Este luns saen á venda as entradas do festival de cine, que abrirá coa estrea de «A illa das mentiras»: duascentas para a sesión matinal e outras tantas para a de tarde
21 jul 2020 . Actualizado a las 14:56 h.Cans resiste. Resiste en esencia, con coloquios, concurso e proxeccións. Pero resiste en formato atípico, máis diúrno, con medidas de seguridade, con menos ghalpóns e aforo reducido. O vindeiro luns saen á venda as entradas para unha edición de resistencia, pero sobre todo de cine e de cultura. O aforo este ano será de 400 persoas -hai duascentas entradas para a sesión matinal e outras tantas para a de tarde- e os pases venderanse en formato pack, co programa, a chapa e coa camisola desta edición do festival, deseñada por Nikis, con Caladiño montado na bicicleta dos soños, unha mestura entre Chano Piñeiro e Steven Spielberg, entre Sempre Xonxa e E.T.. Os prezos van variar entre os 20 e os 25 euros máis gastos de xestión, que incluirán tamén os accesos a coloquios e actuacións musicais para o público sentado. Non haberá actividades de acceso libre. Todos os participantes deberán estar rexistrados.
«Moi ao noso pesar tivemos que reducir os aforos ao mínimo». Na voz de Keka Losada, da Asociación Cultural Arelas podía albiscarse o esforzo que Cans, o de aquí, o auténtico, tivo que facer este ano para seguir, aínda que sexa en formato reducido. «Vai ser un festival diferente pero igualmente importante».
Porén, Alfonso Pato, o director do festival, chegaba a Compostela este martes cunha boa noticia no peto, un ben escaso en tempos de pandemia. A illa das mentiras, a película de Paula Cons que navega a ras do naufraxio do Santa Isabel, será a que abra o festival de Cans o 3 de setembro, aínda que con aforo reducido. Polo de pronto, á proxección só poden asistir 120 persoas e con inscrición previa. «Vai ser a primeira vez que esta película se vexa no seu fogar natural, que é unha pantalla grande e creo que o ambiente vai estar cheo de electricidade», xa que o filme está previsto que chegue á plataforma Filmin a derradeira semana de xullo. «Era o natural e o orgánico e nun festival que eu quero tanto e no que me sinto tan querida». Non había mellor momento nin mellor lugar para que A illa das mentiras comece a súa singradura en gran formato.
A illa das mentiras é a película histórica pero non é unha película histórica. «É un thriller, un xogo psicolóxico que remata por abafar a todos os personaxes que están na illa», explica Pato. «Para nós é unha película que encaixa con todo o que buscamos en Cans para abrir o festival». Unha realizadora debutante no campo da ficción, á que «lle seguimos a súa traxectoria en Cans o ano pasado, vímola na sección de Fillos de Cans, que amosa material inédito que se vai estrear».
Esta película é «moi necesaria, porque aínda que conta a historia real dun naufraxio que aconteceu en 1920 nas costas de Sálvora ten moita actualidade». Victoria Teijeiro, unha das protagonistas, lembra como A illa das mentiras «fala da historia de tres mulleres, moi grande e moi esquecida ao longo do tempo e que fala de xente que tiña que saír, emigrar, que afogaban no mar».