Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Festiletras: música, literatura, teatro e artesanía nun festival de experiencias únicas

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A 41.ª edición da celebración despídese hoxe coa terceira velada. No Couto, Ponteceso. Actividade das 11.00 en adiante, con peche a cargo de Xabier Díaz

03 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas as pezas son distintas, todas as experiencias singulares, particulares, mais dalgún xeito todas rematan por encaixar. É o que ocorre coa artesanía, coa literatura, coa música, cos xogos, co teatro ou coa arte nas Festiletras do Couto, en Ponteceso, cuxa 41.ª edición seguiu avanzando este sábado en horario diúrno cunha nova remesa de propostas lúdicas a cargo de Inllar, Os Quinquilláns e o seu achegamento histórico-dramatúrxico a Parga Pondal, Blues do País, Xa Era Hora, Mini, Amorante, Faíscas da Pontraga ou Lucía Aldao, entre outros.

BASILIO BELLO

Propostas en todo caso especiais e únicas polo espazo no que se desenvolven, coma a que levou a unha marea de xente o venres pola noite á Eira da Pontedona, onde con permiso do absoluto talento de Oreka TX coa súa txalaparta, por segunda vez no Festiletras, ou de Momboi, foi Rozalén con Fetén&Fetén sobre o escenario todo un reclamo. «Es la primera vez que hacemos esto, un estreno a nivel mundial, lo disfrutaréis los que estáis aquí», dixo a albaceteña. O que queira que fose que fixo a organización para espantar a choiva do día resultou: de noite había humidade, e había néboa, mais non caeu gota e así ficou unha noite para a historia deste festival que, como reflexionaban algúns artesáns o primeiro día, permite facer cousas moi grandes dende un lugar moi pequeno.

BASILIO BELLO

Honrar a mulleres anónimas do rural, por exemplo: «Mulleres humildes que non están nos libros, e que sen sabelo estaban construíndo o que hoxe temos, e que nós temos a responsabilidade de non perder», afirmaba Tamara Lema, condutora do encontro Que o conten elas.

BASILIO BELLO

A lareira da fundación acollía onte, doutro lado, unha mañá de irmandade de espazos literarios de Galicia e Portugal, primeiros pasos dunha futura rede que ha de ter programación de seu. Haberá nuns meses unha nova reunión. No Couto medran as letras, máis alá das plantadas estes días polas hortas. «Debe ser a maior concentración de artistas por medro cadrado», ironizaba alguén na primeira xornada. E velaí había talento enriba e abaixo do escenario: Budiño, por exemplo, estaba no público.

Rozalén, con su Premio Boa e Xenerosa de Honra
Rozalén, con su Premio Boa e Xenerosa de Honra ANA GARCIA

Rozalén, xa unha Boa e Xenerosa de Honra

A primeira sorpresa no concerto de Rozalén con Fetén&Fetén foi para ela mesma, recibindo de mans do presidente da Fundación Pondal, José Manuel Mato, e de Uxía Varela, presidenta da Casa da Muller, o busto de Pondal que a acredita como Boa e Xenerosa de Honra. Polo seu compromiso coa muller, polo seu apoio incondicional ás vítimas de violencia de xénero e polo seu activismo en pro do feminismo, que, como ela ten dito, avanza lentamente porque é unha revolución de amor. «Hoxe, na aldea do Couto, pintamos unha porta violeta», afirmou Varela. Recolleu Rozalén emocionada o recoñecemento, «un poco engañada porque yo solo venía a cantar unas canciones con mis amigos», agradecida pola acollida do festival e desta terra, para a que tivo moitas gabanzas, tamén vía redes. Non lle faltou razón ao atopar semellanzas e afirmar que recibía o título coma se fose «un Goya gallego».

Despois viría unha noite de mestría no escenario, a dela, a de Fetén Fetén cos seus mil e un sorprendentes instrumentos e a de Beatriz Romero contando todo en lingua de signos. Dende A virxe de Portovello hasta La puerta violeta na que implicaron a dúas mozas, ambas as dúas Saras, pasando Mar en el trigal, todo foi un canto á apreciar a beleza.

PROGRAMA PARA HOXE, DOMINGO

Dende as 11.00 horas ata as 20.00 estará aberto o Mercado da Deputación [novidade este ano] e a 41.ª Feira da Artesanía. Máis de 30 postos situados na Horta da Fundación, chegados dende distintos puntos do rural da Coruña, no caso do mercado provincial, e tamén doutros puntos da comunidade no caso da Feira de Artesanía, na que tamén hai creadores locais. Tamén ás 11.00 chegarános primeiros pasarrúas cos Viqueiras de Ordes. No mesmo horario, Teté Teatro (Salto, Vimianzo) tomará a Eira de Rosende para ofrecer unha dose da súa dramaturxia etnográfica. Os Farrapos animarán musicalmente a Eira de Pailetes ás 12.00 e Tandub ofrecerá un concerto ás 13.00 na Eira de Pontedona, onde tamén se poderá bailar ao ritmo do festexado retorno de Lamatumbá. Este, a Eira de Pontedona, é o espazo central das actuacións este ano. Xa pola tarde, Berlai tomará a Eira de Pailetes ás 16.00, e Teté Teatro volverá á Eira de Rosende nese mesmo horario. Mozos do Donaire será a formación encargada da música itinerante pola aldea, das catro en adiante, e Os Farrapos de Cesullas sumaranse dende as cinco. De volta na Eira de Pontedona, a partir das 18.00, os dous últimos concertos deste ano no Couto: Mallou e Xabier Díaz, que non chegará só, senón con amigos, actuando por volta das 19.00.

Xabier Díaz, en una imagen de archivo
Xabier Díaz, en una imagen de archivo BASILIO BELLO