Ciencia, humor e mesmo un «cachelo quente» no arranque do Pint of Science en Carballo
CIENCIA

Nerea López e Xanel Vecino abriron unha nova xeira de conversas divulgativas. Hoxe, máis ciencia no Oito Bar (19.30)
20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Carballo foi onte unha desas 74 vilas españolas —e outras moitas do resto do mundo— nas que de xeito simultáneo, e nun ambiente distendido como é un bar, se fixo divulgación científica. Foron Xanel Vecino e Nerea López as encargadas de inaugurar na cafetaría do Pazo da Cultura esta nova xeira de conversas científicas do Pint of Science, festival ao que o Concello carballés se sumou por segundo ano consecutivo co patrocinio da Fundación Luís Calvo Sanz e o apoio de Bodegas Carballo e La Voz de Galicia.
O concelleiro Iván Andrade —que integra o comité organizador xunto con Verónica Bolón, Daniel Barreiro, Jorge Cebey e Cristina Abelleira— foi o encargado de presentar ás dúas protagonistas da xornada. Nerea López, arquitecta de Oza, serviu o primeiro prato deste menú científico falando do seu traballo de fin de grao, no cal estudou como repercute a arquitectura dun hospital nun paciente oncolóxico.
Falou aos asistentes do proxecto que desenvolve a Fundación Centros Maggie, e de como a arquitectura pode ser terapéutica e mesmo axudar a sanar. Para ilo, comparou fotografías de distintos espazos do Chuac e do centro Kálida, unhas instalacións adheridas ao hospital barcelonés de San Pau e pensadas para acompañar e facilitar o proceso aos pacientes con cancro.
Fronte a unha entrada de cemento e rodeada de coches, outra pensada para os peóns e con presenza da natureza; fronte a edificios inmensos que dificultan a orientación, espazos máis limitados que teñen todo á vista; fronte a iluminación artificial e fiestras que non amosan nada, cuartos bañados pola luz natural e con vistas que axudan a distraerse; fronte a corredores sen personalidade ou intimidade, salas de agarda máis humanizadas e cálidas. E así un largo etcétera de elementos que, de aplicarse ás infraestruturas hospitalarias, mellorarían a experiencia dos usuarios. «Podería parecer utópico», apuntou Nerea durante a súa exposición, «pero é posible».
De feito, xa hai en torno a unha trintena de centros Maggie esparexidos por varios países, e noutros lugares téñense implementado medidas de arquitectura cordial como a construción dun ximnasio de pediatría oncolóxica, en Madrid, ou o deseño dunha biblioteca rodante para nenos ingresados nunha UCI en Tenerife.
Xanel Vecino, investigadora do campo da Química e unha habitual nas citas científicas de Carballo, tomou o relevo de Nerea cunha conversa moi interactiva na que non faltaron os experimentos e demostracións. Primeiramente, ensinou aos presentes a ler a listaxe de ingredientes dun produto da rama da cosmética —como deterxentes, champús ou cremas—, listaxes que adoitan ser longas, cunha letra minúscula e coa maioría dos nomes en inglés. Non é algo casual, apuntou Xanel, senón unha maneira de dificultar o acceso do consumidor ao coñecemento.
Un ingrediente no que se detivo especialmente foron os surfactantes, moléculas que se utilizan para conseguir que os ingredientes se mesturen entre si e para obter determinadas propiedades. Están presentes na inmensa maioría dos produtos e aínda que por si mesmos non son nocivos, dixo, nalgúns casos poden causar efectos adversos como irritación na pel ou picor.
De aí que haxa equipos de investigación, como o seu, que estean traballando no deseño de biosurfactantes máis sostibles e respectuosos co organismo. No seu caso fano, ademais, en colaboración cunha multinacional portuguesa que se dedica a procesar o millo para a venda de almidón. Nese proceso de fraccionamento, xéranse unha especie de xaropes que apenas teñen valor económico no mercado, pero que o seu equipo aproveita para obter de maneira natural eses biosurfactantes que xa están patentados e que o equipo de Xanel pretende trasladar á grande industria.
«O ideal sería ir ao Gadis da esquina e atopar produtos que tivesen eses ingredientes máis sostibles», explicou, se ben confesou que as negociacións coas empresas do sector non están a ser fáciles. Neste sentido, alentou aos consumidores a preocuparse máis polos compoñentes dos produtos que mercan para que, deste xeito, a industria se vexa obrigada a reaccionar e cambiar de modelo.
Un «cachelo quente»
Entre unha e outra conferencia, celebrouse na cafetaría do Pazo un divertido xogo ao máis puro estilo Grand Prix: un cachelo quente no que, por parellas, os concursantes tiveron que ir respondendo a preguntas como o número de planetas do Sistema Solar, cantas patas ten un insecto común ou mesmo as prazas de aparcamento gratuíto en solares que hai en Carballo. Tamén houbo sorteos ao finalizar a xornada.
Hoxe, segunda quenda no Oito Bar, con Manuel Rey e Lara Pallas, dende as sete e media da tarde.