«En 'Neura' xuntamos humor e saúde mental, é unha peza terapéutica»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

De Ste Xeito Producións chega hoxe á Casa da Cultura de Vimianzo: 20.30 horas. Fala Stephy Llaryora

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos dos plans desta fin de semana pasan polo teatro. Tamén en Vimianzo, onde hoxe, ás 20.30 na Casa da Cultura, poderá verse Neura, con De Ste Xeito Producións: entradas en woutick.es ou dende unha hora antes. Sobre o escenario, Sergio Macías e Stephy Llaryora. Fala ela dunha peza que nesta «finde» levarán a Carral, Soneira e Gondomar:

—Comedia neurótico-festiva. De entrada sábese que un vai rir.

—Iso pretendemos, cunha comedia que convida a rirse de nós mesmos e das nosas neuras, algo que ten bastante poder terapéutico e curativo. Xuntamos a noción do humor e a saúde mental.

—Estamos no seu día, día 10.

—De aí a finde tan poboada de funcións. A nosa perspectiva é normalizar, celebrar a diferenza. Está moi estigmatizada a neurose, a saúde mental, pero nós cremos nela como parte da identidade.

—En «Neura» temos as manías dunha parella de ex.

—El ten TOC e ela ciclotimia, dúas neuroses moi contrapostas que se retroalimentan. Isto ocorreu no pasado, pero por avatares da vida, reencóntranse e vense obrigados a poñer de novo a proba a compatibilidade das súas neuras, non xa como parella, senón como persoas. Repasan capítulos, desfila polo escenario un carrusel de terapias e pseudoterapias, tamén perfís de neuras, personaxes que encarnamos só estes dous actores. Ao final digamos que se xera unha nova relación.

—Na forma, humor; no fondo, reflexión. É este o xeito de facer de De Ste Xeito Producións?

—De Ste Xeito é o xeito de Stephy, que son eu, e do meu socio, Steve, de aí o «De Ste» como xogo de palabras. Buscamos temas social, psicolóxica e emocionalmente atractivos, profundos, actuais, importantes para a sociedade, pero sempre dándolle unha volta dende o humor. A comedia como elemento de análise, que favorece a visión crítica e o divertimento. Creación colectiva. En definitiva, procuramos temas que nos movan e toquen.

—Como se capta a mensaxe nun asunto que é tan sensible?

—Falaría dunha dobre recepción. Por un lado, hai como unha identificación, escóitoo ao rematar a peza. Por outro, hai un exercicio de espello, da nosa propia neura ou de alguén que se coñece. A peza, por outra banda, convida a normalizar o tema da terapia, que forme máis parte da nosa vida, se fai falta, pero con especialistas formados. Por aí vén tamén algo da crítica que ten a peza.

—Estrearon en abril do 2024 e seguen xirando con «Neura». Isto quere dicir algo.

—E hai prospección para un ano máis. Penso que a temática é un acerto, e logo está esa recepción da xente, sabendo que é un teatro para profundar, pero tambén para rir. Imos pensar, porque para iso está o teatro, para saír un pouco cambiados da butaca, pero tamén imos rir, saír con ese sabor de boca de que ben o pasei.

—Sendo o tema que é, que asesoramento hai do profesional?

—Tivemos supervisión profesional dunha psicóloga. A parte creativa do proxecto, tiñámolo claro, ten que ser moi fidedigna coa realidade médica. Para non falar de cousas dende unha perspectiva que non sexa a correcta.

—A que público convida a esta cita terapéutica en Vimianzo?

—Quizais Neura sexa máis interesante a partir de 16 anos. Poden vir adolescentes e, logo, toda a cidadanía de Vimianzo e máis alá!