Concello e Xeal colaboran nun programa pioneiro contra o illamento social, «Conectando corazóns». Así falan as partes impulsoras do proxecto
28 sep 2025 . Actualizado a las 13:54 h.Ás portas do 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, o Concello de Vimianzo, coa financiación de Xeal, vén de poñer en marcha un programa de loita contra a soedade non desexada e o illamento social: «Conectando corazóns», do que se deron a coñecer todos os detalles hai só uns días. Un plan impulsado dende Servizos Socias e apoiado de cheo na solidariedade veciñal.
«É máis ca un programa, é unha rede de apoio e cariño»
A experiencia previa cun programa piloto da man da Deputación permitiu que o Concello de Vimianzo xestase no 2022 non só un protocolo de intervención en casos de soedade non desexada, senón toda unha rede veciñal de «antenas» ou «radares» pendentes do que ocorre ao redor, de quen poida precisar axuda. O plan provincial —que agradecen polo que implicou— tocou á súa fin, mais non quixeron deixar perder o feito, e o reto estaba en conseguir financiación. Acadada de Xeal, así xurdiu Conectando corazóns, algo que ten moi «emocionada» á alcaldesa, Mónica Rodríguez:
—Semella que xa era algo persoal.
—O dos maiores, e falo co corazón, é algo que levo en vea, crieime cunha avoa e é algo que sempre me inculcaron na casa, a preocupación polos maiores. Por iso o «si» de Xeal, logo da boa acollida por parte de María Couto (directora corporativa), nos trouxo tanta alegría. Tiñamos que buscar a fórmula, detrás deste programa hai moitísimo traballo técnico. É máis ca un programa, é unha rede de apoio, cariño e compañía, pero nada sería posible sen esa financiación, sen a implicación, vocación, horas de traballo e formación dos traballadores municipais, neste caso de Servizos Sociais, e dende logo sen esas antenas, veciños que contribúen desinteresadamente e que nos fan posible chegar ás 14 parroquias. Fala moi ben da sociedade vimiancesa. Non podo sentirme máis afortunada dese esforzo e ADN solidario. De ser, penso, un Concello pioneiro con este plan.
—Un programa que nace con vocación de continuar.
—É que isto ten que vir para quedar, porque ao final é tratar de que a nosa xente maior se sinta mellor, de ser un concello onde poder estar acompañado con dignidade e agarimo nunha etapa que é tan vulnerable.
—Servizos Sociais é clave na xestión.
—É un departamento que require de moitos medios humanos, e así se foron incrementando, con postos que vimos clave, como o de psicólogo municipal, por exemplo. Pero tamén traballadoras sociais, educadoras... Estamos falando de cuestións que, xa non é que sexan humanas, é que moitas veces son incluso cuestións de emerxencia. Dedican horas e horas, coñecen o territorio, a xente... Conectando corazóns é un puzle, e todas as súas pezas esenciais.
«Namorounos a ilusión que teñen no proxecto, víveno»
Pola súa colaboración con Apem, Afafes, Aspadex, en breve Paseniño, Cáritas, Fundación Fernando Blanco, institutos locais ou as tres Universidades, entre outras entidades, é de sobra coñecido o importante apartado de Responsabilidade Social Corporativa de Xeal. Tamén a financiación desta compañía é a que permite, nun convenio co Concello vimiancés, levar a cabo o programa Conectando corazóns. Fala María Couto, directora corporativa:
—Que os levou a apoialo?
—Por un lado, vimos que na nosa acción social, se ben si estaban presentes colectivos en risco de exclusión a través de ONG e entidades sen ánimo de lucro, así como apoio á formación das novas xeracións con iniciativas no ámbito educativo, non tiñamos nada focalizado en maiores. Por outro lado, o que nos namorou do proxecto foi a implicación de Servizos Sociais, as ilusións, as ganas: víveno. Ver como unha axuda como a nosa podía traducirse en algo tanxible e con impacto positivo nun colectivo que merece toda a atención. A necesidade é real e a soedade non desexada, moi dura. Todo iso foi o que nos fixo apostar polo proxecto, que ademais de bonito vexo pioneiro, e espero que sexa xerme de proxectos similares. Poder contribuír a que un maior se sinta menos só, teña máis interacción social ou incluso ocio, que a veces esquecemos o importante que é, tamén para eles.
—O programa é anual. É axiña para dicilo, pero... seguirá?
—O ánimo de Xeal, vese na súa acción social, é a continuidade nos plans. A vocación é de longo prazo. Entendemos que as necesidades non son puntuais. As necesidades poden cambiar, pero que desaparezan é difícil.
—A acción social desta compañía vén de moito atrás, antes de ter nome propio.
—Totalmente. Antes había compañías que o facían sen máis, e logo déuselle un nome, RSC. Hoxe a maior parte das compañías entendemos que temos que devolver ao territorio no que nos asentamos parte do que nos dá, intentar contribuír a el. Somos un veciño máis, parte do seu tecido social, non só económico. Incido nesa idea de que ninguén consegue nada só: eu hoxe podo ser a cara visible, pero cada logro de Xeal é algo feito por un equipo, todos e cada un dos que conformamos a empresa. Se todos poñemos un gran de area, seremos unha mellor sociedade.
«Percibimos un incremento importante da soidade»
Foii en febreiro do 1995 cando Sandra Abeijón, natural de Esteiro, «ben famoso polas súas carrilanas», chegou a Vimianzo. Tiña 22 anos e acababa de rematar a carreira. Como traballadora social, comezaba a exercer «nun dos concellos de maior extensión da provincia». Nunca máis marchou: «Vivo na Coruña por circunstancias dende hai 25 anos, fago 150 quilómetros para vir traballar, pero compénsame». Sandra é hoxe a coordinadora da área de Servizos Sociais. Pasaron polo medio trinta anos «e pico», mais non os cifra como unha conta atrás, todo o contrario. «Érgome ás 5.50 e fágoo coa mesma ilusión ca no 95, e iso quere dicir algo». Acredítao a emoción coa que fala deste novo proxecto, Conectando corazóns.
—Trinta anos. Moito cambio?
—Cando eu cheguei, Servizos Sociais era a traballadora social, nun despacho cun ordenador e unha máquina de escribir. Hoxe somos sete profesionais: dúas traballadoras sociais, un psicólogo municipal [Sergio Trillo, coordinador do programa], unha educadora familiar, un educador social e dous auxiliares administrativos. Iso, tendo en conta que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) está externalizado, se non teriamos tamén todo ese persoal, 35-40 persoas. Cambiou o modelo de familia, pero o groso das nosas intervencións, como antes, seguen a ser os maiores. Percibimos, iso si, un incremento importante da soidade. Fillos e netos tiveron que buscar a vida fóra de Vimianzo, e temos casas nas que non hai un apoio familiar directo, ou que o hai, pero só nas fins de semanas e con visitas esporádicas.
—Custa pedir axuda.
—Segue a haber reticencia polo que dirán. Que dirán se me traen a comida? Se me lavan a roupa? Hai xente que se sente soa, pero encúbreo, dálles como certa vergonza. Aínda así, afortunadamente, cambiou esa idea de que acudir a Servizos Sociais signifique ser unha persoa abandonada polos seus. Para mostra, a vivenda comunitaria, hoxe con lista de agarda, pero que no momento de abrir case houbo que suplicar á xente que se animase. Doce persoas en réxime de pensión completa con atención 24 horas, unha casa, unha gran familia.
—Cal é a reacción familiar cando se trata de ofrecer axuda?
—En xeral, moi boa. Cando vemos unha necesidade de axuda contactamos, e son os menos dos casos os que non reaccionan ben. Uns, porque din que os seus maiores non o precisan, e outros porque case o esixen, considerando que temos a obriga de prestar esa atención. E isto lévame a incidir en algo que digo sempre: traballar en Servizos Sociais en Vimianzo é un privilexio. Non temos lista de agarda en axuda a domicilio, por exemplo. Sabes o gusto que dá que alguén veña pedir un recurso e poida ofrecer SAF, comedor sobre rodas, lavandería sobre rodas, teleasistencia... É unha satisfacción, si, pero segue habendo un descoñecemento enorme do custe tan elevado que implica poder ofrecer estes servizos públicos.
—Que supón agora este plan?
—Algo ilusionante, bonito, dará moito que falar. É motivo de satisfacción e de estar alerta, pero sobre todo iso, ilusionante. Traballar con ilusión, na miña opinión, é o regalo máis grande que che pode dar a vida. E conseguir agora isto nun concello rural, onde parece sempre que quedamos para o final, onde hai dispersión da poboación...
—Servizos sociais é duro?
—É unha área moi agradecida, pero claro que hai situacións duras. E recoñézoo: os maiores son a miña debilidade. Só un xesto, unha visita... é tan satisfactorio! Igual ca é frustrante non atopar unha solución. Isto lévalo na cabeza: non pechas a porta o venres e adeus.
—Inciden na vocación e entrega de todo o equipo. O papel de coordinadora terá que ver.
—En min a vocación é innata, e ao selo penso que intento transmitírllelo. Non chego e pecho a porta do despacho. Trato de contaxiar a ansia, animalos se decaen. Somos un equipo. Que fortuna!