O amor ás palabras

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

30 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Don Jorgito el inglés, George Borrow, que, nos estertores do reinado do paspán de Fernando VII, andou media España vendendo biblias luteranas, dixo de Compostela que é «unha cidade vella moi fermosa», un pensamento que, malia non resultar moi orixinal, condensa, ao meu xuízo, as razóns polas que Santiago non deixa indiferente a ninguén. É máis, a beleza da cidade está en proporción directa da súa antigüidade. Cando, co paso dos séculos, unha xeración tras outra, a maior gloria do apóstolo de Xesús, consagráronse a ennobrecer a urbe co modelado de milleiros de toneladas de granito do país, o resultado é un conxunto de marabillas.

Do «anxo de Compostela» aprecio especialmente as anécdotas, eruditas e curiosas, que se agochan en cada praza, en cada recanto, en cada pedra. Cando, no outono de 1977, entrei por primeira vez na venerable Casa de Exercitantes da Compañía de Xesús na Praza de Mazarelos, naquela altura e dende había dous anos convertida en flamante Facultade de Filoloxía, reparei estupefacto no abigarrado conxunto escultórico que preside a porta principal. Alí, gravadas nunha cartela pétrea, locen dúas palabras: In eremo («No deserto»). Talvez a lapidaria frase adquire o seu sentido nun edificio no que, en soidade, se recluían para os seus exercicios espirituais os relixiosos de san Ignacio. Pero, como os clérigos adoitan non daren puntada sen fío, resulta que o arcebispo que promoveu a construción, don Diego del Yermo y Santibáñez, encaprichouse de deixar en latín o seu apelido (Yermo=Eremo) para a posteridade e, cumprindo o capricho, aquí me ten vostede, trescentos anos despois, soltándolle o rollo do arcebispo e o seu enxeñoso «jeu d’esprit».

En 2025 cumprirase medio século da creación, independizada da tradicional Filosofía e Letras, da Facultade de Filoloxía, á que debo, non só a miña formación académica senón, de certo, os anos máis luminosos e felices da miña vida. A respecto da primeira, a débeda contraída con tal cantidade de mestres (eles saberán a quen me refiro) é impagable e medra cos anos. En canto aos anos de estudante, amigos e amores, lembranzas e sentimentos palpitarán para sempre nas lousas de Mazarelos.