
Especialistas europeos afondarán na influencia do Camiño na onomástica
09 sep 2022 . Actualizado a las 09:31 h.«Moitos pensan que a rúa do Franco lle debe o seu nome ao ditador Francisco Franco. Este nome vén de moito máis atrás, do medievo», destacou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, na presentación do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño que se celebra entre os días 21 e 23 de setembro en Santiago.
Este exemplo foi o escollido tamén pola académica correspondente da RAG e coordinadora deste encontro, Ana Boullón, para amosar a transcendencia que a toponimia ten no presente. «Os francos eran os peregrinos que chegaban alén dos Pirineos. Hoxe, este é un apelido e un topónimo amplamente estendido», aclarou a filóloga.
Especialistas de institucións galegas, españolas e europeas revelarán na cita que promove a RAG, e que acollerá a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, a influencia que as vías xacobeas deixaron no xeito de nomearnos. «Os nomes que marcan os traxectos do Camiño dinnos moitas cousas sobre a nosa historia», continuou Boullón.
O caso da Coruña
As pegadas do Camiño nos nomes das nosas vilas e cidades chegan ata o hoxe. A Coruña é un dos casos máis evidentes. «O nome da cidade procede dunha lectura que fai Alfonso IX dun dos libros do Códice Calixtino, que tamén inclúe unha guía do Camiño», subliñou Boullón en referencia á investigación realizada polo académico Gonzalo Navaza, un dos expertos que participarán no congreso.
O obxectivo do encontro vai máis alá do filolóxico, o seu espírito europeísta ten implicacións no turismo, a historia ou rehabilitación do patrimonio. As conexións entre as vilas que salpican o Camiño son constantes. «O caso do termo latino populus é unha mostra de como unha mesma palabra ten descendentes en todas as linguas», sinalou a coordinadora do congreso.
Ademais de lingüistas, Santiago acollerá na cita a expertos en historia medieval ou cartografía. «Este programa vainos permitir ter unha visión máis completa e poliédrica do Camiño», afirmou Boullón, para a que o congreso supón un paso adiante na consolidación de Galicia como referente na onomástica. «Somos unha potencia no estudo dos topónimos», afirmou.
Nin un ferrado sen nome
Unha perspectiva compartida polo reitor da USC, Antonio López, anfitrión do evento en Compostela. «Non hai un ferrado no noso país que non teña un nome propio. Detrás destes nomes hai un sentimento, un patrimonio inmaterial», defendeu López.
Esta querenza por nomear o que vemos fai, segundo Valentín García, o secretario de Política Lingüística, que a onomástica de Galicia sexa «case infinita».
O congreso contará coa participación de investigadores do Toponomasticon Hispaniae, un proxecto que busca sentar unhas bases metodolóxicas firmes para o estudo científico da toponimia.
O Camiño en Galicia, na Península e en Europa serán os tres eixos do programa no que intervirán profesores de universidades de Portugal, Italia, Francia ou Alemaña. «A toponimia é moitas veces a crónica secreta da nosa historia», definiu Freixanes. Malia que non sempre é posible coñecer as orixes destes nomes, sobre un 15 % seguirán a ser un misterio, hai que traballar en «reducir na medida do posible» esta porcentaxe, sostén Boullón.