Rosalía volve á Coruña logo de 150 coa mostra sobre a casa museo

Lucía Cancela
Lucía Cancela A CORUÑA

CULTURA

ANGEL MANSO

A exposición celebra o medio século da recuperación da casa da Matanza

10 nov 2021 . Actualizado a las 20:04 h.

Rosalía de Castro pasea dende este mércores polas rúas da Coruña cando se cumpren 150 anos dende que a escritora chegou en 1871 á cidade. Con este motivo, a exposición A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía alóxase nos xardíns de Méndez Núñez para celebrar o medio século dende a súa fundación en 1971.

A mostra fai un repaso polo fito que supuxo conseguir mercar e restaurar a casa da Matanza (na que a escritora viviu e morreu) para convertela na Casa-Museo de Rosalía en pleno franquismo. «Unha vitoria que foi posible grazas á colaboración dos galegos asentados en Galicia e dos galegos da emigración. Tamén de concellos, xornais, clubes deportivos e asociacións», explicou durante a presentación, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

A mostra está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo (en Padrón), e chega ao público cunha intención: «Que a xente entre por curiosidade e salga conmovida», indicou Barro, citando a Blanco Amor.

Con este estandarte manifesto, a exposición dá a benvida a través dunha fiestra, que simboliza a frase que a intelectual pronunciou no seu leito de morte na casa da Matanza no 1885: «Abride esa fiestra, que quero ver o mar». Ao mesmo tempo actúa de metáfora para amosar a relevancia desta casa-museo: «A historia da Casa de Rosalía de Castro é a do traballo constante por abrir unha fiestra de liberdade na negra sombra de pedra franquista», reza o primeiro mural. Despois do falecemento da escritora, e coa marcha da su familia cara Santiago e A Coruña, o fogar no que rematara En las orillas del Sar, comeza a deteriorarse, e así o plasma unha fotogradía de Ruth Matilda Anderson (1924) recollida na mostra.

No relato desta casa, cobra especial importancia a figura de Xosé Mosquera (1895-1965). «Foi a alma máter e converteuna na súa causa», explicou o comisario. A súa filla, Loliña Mosquera visitou onte a mostra. No 1946, Mosquera consegue impulsar a comprar para convertela nun santuario laico. O comerciante e amigo, Villar Granjel, lle adiantou as 90.000 pesetas necesarias. Máis tarde, Mosquera pide un crédito para devolverlle a metade do importe.

ANGEL MANSO

Nesta época, a oito anos da Guerra Civil, une as tendecias galeguistas nunha institución que poida defender a futura casa museo. Para pasar desapercibido, escolle a persoas aceptadas polo réxime franquista que poidan blindala ante a ditadura. Ata o punto de celebrar o 15 de xullo de 1951 o primeiro acto galeguista cunha homenaxe pola morte da escritora.

La Voz na colecta popular

Xa no 1971, a Matanza ábrese ao público grazas á participación de asociacións e centos de persoas.Un ano antes desatárase unha corrente de solidariedade para conseguir os fondos necesarios. La Voz de Galicia tivo unha importancia capital nesta colecta. Iniciou unha subscrición a prol de Rosalía na central e nas delegacións do xornal e achegou a 25.000 pesetas, o equivalente ao Premio Fernández Latorre que convoca o diario. Manuel Sánchez, distinguido ese ano có galardón, aportou a mesma cantidade.

Así mesmo, La Voz foi publicando os fitos da colecta e breves pezas sobre Rosalía asinadas por Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Carballo Calero ou Paz Andrade. Desta maneira, coas doazóns de particulares e colectivos, conseguiuse chegar ás 994.043 pesetas das que informou La Voz o 11 de xullo de 1971, na véspera da inauguración.

Concertos, conferencias e un roteiro para seguir coa homenaxe

A mostra A Casa de Galicia. 50 aos da Casa de Rosalía podera visitarse nos xardíns de Méndez Núñez ata o 24 de novembro. A continuación, trasladarase ao Culturgal (Pontevedra), a feira das industriais culturais do 26 ao 28 de novembro. Máis tarde, itinerará por cidades e vilas de Galicia. Está patrocinada pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Coruña. A exposición está enmarcada nas xornadas 150 anos de Rosalía na Coruña, coas que o Concello e a Fundación Rosalía pretenden conmemorar e honrar esta efeméride. Así, nesta semana levaranse a cabo diferentes actividades.

ANGEL MANSO

Mañá, 11 de novembro, terán lugar dúas quendas de concertos no teatro Rosalía de Castro. A primeira será ás seis da tarde co proxecto Rosalía Pequeniña de Uxía Trío, e a segunda, ás oito, con Najla Shami orientada a un público máis adulto. Pola súa banda, o venres tamén terá partida dobre. As seis da tarde, Suso Martínez encabeza un roteiro dende o Xardín de San Carlos ao Circo de Artesáns titulado A Coruña no tempo de Rosalía e Murguía. Dúas horas máis tarde, será o momento da conferencia impartida polo académico Xosé Luís Axeitos con Murguía na Coruña e a fundación da RAG, no Circo de Artesáns.

Na presentación da mostra tamén estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño e o concelleiro de Educación e Memoria Histórica da Coruña, Jesús Javier Celemín.