«Cada ano temos máis turistas. Nótase nas visitas ao castelo e nos restaurantes, que están cheos»

VIMIANZO

«Aínda que gozo das festas, é certo que estou moi pendente de todo o que poida acontecer. É parte da miña forma de ser», di a rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez, ás portas das celebracións de agosto
07 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mónica Rodríguez Ordóñez é alcaldesa de Vimianzo dende o 2019.
—A semana grande das festas coincide co mes máis importante no que a turismo se refire. Como se leva?
—Cada ano temos máis turistas. Os datos de visitas ao castelo así o reflicten. Pero tamén se observa nas feiras dos xoves, que son igualmente un termómetro do noso turismo. A xente queda a xantar e merca no comercio local. E os restaurantes, que son outro baremo para medir a incidencia das visitas, están sempre cheos.
—Que destacaría das festas?
—É a nosa semana grande. É moi especial para min porque a vivín dende pequeniña. Teño ese recordo da infancia. Son datas de reencontros, de estar cos amigos, coa familia. Son datas nas que os nosos emigrantes, a maioría deles de Suíza, regresan a Vimianzo para estar con nós.
—Sendo alcaldesa, goza igual das festas que antes de ter esta responsabilidade?
—Gozo das festas, pero é certo que estás sempre atenta a todo o que poida acontecer. É a miña responsabilidade. Sempre estou operativa, pero nas festas, moito máis. É parte da miña forma de ser. Tamén teño que dicir que estas festas son o que son, unha referencia na Costa da Morte, grazas ao traballo e dedicación da comisión de festas. Temos o cartelazo que temos grazas a eles.
—Que é o que máis lle gusta facer nesta semana grande?
—Facer festa na miña casa e cociñar para os meus.
—Séntese máis cociñeira ou reposteira?
—Son máis reposteira, a verdade.
—Persoalmente, con que se queda do cartel deste ano?
—Esta fin de semana actuarán en Vimianzo cinco das mellores orquestras do panorama galego.
—Móllese. Con cal se queda?
—Vin a Panorama e encantoume e quero volver vela. Este ano, á París de Noia aínda non a vin e estou expectante por vela.
«Somos un dos concellos da Costa da Morte con maior riqueza e variedade patrimonial»
Mónica Rodríguez aproveita a ocasión para exercer de improvisada guía turística.
—Recomende cinco ou seis sitios para visitar en Vimianzo.
—Visitar Vimianzo sempre é algo que fascina. Dígoo con moito orgullo. Para empezar, recíbeche un castelo cun val espectacular. Historia viva das loitas irmandiña, onde se expón unha artesanía viva espectacular, visitas guiadas e onde as fins de semana, ás doce da mañá e ás cinco da tarde, hai unhas representacións teatrais sobre aquelas revoltas irmandiñas por parte da agrupación dos Quinquilláns. Temos tamén o Pazo de Trasariz, o entorno do paseo fluvial e os Batáns do Mosquetín.
—Tamén presume moitas veces do patrimonio etnolóxico, xacementos...
—Somos un dos concellos da Costa da morte con maior variedade patrimonial. Contamos con toda unha referencia na comarca como é o Castro das Barreiras. Cantas máis escavacións se fan, máis nos sorprendemos sobre a cultura castrexa. Destacaría ademais as Rutas dos Dolmens.
—Como localidade asidua á organización de rutas de sendeirismo, cales diría que son as estampas que un visitante non se pode perder se acode a este municipio?
—O miradoiro de Cereixo. É espectacular. Agora, en verán, é moi visitado. Os Penedos de Traba e Pasarela son outro sitio de parada obrigada, e, como non, Sabadelle, na parroquia de Carantoña, a única saída ao mar de Vimianzo, ao través do río Grande, e a Furna do Sapo na ría de camariñas. Temos ademais o Camiño dos Faros, a Vía Céltica e a Vía Mariana...