemos temas propios en castelán, porque tiña gana de que as historias que contamos se entenderan, e tamén clásicos do rhythm and blues. Facemos versións, algunha moi sorprendente.

—Desfrutará das festas toda a fin de semana en Malpica?

—Si, aínda que a San Adrián non sei se irei porque gústame o camiño e un ano fun e paseino fantasticamente, pero ao chegar alí hai tanto rebumbio que xa non dou para tanto [ri].

—Aínda participou recentemente nun programa de cociña en Telemadrid. Non para!

—Sigo oficiando vodas civís adaptadas aos que se casan, estou volvendo facer catro especiais de Los Gypsy Kings, programa no que a voz en off, dende que empezou, é a miña; e estou traballando contra o idadismo, palabra que acaba de incluírse no dicionario galego da lingua e que fai referencia á discriminación por idades. Cun grupo de xente fixemos un programa que se emitiu o verán pasado na TVG, Incombustibles, no que falamos de aprender a avellentar de forma activa e de que non nos rouben o futuro ás persoas de máis de 65 e 70 anos.

—Que lle parece o papel que ten a comisión de festas na vida dun pobo como Malpica?

—Ter alguén que se preocupe por levar cultura, actividade, por mover e dinamizar, merece tódolos meus respectos e toda a miña admiración porque, aparte, son xente seria. Dá moitísimo traballo e non sei se moitas satisfaccións. Creo que había tempo que a xente non felicitaba tanto á comisión como sucedeu cos Mallas de Area o ano pasado. Seguen aí, é unha misión de todo o ano e non gañan cartos con iso. Despois tamén temos a outra asociación, Campal, que comezou co Balea Fest e prepara a segunda edición.