
O intérprete é un dos beneficiarios das Residencias Paraíso, en Vimianzo. Mañá ofrecerá unha mostra do proxecto que prepara: 20.30 horas, Casa da Cultura, acceso de balde
02 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A axenda da fin de semana incluirá parada en Vimianzo, onde mañá, sábado 3 de maio, ás 20.30 horas, poderá o público ver o resultado do traballo que o artista Antón Yaguas vén facendo na propia Casa da Cultura da vila dende o pasado 21 de abril. Yaguas participa do programa anual de residencias artísticas Residencias Paraíso, promovido polo Colectivo RPM coa colaboración, neste caso, do Concello vimiancés. Haberá vindeiras convocatorias en Carballo e Corcubión. Falou Yaguas en Radio Voz:
—Como están indo as xornadas por Vimianzo? Como viviu no seu caso o apagamento?
—Pilloume en plena reunión creativa, as luces do teatro apagáronse, non sabía que pasara, coma todo o mundo. Comecei a contactar con xente da Coruña, de Portugal... Todos estabamos igual. Foi un día de parón, pero aproveitei para facer outro tipo de traballo fóra do auditorio. [No que respecta aos días de residencia] foron xornadas moi produtivas a nivel creativo, gratificantes, interesantes e de pescuda sobre o meu traballo. Estou contento de estar aquí, déronme todas as facilidades.
—Coñecía Vimianzo?
—Si, meu pai é de Corcubión, teño moito vínculo coa Costa da Morte. Formo parte dela, pero aínda así nunca tivera entrado ao edificio da Casa da Cultura. Non sabía das súas proporcións e a verdade é un espazo magnífico. Dá gusto poder ter algo así no ámbito rural, fóra da cidade. Sábese que na Coruña podemos ter estas facilidades, mais tamén fan falta recursos así en ubicacións menos convencionais. O de Vimianzo está realmente ben.
—É vostede bailarín, intérprete, creador, artista multidisciplinar, e o que prepara é «Open Call». Cóntenos máis.
—O título, que en galego sería chamada aberta, é basicamente o nome que dentro das artes performativas lle damos a cando hai un proceso de audición aberto para que a xente envíe as súas candidaturas. Apropieime dese título para facer un pouco de crítica dos procesos de traballo dentro da danza, un campo precario, non doado. Explora o eido da imaxe, sobre todo nos bailaríns, como a construímos ao fronte do público, da nosa candidatura... Como existe este diálogo de confronto entre a imaxe que producimos e o que nós queremos expresar.
—Que o levou a esta cuestión?
—Un pouco recibir tantos «nons», o pan de cada día dos bailaríns. Quixen sacar a relucir o traballo creativo que hai xa no facto de enviar unha candidatura. Fisicalidades, dramaturxias... Por que non traballar xa desde isto?
—O que exporá mañá en Vimianzo é un pequeno avance.
—Exacto. Non é un produto final, senón unha mostra despois da residencia, aberta ao público, para ensinar as liñas de traballo deste meu proxecto, dancístico basicamente, moi de movemento. Convido a toda a xente a acudir, non quero facer spoiler [ri].
—A quen agarda alí?
—Da Coruña virán familiares e amigos [ri], pero agardaría quizais a xente interesada pola cultura fóra das programacións máis habituais de teatro, xente interesada pola danza e xente tamén que non acostume ir a ela. Diría que é para todos os públicos.
—Temos xa lugar e data para a estrea do espectáculo final?
—Aínda non, pero confío en que axiña a haxa. Esta foi a miña primeira residencia con este proxecto, e sinto que preciso aínda algunha máis para pechar o concepto, e estruturar mellor a cuestión.
—Xa ten a súa traxectoria. Que papel xogan estas residencias?
—Teño feito máis traballos como intérprete ou en proxectos colectivos, se ben este é o meu primeiro como creador solista, individual. Por iso teñen tanta importancia estas residencias, de longa traxectoria e recoñecidas [RPM].