Alberto Mancebo: «Interésame a ficción pura, forma parte de min»
MALPICA DE BERGANTIÑOS

Entrevista | Xornalista e escritor, presentou onte a súa primeira novela en Malpica. Tamén a levará o luns que vén a Coristanco
14 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xornalista e escritor, Alberto Mancebo (Vimianzo, 1983) fixo onte parada en Malpica coa súa primeira novela, O que me quedaba por dicirche (Xerais), «historia familiar, íntima e sentimental baseada nas intensas emocións dun estraño protagonista co que calquera persoa se podería identificar», di a sinopse. En menos dunha semana, o vindeiro luns, ás 18.30, chegará con ela ao Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco. Onte, horas antes de acudir a Malpica a ese acto organizado dende a biblioteca Manuel María, o instituto Urbano Lugrís e a concellería de Cultura, falou en Radio Voz:
—Nace a novela nunha época dura, en Portugal, como corresponsal en plena pandemia.
—Si, non é que a escrita fose unha válvula de escape, senón que foi o momento propicio. Sempre tiven ganas de escribir algo, faltábame iso, o momento, e o espírito. En Portugal confináronse dúas veces, cunha situación moi dura no sistema sanitario, e eu como correspondente tiña moito traballo, mais tamén a necesidade de escribir algunha cousa que non contivera a palabra coronavirus. Case un entretemento nese segundo confinamento, e de feito seguín escribindo e agora fágoo como se fose unha afección diaria. Faime sentir ben, entretenme moito.
—Esperamos algo máis logo?
—Pois si, ando acabando a cuarta novela, a ver se para antes do Nadal, transcorre en Vimianzo e na comarca. Nada teñen que ver coa primeira. Agora a ver se me publican [ri].

—Esta primeira novela foi tamén un agasallo para súa nai.
—Ela sempre estivo pendente de min nese aspecto, porque de mociño escribía relatos e gustábanlle moito. Confiaba en min nese sentido, pero eu cría que non podía escribir algo así, xa con 38 anos. Cando tiven esa novela, coherente, aproveitei e deille a sorpresa. Tirei polo alto ao envialo a unha editorial, Xerais, e imaxina a miña cara cando me chega un correo dicindo que gustara e que benvido a Xerais.
—Hai algo de autobiografía?
—Para nada. Interésame a ficción pura. Son un apaixonado dela. Ver películas, series e ler ficción forma parte de min. É algo fundamental, do que como. Nada me interesaba contar historias que vivo, porque ademais teño unha vida moi normal, máis alá de ser xornalista de televisión e que me guste viaxar. É unha historia inventada, non hai ningunha referencia a min, e incluso se pode percibir os esforzos que fago por alonxala.
—Que lle queda a vostede por dicirnos? Que noticia dar?
—Estamos fartos os xornalistas de contar malas noticias. Non sei cal será esa noticia boa ou esperanzadora, pero o que me gustaría a min é seguir comunicando na televisión, e oxalá sempre cousas boas.