A entidade apoia a preto de 600 clubs base e impulsa aos grandes talentos
06 feb 2025 . Actualizado a las 12:53 h.A Deputación da Coruña desenvolve unha ampla e diversa actividade deportiva que abarca desde o fomento do deporte base ata a organización de competicións de alto nivel ou a construción de infraestruturas, co obxectivo de promover hábitos de vida saudables e impulsar o talento deportivo na provincia.
Un dos piares fundamentais é o apoio ao deporte de base e á formación. A Deputación impulsa cada ano a uns 580 clubs base de moitas disciplinas deportivas, onde os rapaces e rapazas máis novos se forman, tanto para gozar do exercicio cos amigos como para a competición.
Fútbol, baloncesto, balonmán, atletismo, tiro con arco, natación, esgrima, taekuondo, ciclismo, hóckey, halterofilia, remo… practicamente todas as disciplinas deportivas contan co apoio da Deputación.
«É difícil atopar na provincia da Coruña un concello ou un club deportivo que non conte, dunha forma ou outra co apoio da Deputación», sinala o presidente, Valentín González Formoso, que destaca, sobre todo, a acción da institución provincial no apoio ao deporte de base, a esas canteiras onde hoxe se forman con esforzo de dedicación os e as grandes deportistas do futuro. «Esa é a parte máis bonita do traballo da Deputación no ámbito deportivo: facilitar que calquera rapaz ou rapaza, independentemente do concello onde viva, poida practicar o seu deporte favorito e alcanzar as súas metas e os seus soños e tal vez facernos gozar a todos cos seus logros no futuro».
Un claro exemplo da aposta da Deputación son os 67 técnicos deportivos que a entidade provincial contrata este ano noutros tantos municipios da provincia grazas a un investimento de máis de 900.000 euros. Estes profesionais permiten aos concellos dotarse dunha programación estable e variada de actividades ao alcance de todos os públicos, desde os maiores ata os máis pequenos, na maior parte dos municipios coruñeses.
No que respecta á competición, a Deputación organiza cada ano eventos emblemáticos como a Copa de Fútbol Deputación da Coruña, o Circuíto de Carreiras Populares, que suma cada ano a máis de 1.600 participantes en 35 concellos da provincia, o Circuíto de Piragüismo, ou iniciativas de recente creación como o Circuíto de Atletismo en pista, a Copa Deputación de Balonmán na Rúa ou o 3x3 de Baloncesto, nos que participan centos de deportistas das categorías base.
Ademais, a Deputación apoia a deportistas individuais mediante bolsas deportivas, que nos últimos anos se incrementaron en número e cantidade, pasando de 45 a 59 becas, cun orzamento total de 206.500 euros, o que permite a moitos talentos locais continuar o seu desenvolvemento profesional e competir a nivel nacional e internacional.
A atleta ribeirense Ana Peleteiro, o boxeador coruñés Enmanuel Reyes, medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de París do 2014, o piragüista betanceiro Carlos Arévalo, o arqueiro pontés Miguel Alvariño ou a atleta mugardesa Belén Toimil son algúns dos deportistas da provincia que contaron co apoio da Deputación nos seus inicios e que hoxe son estrelas nacionais.
Desde hai uns anos tamén se entregan os Premios do Deporte Deputación da Coruña cos que recoñece a traxectoria de deportistas, adestradores e entidades que destacaron polos seus logros e contribucións na provincia, consolidando o deporte como un importante motor de cohesión social e desenvolvemento persoal.
Antonio Leira: «Moitos recintos non serían posibles sen as achegas provinciais»
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destaca que a Deputación da Coruña apoia á maior parte dos deportista e equipos da provincia que participan en competicións nacionais e internacionais así como nos Xogos Olímpicos. «Podemos dicir que a Deputación é o principal axente na promoción do deporte na provincia», afirma Antonio Leira, que tamén pon en valor a importante aposta pola mellora das infraestruturas realizada nos últimos anos nos concellos: decenas de campos de fútbol de herba artificial, modernos polideportivos, pistas multideporte, canchas de tenis ou pádel, piscinas municipais ou carrís bici ao longo de toda provincia «non serían posibles sen o constante apoio económico da Deputación».