Heredeiros da Crus: «É o mellor momento para vir vernos»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

ZAS

GENTES DEL FINIS TERRAE | A banda de rock, historia musical de Galicia, está de xira polos 30 anos e este venres chega á Carballeira de Zas. Veñen, como di o baixista Fran Velo, sabedores de que a xente da Costa da Morte lles responderá 'a fuegho'. Aquí fala do que traen e do que esperan

11 ago 2022 . Actualizado a las 21:21 h.

Semella que será un choque de trens. A Carballeira de Zas e, nela, os Heredeiros da Crus (este venres 12 de agosto, 00.00 horas, con venda física de entradas para a noite de concertos dende as 19.00, a maiores das anticipadas en liña). Veñen con ganas, na xira dos 30 anos, a unha Carballeira de Velar na que lle din que hai fadas: «Non temos nada en contra de ningunha profesión», responde con sorna o baixista do grupo, Fran Velo (Boiro, 1973). Corasón de carballo soará forte. Non paran quedos e quizais para o inverno haxa novo disco. O último, en plataformas dixitais, foi Angústico, versión acústica de temas de sempre adaptados aos concertos modelo pandemia: xente sentada, distancia, máscara...

—Veñen de tocar en Catoira. Como lles quedou o corpo?

—Moi ben, foi revitalizante. A Romería Vikinga foi deseñada para nós, ten ese rollo ancestral, salvaxe, guerreiro. Era para tocar no 2020 e pola pandemia non puido ser, pero agora si. Hai ganas, a xente pásao como nunca e vén moitísima aos concertos, a pesar da enorme oferta cultural. Tanto que, para as últimas datas que entraron no cartel da xira, ata custaba encontrar equipos de son. Todos están a tope.

Fran Velo, baixista de Heredeiros
Fran Velo, baixista de Heredeiros CARMELA QUEIJEIRO

—Ven o cambio da pandemia?

—Dicían que sairiamos mellores. Eu creo que seguimos sendo os mesmos de sempre, pero si se valoran máis estas cousas, a liberdade, o ir a una festa, aproveitar un momento bo. Porque en calquera momento volve un revés.

—Este venres debutarán na Festa da Carballeira. O festival leva 37 anos, Heredeiros da Crus 30...

—Tonhito sei que a coñece, que ten ido, e eu escoitei falar, pero non fun nunca. Así que imos con expectativas, con ganas, a sona da Festa da Carballeira chega a todos os lados.

—Veñen con tempo, quedarán?

—A ver se nos van vir os fans ao hotel... [ri]. Imos, si, porque ao ser un lugar tan especial queremos probar son e demais. Faremos noite, ao día seguinte tocamos en Lalín.

—A Cee, Corcubión, Vimianzo, Malpica... xa teñen vido.

—Si, si, coñecemos ao público da Costa da Morte, sabemos que é xente brava, que non defraudará, que estará a tope. Sabemos que a xente da zona vai a fuegho.

—Traen algo especial para aquí?

—Somos moito de improvisar, de xogar ás sorpresas, polo que se o levásemos tampouco o iamos contar... Gústanos que nos nosos concertos pasen cousas inesperadas, algunhas de feito non as esperamos nin nós... Iso éche así.

—Estaban a tope co disco «Derretidos» e chegou o covid. Agora andan coa xira dos 30 anos e levan un verán intensísimo. Agardaban que a resposta fose tan boa?

—Despois do mazazo que levamos non sabiamos como ía ser. As que temos este verán andan aí aí coas datas que tiñamos no 2020, algúns sitios cambiaron, outros non. Quedamos con medo do que ía pasar, pensando como ía estar a xente, se poderiamos volver... E si, igual ou mellor.

—Que hai detrás do fenómeno Heredeiros? Trinta anos tirando.

—A clave do éxito ninguén a sabe, hai tantos factores que inflúen... O talento, a sorte. Todo o mundo quere chegar ao público e hai xente boísima que non o consegue. Se teño que dicir algo, sería iso, estar no momento adecuado e traballar. Bueno, veña, dúas claves: o buenos que estamos, o bo físico para a idade que temos [ri]; e algo máis importante aínda: a enerxía que damos en directo, a caña, iso é fundamental nos Heredeiros. Dámos bo rollo, enfocámonos ao divertimento, temos electricidade, imán. E cando ti desprendes enerxía, atraes outros corpos, outras enerxías.

—É que aos Heredeiros vai velos xente á que nin lle gusta o rock! Fans de sempre, outros novos...

—Iso é o alucinante. Eu coñezo fans de Heredeiros e da Panorama! Nos concertos hai cantidade de xente dos 17 aos 20 anos, que nin pillou o Xabarín. Xente que comparte nas súas historias de Instagram os nosos concertos, e logo comparte outras con música de C. Tangana ou Rosalía. Creo que parte disto é por poñer as letras por riba da música, porque falamos en galego, contamos historias de aquí, e iso fai que a xente se identifique. Igual non lle gusta o rock, pero iso que nós lle contamos é seu, da súa avoa.

—Hoxe en día dánlle máis voltas ás letras que anos atrás?

—Si, pensámolo máis, e igual poñemos a venda antes que a ferida. De feito, no disco anterior a Derretidos a xente acusounos de ser demasiado brandos. En Derretidos recuperámonos. Estamos de acordo con que moitas cousas se facían mal, pero a veces tamén nos pasamos de voltas analizando todo... Cando falamos de humor, de retranca... Temos que buscar o equilibrio, aínda que si, hai cousas que xa non dicimos e cancións que xa non tocamos. Pero curiosamente tivemos máis problemas coas letras nos anos noventa ca hoxe. Non sei se nos deixaron por imposible ou é que ao lado do reguetón as letras de Heredeiros son case chiste [ri].

—Que lles piden nos concertos destes 30 anos sobre o escenario?

—Tratamos de facer un repaso polos nosos mellores hits, pero hai temas que faltan, claro. É o problema de ter tantos éxitos! O que si digo é que estamos e soamos mellor ca nunca, no noso mellor momento, non o dicimos nós, dínolo a xente. Estamos a tope de ganas de vivir, ben fisicamente... Non sabemos o que durará, pero é o mellor momento da nosa carreira, o mellor momento para vir vernos.

O programa da Festa da Carballeira de Zas deste 2022

Venres 12 de agosto, noite 100 % galega

    • 22.30. A Banda da Loba
    • 00.00. Heredeiros da Crus
    • 01.30. Mileth

Sábado 13 de agosto

    • 12.00. Feira de Artesanía
    • Sesión vermú con Lodeiros
    • Exhibición de talla M. Mariño
    • 13.00. Mexilloada popular
    • 13.15. Paco Nogueiras
    • 14.20. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre
    • 16.30. Os Farrapos de Cesullas
    • 17.30. Foliada con Asociación Churía e Os Petadores (Zas); Os Pepes, de Xiradel a(Arteixo); Fouliada de Amas de Casa de Mazaricos; Os Farrapos de Cesullas, Algarada de Xiradel (Arteixo); e Trubisquiña (Vimianzo).
    • 20.00. Concerto de Arredores
    • 22.00. Concerto de Deira
    • 22.30. Concerto de Xisco Feijóo
    • 01.00. Concerto de Rura
    • 02.30. Concerto de Sondarúa