Francisco Jorquera: «Hai unha estrutura de goberno con concelleiros de primeira e de segunda»

David García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

Reclama un impulso á acción municipal tras un comezo ao ralentí

15 sep 2023 . Actualizado a las 11:11 h.

O voceiro do BNG agarda que o equipo de goberno dea un impulso á acción municipal despois do inicio do mandato e coa mirada posta en negociar o orzamento e pide ao PSOE que faga valerse para defender Nostián.

—Como viu estes case 100 días de mandato?

—Houbo certo funcionamento ó ralentí. A posta en marcha dunha nova corporación é un proceso lento porque así o determina a propia lexislación cos prazos que hai para os distintos trámites. E todo isto produciuse no período do verán e cunhas eleccións xerais anticipadas. Houbo un exceso de falta de impulso nestes primeiros meses, agora que se inicia o curso político agardamos que se recupere polo ben da cidade.

—Como ve o cambio de estrutura no goberno local?

—A alcaldesa ten todas as facultades para conformar o goberno segundo o seu goberno, pero xa no pasado mandato había queixas e malestar por un funcionamento excesivamente lento en parte porque as decisións máis importantes recaían en moi poucas persoas. A alcaldesa o que fixo é elevar a norma o que xa era práctica creando tres macroáreas e facendo depender ó resto delas. Na práctica creou unha estrutura de goberno con concelleiros de primeira ou de segunda. O noso temor é que esa gran concentración de atribucións en moi poucas persoas provoque lentitude e falta de eficacia que xa se empezou a constatar no anterior mandato.

—Como foi a comunicación nestes meses?

—Está sendo fluída, na corporación municipal, alén das diferenzas políticas, hai unha relación fluída, de respecto e de diálogo entre todos e iso é bo para que o diálogo de os seus froitos. O PSOE optou por gobernar unilateralmente, descartou calquera outra posibilidade, entre outras cousas por facer unha lectura equivocada dos resultados das eleccións municipais. A alcaldesa dicía neste medio nunha entrevista que os coruñeses por primeira vez nos últimos anos optaron pola reelección de quen estaba gobernando, pero o PSOE non foi a forza máis votada e das forzas que obtivemos representación foi a única que baixou en votos, pero que asuman eles esa responsabilidade. O BNG en política no se rexe por vendetas e si por tentar ser útiles ós cidadáns.

«O BNG en política non se rexe por vendetas e si por tentar ser útiles aos cidadáns»

—Un dos primeiros acordos debería ser o orzamento. Como se presenta o inicio das negociacións?

—Coa mellor das disposicións porque cremos que non foi bo o que pasou no pasado mandato no que solo houbo orzamento en dous exercicios, non é bo o que está pasando este ano froito da decisión do goberno de Inés Rey de descartar negociar uns novos. No pouco tempo que levamos de mandato xa houbo que abordar dúas modificacións dos orzamentos vixentes máis unha do IMCE e non é bo, a cidade necesita novos orzamentos e o BNG ten plena disposición a facelo posible. Trasladaremos as nosas propostas e seremos esixentes, pero co ánimo de contribuír a que haxa orzamentos novos en tempo e forma.

—Cales son esas propostas que trasladarán?

—Non as vou enunciar en público porque sería un mal inicio que os interlocutores xa fixésemos público antes de sentarse falar as nosas premisas de partida, iso dificulta calquera negociación. Para que frutifique primeiro hai que ser discretos, leais coa outra parte, iso non significa non ser transparentes e daremos conta das nosas propostas e da marcha das negociacións. Hai que administralo con discreción se se quere facer unha política seria. En todo caso me remito a cuestións incluídas no programa electoral, como un investimento forte nos barrios para atender as súas necesidades e reverter o proceso de degradación que sofren algúns barrios, hai que fortalecer os servizos sociais e A Coruña ten un problema serio en materia de vivenda e require dun esforzo en todo o que sexa de dependencia municipal para facilitar o acceso á vivenda. O acordo de investidura que subscribiron o PSdeG e o BNG hai compromisos para poñer en marcha no primeiro ano do mandato, na primeira metade e para todo o mandato. Moitos deses teñen que ter plasmación nos orzamentos, vai ser unha guía para a negociación dos orzamentos.

«Moitos dos compromisos do acordo de investidura teñen que estar nos orzamentos»

—E algún asunto excluinte? O cárcere por exemplo?

—No acordo de investidura figura o compromiso de volver a iniciar negociacións co Goberno central para conseguir a cesión ó Concello do cárcere en termos que non sexan gravosos. Non tería sentido que houbese unha consignación que non se corresponda con ese compromiso.

—A alcaldesa di que son o seu socio preferente, pero que tende a man ao PP, que lle parece?

—O BNG non é partidario de practicar cordóns sanitarios. O grupo municipal do PP ten unha representación relevante porque así o decidiron os coruñeses e nos parece lóxico ter interlocución para que poidan aportar as súas propostas. Non só nos parece lóxico, senón que o BNG tamén aspira a ter unha interlocución normalizada co Partido Popular. En todo caso, parece lóxico que se hai un acordo de investidura entre dúas forzas e que a acción municipal teña unha orientación progresista, que a negociación preferente sexa entre os grupos que subscribiron ese acordo.

—É cedo para avaliar o pacto de investidura?

—Creo que si. En política é moi importante saber medir os tempos, é evidente que o PSOE e o BNG somos forzas políticas que pensamos distinto, fomos moi críticos cando a acción política do goberno municipal e nos primeiros meses de mandato estamos observando unha liña continuísta que nos fai manter esa posición crítica, pero o lóxico é dar un tempo para verificar a materialización do acordo. O PSOE ten tres opcións. Ser fiel ó acordo de investidura, co que o BNG terá unha actitude cooperativa, incumprir o acordo, co que terá que escoller se se apoia no Partido Popular coas consecuencias que iso vai ter nas políticas, ou se quere gobernar sen ter a maioría asegurada no pleno coa maioría que iso vai producir.

«Pedimos ao goberno local que non faga unha defensa de Nostián meramente burocrática, que sexa tamén política»

—Falando de Nostián, o Concello di que non hai volta atrás e que haberá quinto contedor.

—Son dúas cuestións interconectadas, pero diferentes. Hai que licitar canto antes o novo contrato da xestión de residuos urbanos, non é de recibo que o contrato leve caducado case catro anos e o servizo se preste en precario. Hai que acometer un investimento importante para asegurar que sexa unha auténtica planta de reciclaxe, pero tamén é recomendable manter o modelo de recollida de lixo de húmido-seco. Renunciar a ese modelo? Vai significar un custo importante para A Coruña e para os concellos da comarca, unha molestia para os cidadáns, vai ser unha molestia engadida á hora de seleccionar o lixo sen que haxa razóns económicas e medioambientais que o xustifiquen, Nostián recicla bastantes máis envases que Sogama, onde non rexe o modelo húmido-seco. No anterior mandato se adxudicou o contrato de contenerización e habería que revisalo para introducir un novo contedor, e as rúas que se reformaron hai que volver a reformalas. É unha distorsión cun custo económico importante para implantar un modelo menos eficaz. A lei estatal contempla a obrigatoriedade dese novo contedor, pero tamén establece excepcións e na Coruña todo o argumentario tipificado se cumpre ao 100 %. Pedimos ó goberno local que non faga unha defensa meramente burocrática e administrativa, que faga unha defensa política. Se a señora Inés Rey presume de tanto peso en Madrid, que o demostre e que se contemple a excepcionalidade. Tamén quero facer unha alusión ao Partido Popular, porque mentres na Coruña di que hai que defender o modelo húmido-seco, logo a Xunta, que ten as competencias en materia medioambiental, ditamina en contra dese modelo e desa excepción. 

«Mentres non se solucione a débeda do Porto, sempre existirá esa presión de especular»

O BNG preside a comisión da fachada marítima, un dos asuntos principais deste mandato e para o que pide comezar por unha postura común de cidade. 

—O BNG preside a comisión da fachada marítima, que se reunirá proximamente. Que se levará a ese encontro?

—Pode ser moi útil para fixar unha posición como Concello consensuada entre todos, o lóxico é que non se sustente só nas visións dos grupos da corporación senón que teña en conta a opinión de colectivos cidadáns e do tecido asociativo. É importante unha unidade de criterios como Concello para o diálogo que se estableza coa Autoridade Portuaria e con outras Administracións implicadas. O desexable sería que a comisión fixase un calendario, un itinerario, e abrise un proceso de participación de cara a definición desa proposta común. As propostas de partida son as do noso programa electoral e no acordo de investidura. É imprescindible crear un consorcio ou ente análogo coas Administracións implicadas e unha premisa básica é asegurar o mantemento da titularidade pública e enfrontar o problema que ten o Porto pola débeda contraída con Portos do Estado. O BNG insiste na condonación desa débeda ou unha solución equivalente, como terreos de titularidade estatal nos que o Goberno central, nun programa plurianual, faga un investimento para contribuír á transformación deses terreos por unha cantidade equivalente á da débeda.

—Ve posible algún acordo sen condonación?

—O da débeda en principio non ten relación directa co que se faga cos terreos do porto interior, pero mentres non se solucione sempre vai a existir a presión de que dalgunha maneira hai que especular con eses terreos para que o Porto teña fondos cos que facer fronte á débeda. O pago non compete ó Concello nin ós coruñeses, pero máis alá diso nos importa moito o futuro do Porto da Coruña, é básico como motor desta cidade e non pode ser que o pago dos intereses e amortizacións asfixien economicamente e lle impidan acometer investimentos necesarios. Insistimos na condonación porque foi a solución para outros portos, como o de Valencia. Moitas veces no debate sobre o futuro deses terreos obviase que o porto ten que seguir sendo porto, non toda actividade é trasladable ó porto exterior e ten que seguir medrando. Hai que definir os usos portuarios e ocupacións que se derivan deles antes de falar outros neses terreos.

—É momento de falar tamén de San Diego?

—Inda que haxa actuacións zonificadas, teñen que estar inscritas nun deseño de futuro, é a maneira de facer as cousas. Se adquires unha vivenda diáfana tes que definir onde vai o dormitorio, cal é para a cociña, cal para a sala de estar... Porque senón podes estar caendo nun error grave. Por moito que haxa actuacións máis inmediatas en Calvo Sotelo e Batería, teñen que inscribirse nun deseño do que se quere facer no conxunto portuario. En San Diego me sorprende no debate público é necesario aclarar se A Coruña necesita unha estación ferroviaria de mercadorías. Se aspiramos a ser motor económico de Galicia e do noroeste peninsular non podemos renunciar a isto. Reivindicamos non quedar excluídos co Corredor Atlántico, polo que necesitamos unha estación de mercadorías. Hai que reubicala? Esas son cuestións básicas.

—Pode haber asuntos nos que PSOE e BNG choquen, como no urbanismo?

—O tempo dirá, non me gusta ser prexuizoso. No acordo de investidura se contempla a revisión do PXOM no relativo ás Percebeiras, ó parque da Agra e a outros ámbitos de actuación. O Partido Socialista comprometeuse a iso e cando teña unha concreción práctica, poderemos ver se estamos dacordo ou non. Somos formacións distintas e nalgunhas cuestións apostamos por modelos de cidade distintos, que existan discrepancias é lóxico nun mapa político plural, pero o BNG comprométese a exercer a crítica cando a actuación do goberno así o esixa e a exercer acción fiscalizadora. Teremos unha actitude construtiva polo ben da cidadanía.

—Teñen coñecemento se comezou a investigación sobre as concesionarias do lixo e a limpeza polo caso STL?

—Non nos consta, pero seremos moi esixentes para que así o sexa. Ademáis da gravidade dos feitos que se investigan, do que ten trascendido parece que hai, cando menos, indicio de que puido haber unha actitude de conivencia das concesionarias, de inhibirse de toda a política de contratación de persoal e mesmo a sospeita dun pacto para unha folga encuberta. Se é así, é dunha gravidade absoluta e o Concello non pode mirar para outro lado. Os veciños e as asociacións están moi descontentos co funcionamento da limpeza e da recollida, é un exercicio de transparencia.