Conta atrás para Escora Danza, ferramenta de unión e cohesión

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Malpica, un dos concellos da comarca participantes, acolleu onte a presentación

22 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Malpica, un dos municipios nos que se levará a cabo xunto con Corcubión, Muxía, Vimianzo e Zas, foi este mércores a sede da presentación da cuarta edición de Escora Danza, unha iniciativa da Deputación que se levará a cabo entre o 25 de maio e o 8 de xuño. «Tecer pontes entre a creación artística e a vida das nosas vilas, entre a danza contemporánea e o sentir dos nosos territorios»: velaí o obxectivo, apuntou a deputada Natividade González. Acudiron ata Malpica representantes de todos os concellos. Ante eles, Natividade explicou tamén que Escora non é só unha programación de espectáculos senón un proxecto «que entende a cultura como un dereito, como unha ferramenta de transformación social e como un espazo de encontro». «Trátase de crear dende o territorio e co territorio, de recoñecer os saberes locais e de poñelos en diálogo coas linguaxes contemporáneas», engadiu a deputada provincial.

Todo iso, en gran medida, a través da danza, que actúa como «ferramenta de cohesión», como vía para recoñecernos como «comunidade. Nenos e grandes, ademais dos cinco concellos, de 15 asociacións e de nove compañías ou artistas, terán cabida neste programa que inclúe diversidade de formatos: propostas escénicas, música en directo, residencias, encontros de reflexión, obradoiros interxeracionais, roteiros e ata unha limpeza de río. «Unha das maiores forzas da danza é a de xerar unión», apuntou a comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, agradecida coa implicación de todas as partes. Diversidade LGTBIAQ+, ecoloxismo e música e danza dende o contemporáneo serán os tres eixos do programa.

Corcubión

25 e 31 de maio. Residencia dos artistas Brais Pombo e Fran Rodríguez, para o proxecto «Do outro lado»: do 25 de maio ao 8 de xuño. O propio día 25, ademais, faladoiro «Arte, territorio e ecoloxía: alianzas e desafíos da cultura co mundo rural», coa participación deses mesmos artistas e as entidades Boca de Sapo, Universidade Popular, Escola de Teatro de Corcubión, Farándula Velutina, Distrito Forestal V de Vimianzo e asociación San Pedro de A Redonda. Moderá María Bella, cun roteiro para finalizar a xornada. Igualmente en Corcubión, o 31 de maio, obradoiro teatral e, ás 21.30, na Capela do Pilar, mostra da residencia «Do outro lado», de Brais Pombo e Fran Rodríguez.

Zas

30 de maio e 5 de xuño. O 30 de maio, actividades co alumnado do IES Maximino Romero e o CPI de Zas. Ás 18.30, paseo con limpieza á beira do río: finalizará co espetáculo «Velaiquich, amoorch!», do Colectivo D’Elas. O día 5 de xuño, obradoiro «Tempostaguem», co CPI.

Vimianzo

Do 31 de maio ao 8 de xuño. Residencia do artista Noel Quintela co proxecto «León». Citas, tamén, os días 6 e 9.

Malpica

1 de xuño. Obradoiros para o Fogar de Pensionistas e para os pequenos de Raigañas. Ás 13.30, no paseo da praia, espectáculo «Ousar», de Amparo Martínez. Ás 19.00, no porto, espectáculo «77.000», do colectivo DeXeito, e «Lela», creado na anterior edición por Fran Sieira xunto coa entidade Adro de Baio.

Muxía

6 e 7 de xuño. Talleres, roteiros, concerto performativo.