Javier Castiñeira: «Aitor e Sergio amosáronnos co seu xesto que sempre se pode facer algo»
VIMIANZO
En Vimianzo preestréase esta noite a obra «Brazaletes», de Amorodio Teatro: fútbol, vida e historia de España
17 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Dende este pasado luns está de residencia na Casa da Cultura de Vimianzo a compañía Amorodio Teatro, e o resultado destas últimas pinceladas poderá verse hoxe, ás 21.30, coa preestrea da función Brazaletes. Un monólogo que é homenaxe a aqueles que se atreveron a saír do guión, e que subirá ao escenario a un veciño de Monte Alto e Muxía, Javier Castiñeira:
—Como vai por Vimianzo?
—Moi ben, moi contentos e ben acollidos no auditorio. É un luxo traballar con estes medios, agradecidos co Concello e Nieves Lema, técnica.
—Vimianzo non é Muxía, pero é Costa da Morte, é a súa casa.
—Home! Non é o mesmo estar aquí ca noutro lado: estou indo durmir á casa de miña avoa! E comendo na casa!
—«Brazaletes» recupera un xesto simbólico, pero moi significativo, que ocorreu en setembro do 1975, en El Sardinero, en Santander. Conte.
—É unha historia única no fútbol, aínda que algún outro futbolista se significase [tamén a obra pasa por eles]. Nos 40 anos de franquismo, e no fútbol en xeral, hai poucos xestos no campo así. Aquel 28 de setembro do 1975, Aitor Agirre, vasco, e Sergio Manzanera, valenciano, xogadores do Rácing de Santander, nun partido contra o Elche, saltan ao campo con dous brazaletes negros, en sinal de loito. O día anterior, o goberno franquista decidira fusilar a cinco rapaces duns 25 anos pola súa pertenza a partidos e organizacións antifranquistas. Os últimos cinco fusilamentos que ditou un Tribunal Militar en España. Saíu hai nada unha enquisa que recollía que case o 20 % dos mozos consideran que a ditadura foi boa ou moi boa... Teremos agora pola provincia oito actuacións por institutos e esperamos que entendan a crueldade de toda esa época.
—O xesto de Aitor e de Sergio, que acudirá a Vimianzo, é a proba de que un xesto pequeno pode acabar sendo memoria colectiva.
—Agradecémoslle a Sergio que veña, xa o contacto con el foi sinxelo. Esta obra nace do meu traballo final de estudos, pasámosllo, case integramente en galego, e sen problema. Un futbolista diferente. Enfrontáronse el e Aitor a unha multa de 100.000 pesetas que nunca lles devolveron, ademais de a ameazas de grupos de extrema dereita, que chegaron a sentencialos a morte. Era a España do 1975. O fútbol está nesta obra, hai moitas camisetas e un balón, pero a obra vai de fútbol e vai da vida. O seu xesto foi único e en 70 minutos tratamos de que se empatice con familias como as de Xosé Humberto Baena, un dos fusilados. Acaba de ser recoñecido como asasinado do franquismo e non como asasino.
—É teatro documento. Teatro de memoria.
—Teatro documental, histórico se se quere, con moitas personaxes neses 70 minutos. O vestiario de Carme Facorro, compañeira da compañía e produtora, axuda moitísimo a meterse nas épocas.
—É unha obra cunha dualidade. Cuestiona machismo, corrupción e violencia no fútbol. E preséntao, tamén, como posible espazo de resistencia e disidencia. Ao final semella que o que importan son as persoas, e a súa dignidade.
—Non se podería explicar mellor. O xesto de Aitor e Sergio amósanos que sempre se pode facer algo, tamén no fútbol, que ten, é verdade, todo iso que se di, machismo, egoísmo... Todo o que se fai, serve, aínda que sexa para que anos despois lles contemos aos rapaces que isto sucedeu.
—Por que esta obra agora?
—Para esta obra, foi Carme Facorro a que me animou a acabar co proxecto, penso que xa tendo a compañía [creada no 2021]. Cúmprense os 50 anos. En Amorodio temos esta liña de recuperar historias que conten algo a día de hoxe para intentar concienciar sobre o que está pasando. En A Nai era un non á guerra, nese momento Ucrania. Con Cortello era o problema da vivenda e neste caso de Brazaletes, o auxe dos extremismos. Esquecemos que aquí, durante 40 anos, matábase por pensar diferente.
TAMÉN HOXE EN VIMIANZO...
Primera noite de Muiñada. Venres intenso en Vimianzo, pois esta noite non só se estrea Brazaletes no auditorio da Casa da Cultura, senón que tamén botará a andar a décima edición da Muiñada, antropofesta organizada por Cherinkas. Son dous días este ano, e neste véspera, con entrada de balde no Muíño da Agra —Palco do Tarabelo—, os concertos virán da man de Paracetafolk e Benofán Charanga, a partir das 22.00 horas. Logo, foliada.