Máis de 150 actividades enxalzarán a figura de Florencio Delgado Gurriarán

Montse García Iglesias
Montse GArcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A programación polo Día das Letras Galegas esténdese ao longo do ano

31 mar 2022 . Actualizado a las 12:55 h.

Exposicións, novas publicacións, teatro, música, simposios, andainas, romarías, concursos... Serán máis de 150 actividades ao longo de toda Galicia, pero tamén no exterior as que enxalzarán a figura do escritor, editor literario e activista político e cultural  Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, Estados Unidos, 1987) con motivo do Día das Letras Galegas. Unhas iniciativas que xorden tanto de institucións como de empresas e colectivos. Trátase dun «recoñecemento de Galicia» a unha figura «tremendamente relevante», incidiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ao debullar as propostas que se desenvolverán ao longo deste ano acompañado de representantes de diferentes institucións e do sobriño e biógrafo do homenaxeado, Ricardo Gurriarán.

Entre as exposicións destacadas desta edición atópase Bebedeira de ensoños, comisariada por Ricardo Gurriarán, que, ademais dun percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, incluirá unha selección de obxectos persoais do autor cedidos pola familia. A mostra comezará a súa peregrinación en abril e deterase no Barco de Valdeorras, Ourense e Santiago. Cunha orientación máis didáctica chegará Compromiso na distancia, que abordará a figura, a vida, obra e o contexto histórico que lle tocou vivir ao poeta. Itinerará por unha decena de cidades e localidades desde maio ata decembro. A elas uniránselle mostras bibliográficas na rede de bibliotecas públicas.

Por outra banda, unha das novidades deste ano serán os roteiros educativos polos concellos da comarca de Valdeorras para dar a coñecer os seus puntos de interese. Non será a única actividade que se desenvolverá na terra natal do homenaxeado no Día das Letras Galegas. Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) acollerá a sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega (RAG) o propio día 17 de maio. «O territorio está moi presente en toda a obra de Delgado Gurriarán», lembrou a académica da RAG Marilar Aleixandre. Resaltou que coa elección deste homenaxeado quíxose recoñecer ás persoas exiliadas en México, «que continuaron alí a labor cultural galeguista e contribuíron á cultura do país de acollida», ademais de enxalzar a «un poeta, a un resistente, a un animador de Valdeorras». A RAG, ademais, levará as súas iniciativas sobre o autor homenaxeado á internet, organizará un simposio en novembro e impulsará varias publicacións.

Tamén en Valdeorras, neste caso no Teatro Lauro Olmo do Barco, se desenvolverá o tradicional concerto organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG),. O día 16 de maio actuará o grupo Zoar, que interpretará diferentes composicións de músicos galegos exiliados, ademais de estrear unha obra da xoven compositora galega Carme Rodríguez sobre textos de Delgado Gurriarán. «É unha obra que fala para este presente ao abordar como os exilios provocados polas guerras seguen sendo unha realidade que non mudou», afirmou a secretaria do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra. Esta entidade tamén organizará un simposio na illa de San Simón sobre os exilios, principalmente en México.

Os alcaldes do Barco e de Vilamartín de Valdeorras, Alfredo García e Enrique Álvarez, respectivamente, agardan que o Día das Letras dedicado á Delgado Gurriarán sirva tanto para que todos coñezan a súa figura, así como a propia comarca de Valdeorras.

A figura do poeta, editor e activista político e cultural non só centrará actividades en Galicia, senón tamén fóra. Ademais de citas ligadas as colectividades de emigrantes tanto de países de Sudamérica como do resto de España, destaca unhas xornadas que se desenvolverán en Nova York durante novembro analizando a figura do autor.

Unha edición facsímile do «Cancioneiro da loita galega» e o discurso escrito para o ingreso na RAG

A figura de Florencio Delgado Gurriarán centrará máis dunha decena de publicacións ao longo deste ano. Entre os novos traballos destaca a edición facsímile do Consello da Cultura Galega da obra Cancioneiro da loita galega, editado en México en 1943 incluíndo unha antoloxía de poemas para homenaxear aos compañeiros caídos na Guerra Civil. Contará cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero e notas de Ricardo Gurriarán. Desde o Consello da Cultura tamén recuperan un audio dunha entrevista feita ao escritor de Valdeorras. «É unha das poucas gravacións sonoras que se conservan da súa voz», resaltou Dolores Vilavedra.

Pola súa banda, a RAG publicará o discurso que Florencio Delgado Gurriarán deixou escrito para unha posible cerimonia, co gallo do seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse; así como a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle realizou no ano 1979. Nesta ocasión, tamén terá anotacións do seu sobriño e biógrafo, Ricardo Gurriarán. «Quedei sorprendido pola cantidade de libros que se publican», asegurou, lembrando que o seu tío foi un «poeta de circunstancia», marcado polo contexto no que lle tocou vivir, como a ditadura de Primo de Rivera, a Segunda República, a Guerra Civil e o exilio. Fixo fincapé en como a súa musa foi variando segundo o escenario. «Se primeiro fixo poemas de acción sociolingüística, despois tivo a súa musa a favor da República con poemas interesantes e francofóbicos de recriminación das salvaxadas que se fixeron durante a Guerra Civil. Posteriormente, coa chegada a México, mudou cara ao agradecemento ao país de acollida», dixo o biógrafo. Galaxia, Xerais, Bolanda Edicións e Ir Indo tamén teñen publicacións centradas no homenaxeado no Día das Letras.

Unha Tanxuverbena

A Deputación de Ourense, que publicará a revista Raigame, prepara un documental e unha longametraxe sobre Delgado Gurriarán, dixo o seu vicepresidente, César Fernández. A CRTVG tamén porá o foco na celebración das Letras. Entre as accións que debullou Marta Fernández inclúe a organización o día 17 da Tanxuverbena, unha verbena arredor das Tanxugueiras presentada por Esther Estévez.