O Colexio de Arquitectos de Galicia premia reformas na sede da Xunta en San Caetano e en San Martiño Pinario

CULTURA





















Entregaron en Santiago os seus galardóns bianuais, que distinguen os mellores traballos en 12 categorías
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Preto de 700 persoas asistiron en Santiago á entrega dos premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que distinguen as mellores obras arquitectónicas e urbanísticas da comunidade executadas entre outubro do 2022 e setembro do 2024. O decano do COAG, Luciano Alfaya, incidiu en que unha boa arquitectura é sinónimo de maior calidade de vida e no carácter esencial da profesión: «Hoxe toca reclamar que esa calidade e responsabilidade sirvan tamén para marcar uns honorarios acordes co traballo realizado, coa certeza de que tanto para a administración como para os particulares será sempre un excelente investimento». Pola súa banda, o presidente da delegación de Santiago da entidade, Ángel Cid, subliñou o «momento excepcional polo que pasa a arquitectura galega», pensada e deseñada por arquitectos pero desenvolta a partir das capacidades dun ecosistema que integran fabricantes, construtores, promotores, políticos e usuarios
O xurado premiou no apartado de vivenda familiar a Casa Panchés, en Carnota, de Óscar e Iván Andrés Quintela (Arrokabe); como vivenda plurifamiliar fixéronse co galardón Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide (Carbajo e Barrios Arquitectos), polo seu Alto residencial cooperativa, en Santiago.
Premio tamén en Compostela para a reforma da envolvente e integración do antigo edificio de Espellos, na sede da Xunta en San Caetano, que asinan Lucas Díaz Sierra e Gustavo Díaz García; o accésit foi para a rehabilitación da estación de autobuses de Pontevedra, de Manuel Vázquez Muíño. En obras de rehabilitación patrimonial e restauración, foi a intervención no pavillón historicista e o muro perimetral de San Martiño Pinario (Santiago) a gañadora, obra de Juan Orozco Corredoira e Iago Seara Morales; recibiron senllos accésits o centro cultural Forges, na Fonsagrada, de Daniel Gómez Magide, e a rehabilitación interior e mellora de accesibilidade da casa consistorial de Pontevedra, de María Gracia Amandi Joglar e Dionisio Jorge de Uña Santos.
Nas obras de deseño interior, impúxose Carlos Luis Quintáns Eiras, por Mixing, na coruñesa rúa Juana de Vega; accésit para o albergue para peregrinos en Baiona de Estefanía Grandal Leirós. En arquitecturas efémeras e deseño de pequena escala impuxéronse Vicente Pintos Santiago e Javier Antonio Franco Rabuñal pola instalación dun ascensor que eliminou barreiras arquitectónicas dun edificio en Gondomar.
O apartado de planificación urbana foi para José González-Cebrián Tello polo seu plan básico municipal de Porqueira (Ourense). A mellora do bordo da praia de Porto do Son, de Juan José Creus, Covadonga Carrasco, Marcial Rodríguez, José Valladares e Alberto Redondo, levou o galardón de deseño de espazos urbanos, xardinería e paisaxismo. En canto a divulgación e investigación, foron gañadores exaequo Sheila García Prado polo Laboratorio da Paisaxe desenvolto en Barro, e Carlos Luis Quintáns Eiras pola mostra Siza, con accésit para Iago Xosé Valverde por un monográfico de arquitectura de Sermos. Laura Pena Cristóbal alzouse co premio ao mellor proxecto de fin de carreira, polo seu traballo sobre Usos híbridos no polígono industrial. Fitodepuración no polígono industrial da Tomada (A Pobra do Caramiñal). O galardón á obra no exterior foi exaequo para Aurora Armental Ruíz e Stefano Daniele Ciurlo, por unha intervención en Xenebra (Suiza); e para Betsaida Curto e Ander Bados, por unha obra en Ica (Perú).

Distinción póstuma a Alberto Noguerol
Un dos momentos máis emotivos do evento foi o premio á traxectoria profesional, que distinguiu a título póstumo a Alberto Noguerol (Callobre, Miño, 1943-A Coruña, 2024). Foi entregado á súa viúva, Pilar Díez, e á súa filla Bárbara por Luciano Alfaya e Marta Vall-Llosera, presidenta do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España. Alfaya sinalou que a distinción recoñece «unha pegada inesquecible, tanto na obra construída como na súa actividade docente, cun legado que perdurará en moitas xeracións» de arquitectos.
Bárbara Noguerol, tamén arquitecta, cualificou de rotundo, preciso e precioso o traballo do seu pai, sinalando que a arquitectura de Noguerol e Díez non sería posible de non ter estado xuntos, amosando a súa admiración polo traballo de ambos. Referiuse, nese senso, a habilidade do seu pai para encaixar as pezas dun programa, e á da súa nai para decidir a alma dun edificio. E como, xuntos, resolvían cada detalle coa máxima claridade.
A entrega de premios, que contou con monólogos de Quico Cadaval sobre o colectivo profesional, xuntou no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia a directivos do COAG e un amplo número de colexiados, así como á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue; o seu homólogo de Cultura, José López; a voceira do BNG, Ana Pontón; o voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Tamén estiveron directores xerais do goberno galego, alcaldes de varios municipios, e representantes de colexios profesionais de España e Portugal, así como Teresa Táboas, vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos.
A conselleira Martínez Allegue felicitou aos premiados nesta vixesimoprimeira edición dos galardóns do COAG por unhas obras que, sinalou, reflicten a polivalencia da arquitectura ao incluír vivendas, rehabilitacións, deseños de interiores ou planificación urbana e paisaxismo. Destacou o papel destes profesionais para acadar unha Galicia máis acolledora, cohesionada e preparada para os desafíos do futuro.