María Pilar Mirón Blanco: Muxía, marca indeleble na miña vida

PILAR MIRÓN

MUXÍA

XOAN A. SOLER

En primeira persoa | A miña idea inicial era ser simplemente a profe de inglés do Ramón Caamaño, pero...

12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano 2019 quedará gravado na miña memoria para sempre. En setembro, cheguei ao instituto Ramón Caamaño de Muxía con emoción e ilusión, lista para afrontar un novo capítulo na miña vida.

Era un centro pequeno, situado nunha vila fermosa, e tiña ganas inmensas de coñecer a comarca da Costa da Morte, que me resultaba completamente descoñecida.

A miña idea inicial era ser simplemente «a profe de inglés», pero axiña a realidade superou as miñas expectativas e, sen darme conta, atopeime no medio dunha situación que nunca imaxinara: en plena pandemia de covid, nomeáronme directora do instituto Ramón Caamaño.

A partir dese momento, a miña vida profesional transformouse por completo. Comezou unha experiencia chea de retos, pero tamén de momentos profundamente satisfactorios. Desde o primeiro día, comprendín que o centro necesitaba ampliar a súa oferta educativa. Aínda que eramos un centro pequeno, contabamos cun alumnado numeroso que se sentía perdido ante as limitadas opcións de estudo que tiñamos na contorna. Así que, decidimos poñernos mans á obra.

Unimos forzas

O equipo directivo e o claustro de profesorado unimos forzas para analizar as necesidades da comarca. Tiñamos claro que a Costa da Morte estaba a experimentar un crecemento imparable no sector da hostalaría e do turismo. Así comezou un longo camiño de análise, traballo e, a pesar de algún tropezón, tamén de éxito. Primeiro, contactamos coas empresas da zona, comezando polas de Muxía, que eran as máis próximas. Pronto nos decatamos de que a nosa idea non era nada novo; os empresarios levaban anos demandando unha formación específica que se adaptase ás necesidades do sector.

Continuamos a nosa ronda de contactos cos Concellos, que desde o primeiro momento mostraron a súa disposición a colaborar. Finalmente, chegamos á Consellería de Educación.

Con moita ilusión e esforzo, elaboramos un proxecto que, tras dous anos de traballo, conseguimos que fose aprobado: a implantación dunha FP Básica Dual en Cociña e Restauración en Muxía.

Cando recibín a noticia da aprobación, pensei que o máis difícil xa estaba feito. Pero, na realidade, quedábanme por diante dous anos de obras, planos, orzamentos, albaneis, maquinaria… Unha chea de elementos difíciles de coordinar que, a pesar de todo, finalmente tiveron un final feliz.

Cada día era un novo reto, e a miña capacidade de organización e paciencia foi posta á proba. Pero, a pesar das dificultades, a emoción de ver como o proxecto tomaba forma era indescritible.

Non entanto, o meu paso polo equipo directivo non se limitou só á implantación da FP. Este é, sen dúbida, o traballo que máis se visibilizou, pero detrás diso hai un mundo de esforzo invisible que se realiza nun centro rural como o noso. O que realmente me enche de orgullo é o noso alumnado. Son mozos e mozas cariñosos, honestos e humildes, sempre dispostos a botar unha man e, sobre todo, a sacarme un sorriso nos días máis complicados.

Aumento de opcións

O que este alumnado necesita, ademais da oferta formativa, é un aumento de opcións en todos os niveis. A xuventude que vive na Costa da Morte ama ao seu entorno, á súa xente, á súa lingua e os seus costumes. O problema é que, para desenvolver o seu potencial, necesitan ter máis facilidades. É fundamental que todas as Administracións traballen xuntas para conseguir melloras en moitos sectores, como o transporte público, que debería contar con combinacións máis frecuentes, así como actividades formativas e deportivas que vaian máis alá do fútbol.

Gustaríame pensar que, entre todos, contribuímos a mellorar, pouco a pouco, a nosa contorna. A miña esperanza é que, xuntos, poidamos transformar a Costa da Morte non só nun lugar que enamora aos turistas, senón tamén nun espazo onde a nosa rapazada poida atopar as mesmas oportunidades que nas grandes vilas. Cada paso que damos, cada proxecto que levamos a cabo, é un paso cara a un futuro mellor para todos nós.

A miña experiencia como directora do instituto Ramón Caamaño de Muxía foi unha verdadeira viaxe de aprendizaxe. Aprendín que, a pesar dos desafíos que se presentan día a día, a colaboración e o compromiso de todo o equipo educativo son fundamentais para crear un ambiente positivo e enriquecedor para os estudantes. Cada situación, cada decisión e cada interacción foron oportunidades para crecer e mellorar, tanto a nivel profesional como persoal.

Sen dúbida, esta experiencia deixará unha marca indeleble na miña vida e na miña visión sobre a educación.

DNI. María Pilar Mirón Blanco é docente de inglés. Con ese papel criu un día que chegaría ao instituto de Muxía, con ansias tamén de coñecer a Costa da Morte, tal e como ela mesma relata neste texto. Mais a vida, e mesmo a pandemia, tiñan outros plan para ela. Acabou asumindo as rendas do centro e non só iso, ou conservando o que xa había, senón acadando unha moi vella reivindicación do empresariado, formación na rama hostaleira.