Unhas xornadas en Santiago analizan o legado do intelectual galeguista
18 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Se Ramón Piñeiro puña Olladas no futuro naquela escolma de textos que abranguían un período de 25 anos, era de lei que dende o futuro a ollada se volvese cara atrás. Un xeito de interpretar e comprender a Galicia do século XX que este ano se abordará en Olladas no pasado, unhas xornadas, as cuartas que se celebran, centradas nas arestas e ángulos que conforman a figura do histórico pensador e galeguista.
«Piñeiro ten unha presenza bastante importante e nun dobre sentido». Xosé Amancio Liñares Giraut, coordinador das xornadas, explica como o mesmo home pode ollarse dende a perspectiva do piñeirismo —esa corrente que di que Galicia débelle moito á maneira de entender o país de Piñeiro— e tamén dende a polémica instalada no nacionalismo galego, que entende que Piñeiro optou por descafeinar a idea do nacionalismo para transmitir un galeguismo máis transversal e menos centrada nunha opción política nacionalista.
«Quizais desencantado polo que podía ser o futuro de Galicia dende o final do franquismo e a Transición optou por insuflar o galeguismo en todas as forzas políticas e a sociedade galega renunciando quizá a un proxecto político propio como foi o histórico Partido Galeguista», explica Liñares Giraut, coordinador dunhas xornadas nas que —os vindeiros 21 e 22 de novembro, no Pazo de San Roque, en Santiago— intervirán persoas que tiveron unha relación moi directa con el, tanto de amizade como compartindo proxectos, e estarán presentes institucións nas que Piñeiro tivo tanto que ver, como a editorial Galaxia e o Consello da Cultura Galega. «Falarase da herdanza institucional do seu nome a través do Centro Ramón Piñeiro», explica Liñares, que tamén salienta como na parte final das xornadas haberá tempo para analizar cal é a visión que de Ramón Piñeiro ten a xente moza, e cal é o legado e como interpretan o papel do intelectual e a súa obra.
A apertura correrá a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, e Valentín García, secretario xeral da Lingua.
Carlos Baliñas Fernández pronunciará o relatorio Ramón Piñeiro, Galicia con sentido da realidade, e posteriormente haberá unha mesa redonda na que Alfredo Conde, Siro López e Teresa García-Sabell falarán da perspectiva máis persoal de Piñeiro.
Marcelino Agís será o encargado do relatorio Ramón Piñeiro. Filosofía o acción, e Xosé Manuel Dasilva e Malores Villanueva falarán do Ramón Piñeiro intelectual e da editorial Galaxia. Pola súa banda, Andrés Torres Queiruga, Víctor F. Freixanes e Manuel González analizarán o legado de Piñeiro na RAG e Serxio María Rodríguez Álvarez abordará a política, a sociedade e as institucións no pensamento de Piñeiro.
Rocío Carolo, Grial Parga e Xoán Pastor Rodríguez serán os encargados de debullar como chegou o pensamento de Piñeiro ás novas xeracións e finalmente, presentarase o libro Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto. Filosofía e poesía que producen quilowatts, de Xosé Luís Pastoriza.
«Olladas no pasado terá erudición pero tamén moito de coloquio e de diálogo», avanza Liñares Giraut. Por iso as xornadas están abertas a calquera persoa interesada e, ademais, o profesorado galego pode inscribirse nelas como actividade formativa.