Flores

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

MUXÍA

Ana Garcia

16 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembraba onte José Manuel Pequeño, nunha entrevista nestas páxinas polo premio que lle acaban de dar en recoñecemento á súa promoción de anos do Camiño a Fisterra e Muxía, cando todo empezaba. Todo o que conta é ben certo, e ademais a min, que aínda non teño os seus anos, tocoume velo xa dende finais dos noventa. É obvio que non falta á verdade, pero enfatizo o de certo porque seguro que aínda hai quen non crea que dende aquel tempo, sobre todo principios do século actual, a un alcalde rural deulle por plantar flores. Flores, a quen se lle ocorre. E árbores, habendo tantos como xa hai no monte. E limpar valados. E implicar aos dumbrieses nos plans de emprego, cotizando e aprendendo un oficios.

ana garcia

Conta Pequeño que asombraba moito tal cousa aos primeiros peregrinos. Eu digo que abraiaba sobre todo aos veciños da volta. Sei de emigrantes que, aproveitando as vacacións, ían ver rúas de Dumbría e de paso, o cemiterio de cores. Como era posible tal cousa. E, sobre todo, nunha bisbarra coma a nosa na que sempre gustou tanto o asfalto, o cemento, as eiras grandes. As flores, menos. Iso, na casa.

Cos anos todo foi cambiando, e agora xa temos varios concellos que levan premios cada ano no certame de Vilas en Flor, e ben merecidos.

O caso de Dumbría lembroume un que coñecín este ano en Chédigny (departamento de Indre-et-Loire, centro de Francia), un pobo de 560 habitantes: o alcalde decidira hai 25 anos encher as casas e as beirarrúas de flores, sobre todo rosas (hai máis de mil roseiras de 350 variedades). E hoxe, 40 persoas viven dun turismo de calidade que atrae a máis 120.000 persoas ao ano.