Yaiza Gómez, copilota de Viveiro: «Hai que deixar atrás o prexuízo de que os ralis non son para mulleres»

DEPORTES

Aos seus 21 anos, debutará con David Jiménez a bordo dun Peugeot 106 nun Rali da Mariña que tamén rexistra o seu récord feminino con 23 inscritas

08 may 2025 . Actualizado a las 23:29 h.

O crecemento do Rali da Mariña non ten freos. Esta fin de semana celebrará a maior das súas sete edicións desde o 2019, con 101 equipos apuntados e unha participación feminina tamén de récord. Ata 23 pilotas e copilotas se sumarán a un espectáculo que se presentará na noite do venres na Avenida da Mariña de Viveiro e se resolverá o sábado en vías de Ourol, O Vicedo, Cervo e Xove. «Hai que deixar atrás o prexuízo de que os ralis non son para mulleres. Se che gusta, tes a oportunidade e uns poucos de aforros, non hai ningún motivo para que unha muller non poida facelo tan ben como un home», razoa Yaiza Gómez Irimia (Viveiro, 2003), ansiosa pola súa estrea á dereita de David Jiménez nun Peugeot 106.

«Toleo polos ralis desde moi pequena. Tería cinco anos e meu tío xa me levaba velos. Despois funme rodeando de xente que non lle gustaban moito, pero cando comezaron a facer o Rali da Mariña fervíame a sangue por participar e levo anos indo velos», conta quen tamén será unha das participantes máis novas da carreira. «Vai ser a miña primeira vez dentro da competición. Oxalá o poida facer moitas máis», explica, aínda que se descarta como pilota. «Téñoo superclaro, non me vexo», di.

«Afróntoo con moitas ganas e moita ilusión. Sempre quixen participar nun rali, pero ata o de agora nin me atrevera nin xurdira a oportunidade», destaca a copilota, «moi agradecida pola confianza» de David Jiménez, que compite na cita da Mariña por cuarta tempada consecutiva.

«O seu copiloto —Jonatan González— decidiu parar e el en principio tampouco contaba correr, pero ao final decidiuse. En canto mo dixo, o primeiro que lle preguntei foi a quen ía levar de copiloto. Ao día seguinte falamos por videochamada, ofreceume ir e díxenlle que si sen dubidalo, aos cinco minutos de colgar xa tiña comprado o mono e estaba preparando todo», desvela Yaiza. «Non tiven que liala para nada, a ela encántalle isto», confirma o seu compañeiro.

«Acabar e non mancarnos»

Co dorsal 70 e defendendo a anfitrioa escuadra Mix Rallye Sports, propóñense o obxectivo de gozar do Rali da Mariña e completar sen sobresaltos os seus 285,29 quilómetros, 88,16 cronometrados. «A meta será pasalo ben e acabar o rali sen mancarnos», apunta Gómez Irimia.

Sen máis experiencia que os adestramentos previos á competición, preséntase decidida a mostrar a súa capacidade e paixón polo motor. «O ano pasado fun con David buscar ao seu copiloto a Xove antes do rali. Levaba as notas e funllas cantando. Díxome: ‘Anda, pois dáseche moi ben’», recorda.

Yaiza xa quenta motores para facer historia esta fin de semana como unha das 23 mulleres, a única da Mariña, en liza. Completan o cartel Vanesa Guisande e Uxía Carballo, como único equipo integramente feminino, e as copilotas Silvia González, Laura Blanco, Adriana Martínez, Paula Penabad, Melisa Lorenzo, Estela Fernández, Uxía Rodríguez, Antía García, María Elena Piñón, Alba Verónica Porta, Alexia García, Alba Suárez, Laura Moreira, Marta Caeiro, Tania Fernández, María Cristina Sánchez, María Teijido, Pamela Torres, Ruth Sánchez e María Carrasco.