A Estrada reclama apoio decidido para o galego

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

R. G.

O mestre Carlos Loureiro declárase inimigo do decreto do plurilingüismo ó recoller o premio San Martiño

15 nov 2013 . Actualizado a las 07:01 h.

A Estrada convertiuse onte en epicentro da defensa do galego coa entrega dos galardóns correspondentes á décimo terceira edición dos premios San Martiño, convocados pola asociación O Brado. O recoñecemento á normalización do galego no ámbito da comarca foi para o estradense Carlos Loureiro. O mestre fixo gala de franqueza e coherencia. Co premio na man, Loureiro considerouse na obriga moral de erguer a voz para reclamar «un apoio moito máis rexio para o galego, sobre todo desde o ámbito político». «Non abonda con falalo en actos públicos», advertiu. Loureiro convidou á Xunta a desfacerse da «careta do decreto de plurilingüismo». «Todos estamos a favor do plurilingüismo a nivel individual, pero o social só favorece o conflicto», dixo. «Sempre fun belixerante con este decreto e a partir dagora aínda o serei máis», anunciou.

Loureiro lembrou o amor ó galego que lle pegou o párroco Xesús López nas misas e catequeses infantiles «por imperativo familiar» e preguntouse por que nas webs galegas non se entra directamente en galego e logo se dá a opción de pinchar na bandeira para elixir outro idioma. Rematou con contundencia sentida: «Cando Aroa me chama avó, é un sentimento máis fondo que cando me chama abuelo, grand-père ou grandfather, por moi plurilingüe que sexa».

O premio San Martiño no ámbito galego foi para a asociación PuntoGal, que acaba de conquerir un dominio propio en Internet para a lingua e a cultura galega. O recoñecemento a toda unha vida foi para o fiscal Benito Montero, o primeiro fiscal de todo o estado en empregar o galego -hai máis de 30 anos- nas súas comunicacións xurídicas. «Creo que abrín corazóns e ollos á nosa lingua, pero actuei así de forma natural», dixo.