
Muralismo, oralidade, literatura e arte forman parte deste proxecto. Manuel Rivas, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Rebeca Stones, María Canosa ou Pablo Rivero pasarán en próximas datas pola localidade
15 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Muralismo. Oralidade. Literatura. Arte. Velaí os catro conceptos detrás de Vimianzo M.O.L.A, o «innovador» e «ambicioso» proxecto cultural que vén de lanzar o Concello de Vimianzo. Baixo o lema Un castelo de lenda, será a fortaleza, emblema do municipio, a que acolla ao fío deste proxecto unha extensa e intensa programación que se espallará dende o 27 de agosto ata o 11 de setembro e que fusionará «todas as artes», como este xoves se dixo nunha presentación na que tomaron parte Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; Xosé Luís Penas, deputado provincial da área de Contratación e Patrimonio, e Pedro Blanco, delegado do Goberno. Deputación da Coruña e Ministerio de Cultura, a través do seu apoio para a promoción da lectura e as letras, suman forza nesta iniciativa que tamén incluirá música ou teatro feito mesmo por mocidade local dentro dun menú de «variedade» que levará ata a capital de Soneira a destacados nomes da literatura e creación galega e estatal, mais sen desbotar os talentos do local.
Un «concepto novo» impulsado dende un ámbito rural que pretende, ao fin, poñer en valor Vimianzo, a súa historia e o seu bo facer dende unha concepción interxeracional, buscando chegar ao maior abano de idades, de aí a aposta por disciplinas como a arte urbana, pero tamén por clubs de lectura ou obradoiros, da man ademais de dúas entidades especializadas, Vella Escola e Culturactiva. A cultura como nexo de unión. Non se fará separación por estamentos, senón que a programación busca expresamente a convivencia de idades. Nace, xa se dixo, coa idea de permanencia, de ser «o primeiro de moitos», tal e como incidiu o propio Pedro Blanco. Vimianzo M.O.L.A., en palabras da súa alcaldesa, Mónica Rodríguez, concibiuse como algo «diferente, exclusivo e único» que pretende converter o municipio neses quince días de programa en «epicentro cultural» da Costa da Morte «e atreveríame a dicir que de Galicia», apuntou tamén a rexedora. «Faro cultural para artistas, familias e mocidade», afirmou o delegado do Goberno.

Murais XXL, un deles tributo á obra de Manuel Rivas e outro á feira da Piroga-Bamiro, e outros colaborativos con pinturas coidadosas co medio ambiente sobre Castelao e Evaristo Martelo, seguirán en Vimianzo un legado de hai moitos anos: «Foi na Costa da Morte onde comezaron as pinturas murais, en lugares como Dombate ou Pedra Cuberta, onde os nosos artistas, os nosos antepasados, fixeron o que agora chamamos arte urbana. Hoxe seguimos enchendo este país de cultura e patrimonio», manifestou Penas. «A cultura dános liberdade, convídanos a mirar o mundo doutro xeito, é o mellor investimento que unha sociedade pode facer», incidiu Rodríguez.


Autoras e autoras galegos e nacionais, de par de voces da comarca e do propio municipio
Vero Rilo, Avelino González ou Paco Nogueiras non necesitan presentación no ámbito da oralidade. Tamén son referentes, no da arte urbana, Doctor Toy, Rakele Cavallo ou Primo Rodríguez. Ou o mago Teto no ilusionismo. No da literatura, pasarán por Vimianzo nesta programación, e particularmente pola feira de libros e librarías do venres 5 ao domingo 7 de setembro, grandes nomes como o Premio Nacional Manuel Rivas, con fondo vínculo ao municipio, pero tamén a ceense María Canosa, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Manuel Gago, Rebeca Stones, Fran Zabaleta ou Eduard Rolland. Pablo Rivero, con cinco obras publicadas e inesquecible rostro da serie Cuéntame, ou Amets Arzalluz, autor do libro máis vendido en euskera e traducido a diversos idiomas, engrandecerán este Vimianzo M.O.L.A. que o delegado do Goberno, Pedro Blanco, cualificou como «programa de luxo». Todos eles convivirán con outras voces máis locais, como os vimianceses Alberto e Alba Mancebo, Manuel Rial, Patricia Blanco, Tanea Caamaño e Xosé Ameixeiras, o camariñán Diego Garrote ou a ceense-carnotá Guadalupe Vázquez Formoso. Presentacións de obras e sinaturas de exemplares dinamizarán as tardes dese primeiro fin de semana do mes vindeiro.


A cultura como eixo de desenvolvemento, fortalecedora de democracia: así se situou onte en Vimianzo. «A cultura é memoria, pero sobre todo é futuro», engadiu Pedro Blanco, «voz do que somos e do que queremos ser». Patrimonio, lingua e creatividade entrelázanse neste menú deseñado dende a colaboración entre institucións: «Cando así se fai, as posibilidades multiplícanse». Vimianzo «amosa o camiño»: «Patrimonio é todo, todo o que vai haber aquí con este proxecto», abundou Penas. Citas para «reverter» na veciñanza, debulladas onte por Nieves Lema, técnica de Cultura e indispensable coordinadora da programación neste departamento que dirixe a edila Rosa Blanco.
Mércores 27 de agosto
- Mural XXL sobre Manuel Rivas. A cargo do artista Primo Rodríguez.
- Mural colaborativo sobre Castelao. Dirixe a proposta a artista Rakele Cavallo.
Xoves 28 de agosto
- Mural colaborativo sobre Evaristo Marcelo. A cargo de DocToy.
Venres 29 de agosto
- Concerto: Tiam Gz +Turntablism (21.00)
Sábado 30 de agosto
- Urban Fest. De 12.00 a 20.00, xornada urbana con talleres de Tattoo, Skate, Rap, Breakdance, Bag Paint e Parkour.
Mércores 3 de setembro
- Mural XXL realizado por Doc Toy. No campo da feira da Piroga (Bamiro).
Xoves 4 de setembro
- Paco Nogueiras (20.00). Esta cita, como excepción, será na Praza do Concello.
Venres 5 de setembro
- 17.00. Comezo da Feira de Librarías.
- 17.00. Taller literario: Eduard Velasco
- 17.00. Encontro literario sobre fortalezas e resistencia. Con Manuel Rial e Manuel Gago. Modera Alba Mancebo.
- 18.00. Presentación de «As voces da terra», de Patricia Blanco. Modera Xosé Ameixeiras. Actúa Tanea Caamaño.
- 18.30. Oralidade. Vero Rilo: «Elas»
- 18.45. Presentación de «Somos Hip Hop», do colectivo Vella Escola.
- 19.30. Presentación Alberto Mancebo.
- 20.30. Oralidade. Avelino González: «Galego para abrir mundos».
Sábado 6 de setembro
- 12.00. Visita guiada ao castelo a cargo de Os Quinquilláns.
- 17.00. Apertura Feira de Librarías.
- 17.00. Presentación de «Ángeles acusadores», de Diego Garrote.
- 17.45. Presentación de «Xoán Branco e a gran revolta irmandiña», de Fran Zabaleta, e «1809: Galicia en armas», de Eduard Rolland.
- 18.30. Mago Teto: «As nosas letras».
- 19.30. Encontro literario con Ledicia Costa e Pedro Feijoo. Modera Patricia Blanco.
- 20.30. Presentación de «El rebaño», de Pablo Rivero. Modera Patricia Blanco.
- 20.30. Club lectura sobre «A señorita Bubble», de Ledicia Costas. A cargo de Sisel.

Domingo 7 de setembro
- 12.00. Representación de «Viaxe no tempo», a historia dramatizada do castelo. No patio de armas da fortaleza.
- 17.00. Inicio feira de librarías.
- 17.00. Presentación e sinatura de libros de Rebeca Stones.
- 17.00. Ghazafellos e «Travesía unicornio». Firmará exemplares María Canosa.
- 17.30. Presentación de «Miñán», de Amets Arzaullus e Ibrahima Balde. Modera P. Blanco.
- 18.30. Presentación de «Alicia no labirinto das sombras», de Guadalupe Vázquez.
- 19.30. Manuel Rivas: «Escribir na Costa da Morte». Modera Patricia Blanco. Clausura do programa e remate do Mural XXL a el dedicado, con colocación dunha placa. Tamén para pechar, club de lectura adulto arredor de «Tras do ceo», de Rivas.
Xoves 11 de setembro
- 11.00. «Castelao», de Culturactiva.
INSCRICIÓNS
- As persoas que desexen participar nos murais colaborativos e nas actividades de cultura urbana deberán inscribirse previamente a través de formulario web.
- Tamén debe inscribirse quen desexe participar nos clubes de lectura, xa sexa o infantil ou adulto, igualmente mediante formulario web. O infantil abordará a obra «A señorita Bubble», de Ledicia Costas, e o de adultos «Tras do ceo», publicación recente de Manuel Rivas.