«Abecedario das mantenzas», un libro póstumo de Fausto Galdo sobre gastronomía

Xesús Fraga
X. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Publicado por Edición Xerais, será un percorrido con vocación divulgativa polo acto de comer en Galicia

09 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ademais dun dos médicos humanistas de referencia, Fausto Galdo, falecido esta mesma semana, era autor dunha ampla obra escrita na que agromaban a medicina e a súa especialidade, a reuma, pero tamén intereses seus como a pintura ou a gastronomía. Neste último eido tiña ultimado un novo volume que publicará Edicións Xerais en breve e que Galdo chegou a ver en proba de imprenta.

O tomo, que leva por título Abecedario das mantenzas, traza un percorrido con vocación divulgativa polo acto de comer en Galicia, tomado dende a súa vertente de fenómeno social e cultural. Trátase dun dicionario que cataloga peixes, carnes, froitos da horta e viños, entre outros moitos alimentos, e como os galegos incorporaron tales mantenzas á súa cociña. Deste xeito, fálase de adubos e xeitos de cocción, que interesarán a quen se movan entre fogóns, pero ademais no libro hai citas de autores, cantigas, ditos e lendas tradicionais, proverbios e moitas outras manifestacións culturais sobre a gastronomía.

Galdo remóntase a Afonso X O Sabio e chega ata Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, este último, fonte de inspiración para Abecedario das mantenzas, un treito temporal no que se examina a perspectiva coa que os galegos se achegaron á comida e á cociña. Por último, na súa dobre condición de médico e gastrónomo, Galdo non esquece no libro tocar aspectos relacionados coa nutrición e como manter un equilibrio san a través da alimentación.

Como autor gastronómico Galdo foi distinguido como o Álvaro Cunqueiro á mellor labor en prensa e tamén polos seus libros.