Sergio Pazos: «Cambiou o humor, pero non podemos esquecer de onde vimos»

P. Blanco / A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

MIGUEL VILLAR

ENTREVISTA | O popular actor chega hoxe na súa faceta de cómico a Vimianzo: trae «Risas ao sol» ás Noites no Castelo, como parte do Vimiansol 

11 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Intensísima vai ser esta fin de semana en Vimianzo. Comezan hoxe as festas de agosto, e continúa tamén o ciclo Vimiansol. Ás Noites no Castelo chegará ás 22.00 horas o ourensán Sergio Pazos, actor, cómico, presentador... Polifacético sen dúbida, «e polipatético», engade el rindo. A Soneira chega desta volta precisamente na súa faceta de humor e faino con Risas ao sol. «Pasar un bo anaco, rirnos un pouco de nós mesmos e do que nos pasa»: así convidaba el a este espectáculo que será no patio da fortaleza, gratuíto.

—Benvido de novo.

—Estou encantado de volver á terriña! Ao final son tantos anos fóra, vivindo en Madrid, que gusta cando chaman para actuar en Galicia. De Vimianzo teño moi bo recordo. Fixen parada en Ourense para visitar familia e amigos e para aí tiraremos. A ver se podo aproveitar para me bañar, teño un can e quero mollalo no Atlántico, darlle un bautismo como merece. A Costa da Morte é unha zona que me gusta. Cando tiñamos a compañía teatro Caritel, Daniel Piñeiro tiña familia en Camelle. Sempre parabamos en Vimianzo a tomar algo. Ímolo pasar ben, espero, e terei uns días. Quero achegarme a Camelle, acórdome das festas, aínda estaba Man...

—«Risas ao sol» é o que trae. Sol non sabemos, pero risas...

Risas ao sol é unha xuntanza de antigos monólogos que tiña. Hai cousas que sempre funcionan moi ben, ese clásico de meternos cos políticos... Gústame moito interactuar co público, mesmo improvisar dependendo da enerxía que che dá. Sumámoslle a iso actuar nun castelo, algo marabilloso, e tamén un pouco de homenaxe ás avoas, que son como nais, pero tres veces máis. Sigo pensando que o humor galego é completamente distinto, así que tamén hai homenaxe a chistes antigos, nosos, en galego, case descatalogados. Cambiou o humor e a sociedade, pero non podemos esquecer de onde vimos.

—Que aporta tomar a vida con humor, sen poñerlle corsés?

—É un dilema interesante. Somos nós os que temos que poñer os marcos. Dependendo do contexto, con humor pódese falar de calquera cousa. Máis alá diso, o humor é fundamental, bastantes problemas temos... Eu cada vez teño máis paciencia, máis humor, máis ironía e un pouco máis de saúde. Vemos nas redes unha cantidade de odio gratuíto, absurdo, violento...

Pede2 trae mañá á capital de Soneira «Ao divagar se vai longe»

Mañá • Vimianzo ten en marcha o seu programa de verán Vimiansol dende o o pasado 8 de xullo. Espectáculos moi diversos, pero cunha aposta decidida polo circo e as artes escénicas. Xa pasaron pola capital de Soneira Artefeito, Sempre Arriba ou Troupé Malabó, mais aínda quedan tres citas deste estilo. Unha, mañá mesmo, con Cía Pede2 e o seu espectáculo Ao divagar se vai longe: 21.00 horas, na Praza do Concello. Circo no Ato, pola súa banda, actuará o vindeiro 19 de agosto, e para o 26 quedará Su.Ma. Todos eles son espectáculos de balde, ao aire libre, para gozar en familia. ¡Achéguese ás festas e ao circo a Vimianzo!