Pondal, Martelo e López Abente subiron de novo aos Penedos

Xela Cid

VIMIANZO

EMILIO ROCA

O Semescom levou a cabo un percorrido literario polo museo pétreo de Pasarela

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Iniciando o mes de xuño, o domingo día 2 e organizado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), fíxose un Roteiro Literario, guiado polo poeta e profesor de Lingua e Literatura Galega Miro Villar, pola Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. O día presentouse solleiro cun chisco de nordés apto para a andaina. O solo seco e limpo, recén rozado, axudou a gozar do camiño e moverse con facilidade para descubrir, por primeira vez para algúns, ou redescubrir novas «pedras» para outros que xa estiveron máis veces neste macizo pétreo.

Ás dez e media da mañá un nutrido grupo de persoas, socios do Semescom uns e achegados outros, que quixeron partillar este percorrido, xuntáronse na praciña de Pasarela, onde está a casa escola Labarta Pose. Aquí comezou Miro Villar coa lectura dos primeiros textos literarios e o historiador de Bamiro e presidente do Seminario, Xosé María Lema, deu conta do que foi a Sociedade Agraria e Cultural Hijos del Partido de Corcubión e da figura de Labarta Pose.

A partir de aquí, cada quen, cunha guía feita para a ocasión e moi traballada, avanzou entre piñeiros e rochas facendo pequenas paradas onde Miro ía lendo e debullando os textos seleccionados dos moitos escritores que fixeron loas desta cidade encantada. Era o obxectivo fundamental nesta ocasión. Camiñar con Eduardo Pondal, Máximo Leyes, Martelo Paumán, Victorino Abente, Gonzalo López, Xosé Collazo, Antón Zapata, Otero Pedrayo, Xelucho Abella, Manuel Rivas, Pérez Parallé, Rei Núñez, Pérez Alberti e Alberto Lema Suárez.

Parada obrigada na canteira para constatar como no ano 1997, primeiro, e logo no 2006 se perpetrou un atentado xeolóxico que de seguir adiante destruiría este lugar. Quedaron as pegadas da fazaña de dúas empresas que quixeron explotar este espazo máxico. Aquí están dous Penedos senlleiros, a pedra da Cachucha e a do Barco. O espazo entre elas é unha praza natural, reivindicativa, onde rematou no 2006 a marcha pola Salvación dos Penedos que levarían a súa protección o 11 de Decembro do 2008.

O grupo, aos pés da escola de Pasarela, antes do ascenso
O grupo, aos pés da escola de Pasarela, antes do ascenso EMILIO ROCA

A partir deste punto serían as potentes palabras xeolóxicas como complexo pétreo, granítico, biotítico, magmático, plutónico, oroxénico e paleozoico referidas a este macizo que vai dende Laxe, ao longo da serra da Pena Forcada ata o Vilán, as que se mesturaron coa dozura literaria. Os biólogos presentes descifraron o seu significado e lembraron o proceso de formación deste enclave que durou uns 300 millóns de anos. A configuración xeolóxica de Galicia así como os Penedos de Traba xa estaban aquí, como agora, só que algo máis desgastados que hai 23 millóns de anos. É o milagre dos procesos xeolóxicos. O mundo da pías, Cacholas, torres, rochas castelo, bloques, acanaladuras entre outras, mais non son unha fantasía son formas xeolóxicas reais.

 Paxaros, flora e fauna

Un alto para comer algo a carón da pedra multiforme onde outros socios falaron de paxaros, de flora, de fauna e dos endemismos desta zona. Un saber compartido que conforta.

Con forzas renovadas había que chegar aos cumes máis altos. A Galla da Pena Forcada con 300 metros de altitude é o máis elevado da serra dende onde se ve o val de Vimianzo e as casas de Pasarela. Un esforzo engadido, para os que puideron, foi a subida ata o alto da Torre da Moa, o segundo cume con 244 metros. As vistas sobre o val de Traba son indescritibles.

Mentres todos gozabamos deste museo pétreo de seres xigantes, Emilio Roca tomou o traballo de deixar testemuña gráfica do acontecemento.

A tarde vai devalando. Volvemos a Pasarela. Foi un acto máis dos moitos celebrados para seguir avanzando na protección dos espazos naturais en xeral e deste en particular. Só coñecendo os Penedos e camiñando ao seu carón se chega a amalos e defendelos. Son duros pero á vez vulnerables.

Xa o dicía Ortega e Gasset: «A paisaxe é pedagoxía / as malas paisaxes,/ as estragadas/ fannos peores».