Terán as portas abertas de luns a sábado con ducias de iniciativas de aprendizaxe e coñecemento
02 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Curso iniciado nos centros educativos e novo curso que hoxe tamén bota a andar en numerosas asociacións culturais da comarca. Traerá o outono froitos de aprendizaxe e coñecemento, por exemplo, á Fundación Pondal e á Casa da Muller, no Couto, en Ponteceso. Abrirán as súas portas todos os días, de luns a sábado, con actividades cada xornada.
Luns, martes, mércores e xoves, o horario de apertura será de 16.00 a 18.00. O luns terán sesións de nutrición con Celeste Sofía Sánchez e calceta con Ana Lema Pose. Os martes, costura con Teresa Mosqueira, Fina Calvo e Placeres Calvo, así como informática con Paula Blanco. Para os mércores quedará o cancioneiro de mans da regueifeira Lupe Blanco, así como mindfulnees con Teresa Vilanova. Impartirá cociña os xoves Juan Bautista. Estenderán horario os venres, de 16.00 a 19.00, franxa na que haberá teatro con Yago Espasandín, pirogravado con Ricardo Risco, cestería con Teresa Seara e contacontos de igualdade no Tornarratos, o cine máis pequeno do mundo. Encargarase destas narracións a mestra Tamara Lema, coa primeira sesión xa este venres 6: O país dos mandóns. Logo, cada xornada, ata o 22 de decembro, irá tendo Lema persoas convidadas, caso de Vítor Varela, Blanca Represas, Eloi Mato, Antía Ameixeiras, Hilda, Sara Varela, Ana Sánchez ou Alba Pombo, ademais do alumnado das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Para estas aulas —con Gerardo Reino, Sofía Fondo e Esther Suárez— quedarán precisamente os sábados, con formación pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas
Covas Célticas
Será a Fundación Pondal tamén punto de encontro do coñecemento da man das chamadas Covas Célticas, a primeira delas o vindeiro 14 de outubro, ás 17.00 horas, un foro arredor dos festivais da Costa da Morte. Leva por lema Os bardos son nobre causa e abordaranse iniciativas como a Festa da Carballeira de Zas, o Asalto ao Castelo de Vimianzo, a Festa Folk na Fin do Camiño de Fisterra, Comarea en Muxía, Xiria Pop en Carballo ou as propias Festiletras do Couto.
Tamén ás 17.00 horas serán as seguintes sesións. O 1 de novembro, presentación do libro Cemiterios egrexios e tumbas de poetas, de Xosé Gándara Arxomil, acto ao que seguirá unha dose de etnoteatro con Teté Teatro (Salto, Vimianzo) e a súa peza Aire de defuntos. Non pode ser máis acaída a data. O sábado 11, doutro lado, Xohán Xabier Baldomir dará a coñecer o seu libro Os contos das risas serias, en torno a O Xestal (17.00 horas). Finalmente, o 18 de novembro, Héctor Pena divulgará a súa análise Historia do fútbol feminino na Galicia.
Consellería de Política Social, Axencia Galega de Innovación, Secretaría Xeral de Política Lingüística, CFR da Coruña, Concello de Carballo e Concello de Ponteceso colaboran neste programa que tamén incluirá colaboración na xornada O patrimonio local como recurso educativo (21 de outubro), na ofrenda floral a Pascual Veiga en Mondoñedo (22) e participación na andaina Camiño ao respecto, o 25 de novembro en Compostela.