A Banda da Loba volve con «Lovismo», o seu novo disco

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A BANDA DA LOBA
A BANDA DA LOBA .

Edítase mañá e supón unha ecléctica viaxe que comprende xéneros como a bachata, o pop e a música disco

16 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O amor nas súas múltiples formas de expresión é o fío condutor de Lovismo, o quinto disco de A Banda da Loba. Edítase mañá e supón unha ecléctica viaxe que comprende xéneros como a bachata, o pop e a música disco. Ese concepto de amor abarca o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade e amor polo noso, entre outras manifestacións.

No disco musican algúns versos de Luísa Villalta. É o caso de Cruel filosofía, baseado no poema homónimo de Luísa Villalta e coa colaboración de Tomé Mouriño (De Ninghures). Tamén, E o mar, no que Villata fala da conexión emocional do pobo galego co mar, da necesidade de coidalo, de protexelo e de escoitalo.

A presentación de Lovismo terá lugar o 1 de febreiro en Santiago (Capitol, 21.30 horas, 12 euros). A banda anuncia que este concerto será unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigos. Compartirán o escenario con De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco. Actualmente, A Banda da Loba intégrana Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.