O Concerto das Letras, un camiño de ida e volta entre México e Galicia

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O Consello da Cultura Galega presenta unha edición facsímile do Cancioneiro da loita galega e programa unha proposta musical de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán na que, por vez primeira, a peza que se estrea está composta por unha muller, Carme Rodríguez

09 may 2022 . Actualizado a las 14:38 h.

Se cadra, dentro de cen anos alguén mergullado no arquivo do Consello da Cultura Galega atope un feixe de follas nas que Xesús Alonso Montero deitara, no medio dunha pandemia mundial, un estudo sobre Cancioneiro da loita galega, a obra colectiva publicada en 1943 que, a pesar dos esforzos, case non chegou dende o exilio mexicano a Galicia para servir de denuncia da barbarie feixista e de homenaxe aos mártires do Partido Galeguista. 

Se cadra, dentro de cen anos, a carón do manuscrito co que Alonso Montero agasallou ao Consello, estea tamén unha das cincocentas copias da edición facsímile dun proxecto -un cancioneiro que, por exemplo, serve de altofalante dunha das primeiras voces femininas que se elevaron no exilio Concepción Lamas Barreiro-, que subliña o labor de Florencio Delgado Gurriarán como editor, como corrector, como elemento aglutinador do exilio intelectual en México e como impulsor de proxectos dende a outra beira dun océano que para os galegos non é máis que o mare nostrum. Un camiño de ida e volta que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, subliñaba na presentación dos dous grandes proxectos para este 17 de maio.

Se cadra, no vindeiro século, estea colectivamente asumido que Delgado Gurriarán é á comarca de Valdeorras o que John Dos Passos a Manhattan, Joyce a Dublín ou Cunqueiro a Mondoñedo. Un nome eternamente asociado á súa terra, a unha comarca e un país infindo. Igual que Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, falaba de como o territorio é raíz e semente de literatura mirando cara ao pasado, Alfredo García, alcalde de O Barco de Valdeorras, puña a vista no futuro, na oportunidade que o Día das Letras Galegas e o ano Delgado Gurriarán supoñen para que a comarca pousada no confín dunha Galicia infinda e que se proxecta na creación dunha fundación que leva o nome do autor homenaxeado este ano.

«A musical é máis importante na cuestión vital de Florencio. A música sempre estivo nel, un gran danzarín». Ricardo Gurriarán, sobriño do homenaxeado, introducía así a outra gran actividade do Consello da Cultura Galega, o tradicional concerto (chega á duodécima edición) que estrenará o vindeiro 16 de maio unha peza que, por vez primeira, está composta por unha muller, Carme Rodríguez.

«O meu obxectivo foi sempre poñer no centro da obra as palabras e a poesía de Florencio e trasladar musicalmente a súa obra do xeito máis respectuoso posible». Diásporas componse de catro momentos poéticos centrais na voz da soprano Clara Jelihovschi Panas. Os ecos desas palabras son recollidos polos músicos, polo que a palabra de Delgado Gurriarán ocupa toda a extensión tanto emocional como estrutural da peza.

Será Zoar, quinteto de vento, quen se encargue dun concerto que se desenvolverá no teatro Lauro Olmo d'O Barco, que ten entrada libre ata completar a capacidade e que servirá non só de vencello entre música e poesía, tamén entre alén e aquén, entre Galicia e o exilio. Explicábao Álex Salgueiro, un dos integrantes do grupo de cámara, que subliñaba tamén que, aínda que no tradicional si hai referencias, no campo da música clásica só atoparon unha.

Ademais, a homenaxe ao exilio estará representado por Jesús Bal y Gay, con tres pezas (unha de mocidade, outra dos inicios en México e unha peza para unha representación teatral de Don Quixote para crianzas que creou canda a Carlos Chávez e Blas Galindo)  así como pezas de Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e unha chiscadela á comarca de Valdeorras con Aureana do Sil, de Federic Mompou a partir dun texto de Ramón Cabanillas que recupera o tradicional oficio das buscadoras de ouro.